13/06/07

Entrevistas na Biblioteca


Iniciamos hoxe unha nova sección en Biblioafonso, Entrevistas na Biblioteca.
As bibliotecas municipais de Cambre contan cunha notable presenza no eido educativo e cultural do concello. Nos últimos meses inaugurouse a reforma e ampliación da Biblioteca Os Templarios. Teñen, polo tanto, un merecido prestixio social e mesmo gozan de reiterados recoñecementos do Ministerio de Cultura. Pode semellar oportuno que a primeira persoa que pase por esta sección sexa a directora destas bibliotecas, dona Ángeles Roca.

¿Canto tempo leva como responsable das Bibliotecas Municipais de Cambre?
23 anos. Dende maio de 1984, data na que se abriu a primeira biblioteca en Cambre, a que hoxe actúa como Central.

¿Como é e que caracaterísticas pode salientar da rede de bibliotecas municipais de Cambre?
Na actualidade conforman a rede municipal 3 bibliotecas: a Central, no núcleo de Cambre, na rúa Samosteiro; a Biblioteca Municipal Os Templarios, na parroquia do Temple, na rúa Paseo dos Templarios; e a Biblioteca Municipal Xabier P. Docampo, na Urbanización A Barcala, na rúa Río Gándara. Contan, a 31 de maio de 2007, cun fondo de 66.144 documentos e con 6.804 socios.

Son bibliotecas pequenas, pero coido que dinámicas. Desenvolven unha programación estable de Actividades de Animación á Lectura, de outubro a maio, para os máis pequenos, que titulamos “Encontros e contos nas Bibliotecas Municipais de Cambre”: O Moucho Leroucho, Paula Carballeira e Contacontos en inglés. Este programa ten continuidade nos encontros que realiza o Moucho nas propias aulas de infantil e primaria dos centros públicos de Cambre.


Na Biblioteca Central contamos cunha Sala de Exposicións na que se realizan durante a maior parte do ano, actividades e exposicións de todo tipo (fotografía, ilustración, gravado, pintura, etc.), con visitas guiadas moitas delas; alberga tamén no mes de abril os talleres de ilustración e banda deseñada, ou calquera conferencia ou encontro.


¿Que servizos prestan no día a día as bibliotecas de Cambre a mozos e mozas e tamén a adultos?
Pois ademais de lectura en sala, hemeroteca, préstamo, tanto libros como outros formatos, contamos con equipos informáticos en cada unha das bibliotecas, con acceso gratuito a Internet durante unha hora e media por usuario e día. A rede inalámbrica de cada unha das salas permite tamén aos usuarios a conexión gratuita desde ordenadores portátiles, durante o tempo de apertura. Para utilizar estes servizos, só se necesita ser socio dalgunha das tres bibliotecas municipais, isto consíguese con só dúas fotos.
A partir de outubro, nas bibliotecas de Cambre e en todas as da Rede de Bibliotecas de Galicia, cada usuario socio, poderá acceder a “Ocenet Saber e Ocenet Salus”, dúas ferrramentas adquiridas recentemente pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural.

Tamén para o próximo curso esperamos poñer en marcha un clube de lectura para adultos sen límite de idade, e que se publicitará cando dea comezo.

Hai que recordar ademais que as tres bibliotecas municipais dispoñen para préstamo, de varios exemplares de todos os libros de lecturas recomendadas ou obrigatorias dos centros de ensino público de Cambre. No suposto de que, nun momento dado, ese préstamo solicitado non estivese dispoñible, quedaría recollido nunha lista de espera.

¿Que novas adquisicións salientarías para os próximos meses?
Ademais de adquisicións de novidades e actualización dos distintos fondos, tanto en formato papel como noutros soportes, a principios do vindeiro curso escolar temos previsto ampliar a colección de banda deseñada, pois ademais de que nolo están demandando os mozos e mozas, este pasado mes de abril tivemos talleres de banda deseñada, programados para 3º curso de ESO, con moi boa acollida e aos que pensamos dar continuidade no próximo abril. Cremos que o complemento lóxico é poder dispoñer dunha ampla selección de títulos.

¿Que proxectos de futuro pode salientar?
Esperamos poder contar cunha biblioteca Central que poida prestar uns servizos axeitados ás necesidades dos usuarios e usuarias do século XXI.
Contar coa totalidade do fondo de toda a rede informatizado e ampliación de horarios de apertura ao público, sobre todo na Central. Evidentemente isto conlevaría un incremento considerable de persoal.

¿Como son as relacións entre as bibliotecas municipais e os centros de ensino público de Cambre e nos seu caso, coas bibliotecas escolares?
É evidente que desde as bibliotecas municipais traballamos máis cos centros de ensino primario. Temos unha programación de Animación á Lectura que facemos estensiva ás aulas de infantil e primeiro curso de primaria, con préstamos periódicos de libros a estas aulas. De todos os xeitos, desde aquí reitero que as bibliotecas están, por suposto, tamén abertas aos centros de secundaria, non só para préstamos senón en calquera iniciativa na que poidamos colaborar.
O que sí me gustaría salientar, é a boa disposición e colaboración coas bibliotecas municipais de Cambre, por parte de todo o profesorado, tanto o de ensino de infantil e primaria como o de secundaria, cousa que agradezo moi sinceramente.

¿Que desexarías despois de que alumnos e alumnas de secundaria de Cambre lesen esta entrevista?
Pois despertarlles a curiosidade de acudir ás bibliotecas, se é que non o fan normalmente, (seguro que sempre poderán atopar algo que lles interese) e que algunha ou algún deles chegase a ser Supermoucho das Bibliotecas Municipais de Cambre, iso significaría que estaría entre os máis lectores e lectoras do ano.

Moitas grazas pola súa colaboracións e parabéns polo traballo.


3 comentarios:

O Segrel do Penedo dixo...

Parabéns. O exemplo de Bibliotecas Escolares como a vosa é o que fai que cada vez sexamos máis e moitísimo mellores!!
Seguimos aprendendo tanto de vós!!
Unha aperta

Asesoría Bibliotecas Escolares dixo...

Magnífica idea a de entrevistar a unha bibliotecaria, máxime da profesionalidade recoñecida de Ángeles... unha forma moi interesante de poñer en valor as bibliotecas, a lectura e os libros; e moi boa idea a de facelo neste medio, o blog da biblioteca.
Parabéns!

Biblioteca dixo...

Desde "Paxaros na cabeza" agradecemos o voso saúdo e o voso interese. Foi un dos primeiros comentarios que nos chegaron e, a dicir verdade, fíxonos ilusión.