8/6/07

Exposición "Las Misiones Pedagógicas. 1931-1936"

Durante o mes de xuño, poderase disfrutar no Pazo Municipal de Exposicións Kiosko Afonso da Coruña, da exposición”Las Misiones Pedagógicas. 1931-1936”, organizada polo Ministerio de Cultura e a Consellería da Presidencia da Xunta de Galicia.

Ista exposición divídese nunha ducia de apartados que percorren desde os antecedentes deste experiencia – cando en 1881 desde a Institución Libre de Enseñanza Francisco Giner de los Ríos propuxo unha serie de medidas para a reforma da instrucción pública, entre as que incluía a creación de “misións ambulantes”- ata os servizos que ofrecían as Misións Pedagóxicas: Servizo de Bibliotecas, Museo do Pobo, Cinema, Coro, Teatro do Pobo, Servizo de Música ou Retábulo de Fantoches que naceu en terras galegas.

En 1931 case non había bibliotecas públicas en España e ningunha escola rural contaba con libros infantís. O labor emprendida polo Patronato das Misións Pedagóxicas, no que participaron de maneira salientable María Moliner e Juan Vicens, foi a maior campaña de lectura que xamais se fixo en España: repartíronse bibliotecas para adultos e para nenos e nenas por pobos e aldeas aos que non se podía chegar en automóbil e onde non había luz eléctrica.

O 11 de agosto de 1933, comenzou a misión pedagóxica de Galicia dirixida por Rafael Dieste; unha viaxe que duraría seis meses e que percorrería as catro provincias galegas. Foi a actividade de maior duración de todas as que realizou o Patronato das Misións Pedagóxicas, que fora creado polo goberno republicano o 29 de maio de 1931 co obxectivo de levar aos lugares máis apartados uns bens culturais que pertencían por dereito a toda a cidadanía e non só aos habitantes da cidades.

O Patronato distribuiu en Galicia un total de 405 bibliotecas: 79 na Coruña, 48 en Lugo, 123 en Ourense e 155 en Pontevedra. No conxunto do estado, e entre 1931 e 1936, o labor do Patronato chegou a preto de 7.000 pobos e aldeas. Documentáronse 196 circuítos das Misións Pedagóxicas, nas que participaron en torno a 600 misioneiros. Ata o 31 de marzo de 1937 repartíronse 5.522 bibliotecas, que en conxunto sumaban máis de 600.000 libros. O Teatro e Coro realizou 286 actuacións. As exposicións circulantes de pintura puideron verse en 179 localidades.

As fotografías que acompañan este texto foron tomadas en Malpica e no traslado do Museo do Pobo do Pindo a Corcubión en outubro de 1933.

Temos que darnos presa. A exposición só estará na Coruña ata o 1 de xullo.

2 comentarios:

Andrade 39A dijo...

Un artículo moi curioso, sempre resulta moi interesante visitar o voso blog. Bo traballo. Un saúdo dende Pontedeume.

Chispa dijo...

Moitas grazas polo voso comentario. E súmome ao CEIP de Andrade: o voso parécenos un blog moi interesante. Un saúdo dende Ferrol.