26/11/07

La invención de Hugo


Brian Selznick. La Invención de Hugo. SM, 2007


Unha estación, os anos trinta en París, dous orfos, un reloxeiro, un autómata, un mago metido a creador de cine mudo, unha librería, unha tenda de xoguetes, unha chave, un rapaz cun parche no ollo dereito e unha lúa debuxada cun foguete no mesmo ollo… Nese mecanismo-atmosfera que recorda a certos contos de Hoffmann, o autor fai deambular aos personaxes nunha historia de misterio e suspense durante unhas cincocentas páxinas… das que a metade son ilustracións ¡do propio autor! Velaí en realidade a auténtica protagonista do libro: a mestura de varios medios de expresión dentro dunha soa obra: novela, ilustración, cómic e cine mudo debuxado. Os debuxos non ilustran/complementan o relato: forman parte del, en pé de igualdade co texto escrito (nun coñecido diario a reseña deste libro foi publicada na sección de banda deseñada e escrita por un famoso novelista) Recorda, nesto, a outros autores que traballaron neste intento: Gorey, Buzzatti…

Correspóndete a ti averiguar se tal intento está realmente logrado, e se a trama resiste ata o final sen sairse as pezas….

(Atención ás páxinas do apéndice: hai unha páxina web onde podes ver que o aparentemente máis fantástico da historia, o autómata, é o máis real… e ben antigo)

25/11/07

25 de Novembro: Contra a violencia de xénero


25 de novembro: data tope.
Levamos días cunha conta atrás que moitos non soubestes adiviñar. Quizais porque todos e todas vós sabedes que unha data non significa o remate dunha peste, dunha lacra social. Que por riba dos nosos desexos está a crua realidade.


25 de novembro.
Sabemos a historia deste día, sabemos que a muller é máis vulnerábel nas guerras, nos odios, nos enfrontamentos, na violencia.
Sabemos tamén, como educadores que somos, de que o uso gratuíto da violencia como xeito de reafirmación persoal sobre outro é a manifestación máis lamentábel da ignorancia. Só aquel inseguro e con necesidade de amosar a súa posición agride sen motivo.
De aí a importancia da educación, de formar aos mozos e ás mozas, ao noso alumnado por tanto, para combater de raíz as claves da existencia da violencia. Só dende a formación, dende a educación, seremos quen de combater contra ela.


25 de novembro.
Dicimos NON á violencia contra a muller. Dicimos NON a calquera tipo de violencia.
En todos os países medran as denuncias de vítimas de violencia de xénero, nalgúns casos un 400% máis que hai dez anos. Mentres a policía detén maltratadores e os xuíces ditan ordes de afastamento, a mutilación xenital, un tipo de violencia contra a muller, xera novos hábitos nos hospitais.
Algúns grupos de mulleres son particularmente vulnerables á violencia: as mulleres pertencentes a minorías, as mulleres indíxenas, as refuxiadas, as inmigrantes, as mulleres que habitan en comunidades rurais ou remotas, as mulleres indixentes, as mulleres recluídas en institucións ou detidas, as nenas, as mulleres con discapacidades, as anciás e as mulleres en situacións de conflito armado.


25 de novembro
Porque todo tipo de discriminación é violencia, non o esquezamos. O maltrato pode ser psíquico, físico, pero é maltrato. As vexacións, os acosos, as desigualdades, son maltrato. E porque pretendemos e queremos un mundo de iguais, estamos hoxe aquí, unha soa voz, un único berro en contra da Violencia contra as mulleres.

Vía: Trafegandoronseis.

Diario dunha maltratada

Vía: Trafegandoronseis

22/11/07

Concerto na Biblioteca





Co gallo da celebración do Día da Música, a Biblioteca e o Departamento de Música (moitas grazas Isabel e Santiago) tivemos o gusto de organizar un pequeno concerto na biblioteca no que se tocaron pezas de Milhaud, Oasis e arranxos de música folclórica galega.

Os primeiros en actuar foron catro rapaces de 2º ESO A e B (Mónica Arcay, Antón Muíños, Diego Pazos e Noemí Cortés) Estes alumnos interpretaron a canción popular "Troula" seguida dunhas variacións elaboradas por eles mesmos, estreándose como compositores.

Despois, o alumno Christian Antonio, estudante de 5º curso de saxofón, acompañado pola súa profesora ao piano, interpretou a peza "Danse" do compositor francés Darius Milhaud.

Para rematar, Noelia Mariñas cantou un persoal "Wonderwall", tema do grupo Oasis, acompañada pola guitarra de Julián Bokser.

Todo un éxito de acuacións e ¡de público! Noraboa para os/as intérpres.

21/11/07

Cine e Literatura




Este mes a biblioteca “O bosque animado” recoméndache dúas películas de marcado carácter histórico e unha comedia que tamén se desenvole no pasado. “El nombre de la rosa”, “Juana la Loca” e “Good bye Lenin” son tres filmes de enorme calidade. Podes atopar máis información sobre elas na sección As nosas películas.

Cuentos escritos a máquina” é xa un clásico da literatura para mozos e mozas: humor, fantasía, crítica... “Auga para encher un pozo” para é un libro de relato curtos e no que tamén hai lugar para a historia.. “El diablo de los número” é un libro para todas aquelas persoas que temen ás matemáticas. ¿Atresveste? Podes ver outros libros selecciondados en Recomendacións.

13/11/07

NOVELA HISTÓRICA

Presentamos a primeira guía de lectura deste curso: Novela Histórica.
Cun novo formato, recoméndase nesta guía a todo tipo de lector ou lectora unha serie de novelas sobre o pasado. Piratas, o rei Arturo e a época medieval, o camiño de Santiago, Afonso X O Sabio, a época musulmana, Bizancio, Roma... Calquera tempo pasado é bo para ambientar unha novela. Amor, aventuras, intrigas políticas, asasiñatos, investigacións...

Visita na Biblioteca a exposición sobre a NOVELA HISTÓRICA. Busca os filmes sobre o pasado e, se tes sorte, tal vez podas participar con JUAN GRANADOS, autor de dúas novelas de contido histórico (El Gran Capitán; Sartine y el caballero del punto fijo), nun diálogo sobre como e por qué un autor escribe novela histórica.


Lembra que na sección de Guías de Lectura atoparás e esta guía e moitas outras recomendacións.
Atrévete a vivir a aventura do pasado.



10/11/07

Unha biblioteca de chiste



Quen dixo que as bibliotecas teñen que ser lugares aburridos?
Se temos unha sección de banda deseñada, por que non imos facer exposicións sobre o traballo dos humoristas?
Biblioafonso inicia unha serie de exposicións adicadas ao humor. O galego Xaquín Marín é o protoganista da primeira, continuaremos por Siro, Forges...

Libro Guinness 2008


Xa chegou á nosa biblioteca o libro máis esperado:

GUINNES WORLD RECORDS 2008


¿Quen é a persoa máis alta do mundo e canto mide?
¿Canto pesa a cabaza máis grande?
¿Quen é o terrorista máis buscado?
¿Cal foi a película de animación máis cara?
¿Cal é o coche de policía máis rápido?
¿Onde está a montaña rusa máis antiga?
¿Cal é o peixe máis feroz?
¿Cantas mazás se poden cortar no aire nun minuto cunha espada?
¿Cal é o insecto voador máis rápido?
¿Onde está a árbore viva máis alta?
¿Cal é o cadro máis caro?
¿Que país é o que ten máis oscars á mellor película estranxeira?¿Cal é o país máis corrupto?

5/11/07

Inauguración de "O Segrel do Penedo"

"O Segrel do Penedo" somos todas as bibliotecas escolares galegas.

No día de hoxe Biblioafonso foi invitada á inauguración da biblioteca “O Segrel do Penedo “ do IES de Fene. Neste acto, ademais de autoridades, familia do poeta Pérez Parellé, invitados e o alumnado do centro (o verdadeiro protagonista do acto e destinatario final do traballo que se realiza na biblioteca), estiveron presentes todas as Bibliotecas Escolares de Galicia.

Foron unhas horas para lembrar a historia desta biblioteca e dos seus bibliotecari@s, pero sobre todo un tempo para coller novos folgos de ilusión bibliotecaria, para compartir desexos de mellora permanente, para contemplar as melloras "fisicas” da biblioteca, para coñecer unha das bibliotecas de secundaria que é o facho e a guía para as demais, para valorar o traballo ben feito.

Foron unhas horas para apreciar o cariño e o agarimo que a capitana desa nave ten posto nunha tarefa que comenzou hai xa dezasete anos. Foron tamén unhas horas para darlle o recoñecemento non só da súa comunidade escolar, senón tamén de todas as bibliotecas escolares galegas. Grazas polo traballo. Grazas polo exemplo.

No día de hoxe todas as bibliotecas galegas queremos ser “O Segrel do Penedo”.
No día de hoxe todas as bibliotecas somos “O Segrel do Penedo”.

3/11/07

¿Tienen los animales que lavarse los dientes?

Xa chegou a Biblioafonso “¿Tienen los animales que lavarse los dientes?", Premio Bolonia 2006 en Non Ficción, recomendación de José Luis Polanco Nas Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia.

¿Por qué las abejas no tienen cintura de avispa?
¿Se les funden los plomos a las luciérnagas?
¿Se van de vacaciones los animales?
¿Es creyente la mantis religiosa?
¿Es el lobo tan feroz?
¿Sabe inglés el pastor alemán?
¿Fuman los camellos?
¿Tienen cola las serpientes?
¿Tienen las vacas dientes de leche?
¿Es la oveja negra una marginada?
¿Es pacifista el pez espada?
¿Cuántos pies tiene el milpiés?


Hennig Wiesner, director dun zoolóxico alemán responde a estas e outras preguntas semellantes neste interesantísimo libro, cunha maxistral habilidade para transmitir e facer sinxelo o complexo.