03/12/09

3º Terceiro Premio do Ministerio de Bibliotecas Escolares 2008




Onte, mércores 2 de decembro, unha representación da nosa Comunidade Educativa (Director, Secretaria e Dinamizador da Biblioteca) acudimos a Madrid a recoller o 3º Premio Nacional de Buenas Prácticas en Bibliotecas Escolares de 2008. O acto transcorreu na Biblioteca Nacional e el acudiron, ademais de representacións de todos os centro premiados, a Secretaria de Estado de Educación, a Directora Xeral de Cooperación Territorial e a Directora da Biblioteca Nacional. Temos que destacar que o único Conselleiro de Educación presente foi o de Galicia, acompañado polo Director Xeral de Centros. O único. Significará isto algo?

Tras a entrega dos diplomas acreditativos, o director do IES Vallecas-Magerit, en representación de todos os premiados, fixo un fermoso discurso sobre a importancia educativa e social das bibliotecas escolares. Pecharon o acto alumnos e alumnas dese centro vallecano mediante o recitado dun poema en quince linguas distintas, desde o castelán ao francés, desde o galego ao inglés, pasando polo ruso, árabe, guaraní, romanés… Estes alumnos e alumnas puxéronlle a emoción necesaria e precisa ao evento, convertendo un acto formal nun evento cheo de paixón pola lectura e pola poesía.Temos a sorte de compartir nos dous vindeiros anos un proxecto en torno á Biblioteca Escolar con este centro e o IES Siglo XXI de Sevilla baixo o Programa ARCE do Ministerio de Educación.

Tras este acto e as fotos de rigor, recibimos como agasallo final a publicación onde se recollen uns artigos explicativos da biblioteca de cada centro.

Pola nosa banda recibimos o premio como un recoñecemento ao labor de moitos anos, como un recoñecemento a un labor en equipo e de toda a Comunidade Educativa. Recoñecemento que nos fan desde lonxe, desde moi lonxe. Mais o importante é saber de onde vimos, onde estamos e onde nos gustaría estar no futuro. Falta moito por facer…

Pero tamén entendemos este recoñecemento con un premio a todas as bibliotecas escolares galegas das que aprendemos, das que lles collemos anaquiños de ilusión, coas que compartimos problemas e actividades. Ademais, recollemos o premio coa ilusión de que na resolución desta convocatoria do ano 2009 sexan moitas máis as bibliotecas escolares presentes e recoñecidas.















En representación do Equipo da Biblioteca e da Comunidade Educaativa do noso IES, Antonio Martínez recolleu o premio de mans da Secretaria de Estado de Educación e F.P., Eva Almunia, para posteriormente fotografarse co Conselleiro de Educación e coa representación dos outros dous centros galegos premiados.


Os centros premiados e autoridades



Fixéronse eco desta nova a propia Consellería (de onde provén a foto de grupo), o Ministerio de Educación, Atlántico, La Voz de Galicia, La opinión de A Coruña, La Región, Sada Dixital, Consumer, e, como non, a nosa querida páxina das Bibliotecas Escolares de Galicia.



15 comentarios:

Isabel Vázquez dixo...

Noraboa de novo por ese recoñecemento a unha labor que a comunidade de bibliotecas escolares de Galicia xa coñece e admira dende hai tempo.

Oki dixo...

Apúntome ás felicitacións por este premio. E que saistes todos moi guapiños nas fotos.

Biblioteca Escolar CPI San Vicente dixo...

Moitísimas felicidades dende A Baña. Sodes un referente para nós, do que aprendemos curso tras curso e ao que esperamos poder chegar algunha vez. O equipo de biblioteca do CPI San Vicente vos envía unha fortísima aperta.

Serafín dixo...

Parabéns a todo o equipo que estades detrás da biblioteca.

Beni dixo...

Todos nos sentimos orgullosos e recoñecidos nese premio ao noso mestre Toño e ao centro. Estas carreiras de fondo sempre son cansadas pero ao chegar á meta a satisfación é enorme. Pero quedan máis carreiras.

Loly dixo...

Que podo dicir eu que non se dixera xa? Moitísimo...
Que entrei da túa man neste mundo das Bibes.
Que ti me aprendiches case todo o que sei delas.
Que contigo descubrin e sigo descubrindo as posibilidades da Web 2.0
Que ao teu carón disfruto falando de Bibes.
Que.... Que celebrei, celebro e celebrarei este merecidísimo premio para quen é o meu referente.
Parabéns!!!!!

Encarna dixo...

Parabéns por ese merecido premio. Dende o CEIP de Andrade en Pontedeume.
Unha aperta.

Ronsel dixo...

Moitísimos e merecidos parabéns. Sempre seremos admiradores do voso traballo.
Biquiños

Bibliomanía dixo...

Satisfácenos ler noticias coma ésta.Parabéns a tod@s que o facedes posible!
Saúdos dende Sanxenxo.

charo dixo...

Que premio tan, tan, tan merecido, Toño e compañía. Parabéns, bicos e apertas.

olga dixo...

Despois de tantos anos de crer, confiar, traballar... é un placer ver o voso traballo recoñecido.
E agora...¡a seguir! coas forzas renovadas.
Un bico

Biblioafonso dixo...

Grazas a todos e todas polo voso cariño e apoio. Lembrade que o recoñecemento é para todas as nosas bibliotecas.

Anónimo dixo...
Este comentario foi eliminado por un administrador do blog.
Andrés Pulido Villar. dixo...

Enhorabuena por vuestra labor. Un premio merecidísimo que dice mucho de vuestro trabajo por la lectura desde la biblioteca escolar.

Saludos desde Andalucía.

Biblioafonso dixo...

Muchas gracias, Andrés. Es todo un honor tener a MÁS QUE LIBROS en Biblioafonso.