26/1/09

Ciencia mágica en el baño


Fai trucos máxicos e ao mesmo tempo experimentos científicos con obxectos e materiais caseiros.


Asombrarás á túa familia e aos teus amigos e amigas!


Con Ciencia mágica en el baño ordenarás á auga que se levante, farás que pareza unha mensaxe escrita nun espello, descubrirás como flotar no aire e farás invisible ao diñeiro! Neste interesante libro atoparás máis de trinta trucos de maxia, ou se queres máis de trinta experimentos científicos.


Richard Robinson tamén é autor de Ciencia mágica en la sala de estar, Ciencia mágica en la cocina e Ciencia mágica en tu cuarto.

17/1/09

Recomendacións para as familias

Coa chegada do novo ano a Biblioteca “O Bosque Animado” presenta unha nova selección de recomendacións e novidades destinadas ás familias do noso alumnado. Son novos libros que se suman á colección de fondos nos que os destinatarios e destinatarias son os pais e nais así como os docentes.
Tempo atrás xa elaboráramos outra Guía para as Familias que está dispoñible na sección "Guías de Lectura". Nesta oportunidade abórdanse temas como a adolescencia, o divorcio, a motivación, as relacións persoais no contorno familiar, os limites na educación e formación da mocidade, os conflitos na familia…

13/1/09

Non é só rock´n´roll

Temos xa en Biblioafonso o libro de Xavier Vilariño El gran circo del rock, que podes levar para a túa casa cando queiras (con volta, por favor, e con todas e cada unha das súas páxinas, que xa chega co "arranca-e-apanda-coas-páxinas" que Biblioafonso padece coa revista Rolling Stone, ¿ah?).
Xavier Vilariño ofrece unha viaxe polo mundo do rock´n´roll chea de rumores, lendas, anécdotas, mortes, tiburóns en hoteles -ehm...-, guitarras queimadas, mitos, parelllas imposibles, plaxios de todalas cores, historias, fotos, and so on (¿vivía Brian Jones na casa de Winnie the Pooh?, ¿quen rompe a guitarra na película "Blow up" de Antonioni?, ¿pelexáronse Jim Morrison e Janis Joplin polo chan diante dun atónito Hendrix?, ¿invitaban a tiburón os Zeppelin ás súas fans e sen embargo amigas?, ¿era un místico agostiniano o irmán de Ray Davis, dos Kinks?, ¿vivía Johnny Rotten, líder dos punks Sex Pistols, coa súa mami?, ¿tiña cerebro Sid Vicious?).
Ilustración a partir dun debuxo de Alejandro G. (4ºA)

O título do libro está -é obvio- calcado do vello pr oxecto dos Stones ao final dos sesenta (un programa para a TV británica) con John Lennon -a relación de Lennon con Jagger é un profundo pozo aínda moi pouco estudado, dito sexa de paso: a admiración, influencia e envexa ían en dobre sentido-, os Who, que merendáronse aos Stones, máis oxidados que eles daquela, a musa Faithful nos seus bos tempos -¡ah...!-, e un longo e pintoresco etcétera da mitoloxía do rock.

Podes facer dúas cousas: comerte este libro, ou facer como que non existe. Mellor escolle o segundo, por favor: non temos ganas de compartilo.

10/1/09

Tintín cumpre oitenta anos


O soado reporteiro belga apareceu por primeira vez o 10 de xaneiro de 1929 na revista Lle Petit Vingtième.

O soado reporteiro do cómic Tintín, o mozo louro de insolente flequillo e pantalóns bombachos que sempre vai acompañado do seu fiel can Milú, celebrará o seu oitenta aniversario.
Foi un 10 de xaneiro de 1929 cando Tintín, xa acompañado de Milú, apareceu por primeira vez na revista Lle Petit Vingtième da man do debuxante belga Georges Remi, máis coñecido como Hergé.
Tratábase da primeira aventura do reporteiro na Rusia bolxevique titulada Tintín no país dos Soviets.
Esa historia foi o inicio dunha saga de 24 aventuras ao redor do mundo da que xa se venderon máis de 250 millóns de exemplares e que foron traducida a máis de 50 idiomas, e ata foi adaptada ás pantallas en debuxos animados.
A denuncia do réxime soviético efectuada por Hergé foi aclamada e motivou ao seu autor para lanzar ao seu personaxe a unha serie de viaxes que lle levarían ata algúns dos recunchos máis soñados polos amantes da aventura: desde os pasadizos das pirámides de Exipto ás frondosas selvas suramericanas, pasando polos fumaderos de opio en China e, ¿por que non?, a Lúa.

A noticia completa, a foto e o texto vía La Voz de Galicia.

Máis información no xornal El Mundo.

Lembrade que na Biblioteca temos unha fantástica colección dos álbums de Tintín en galego.

8/1/09

A frase do mes


Álvaro Mutis
"Leer un libro es volver a nacer. Es el camino para apropiarnos de un mundo y de una visión del hombre que, a partir de ese momento, entran a formar parte de nuestro ser."

4/1/09

Bibliotecas con ritmo

Vía A Nosa Biblioteca, deixamos hoxe en Biblioafonso este fantástico, divertido e musical vídeo: