22/12/09

"Un libro sempre... tamén no Nadal"


Por terceiro ano consecutivo as bibliotecas escolares e municipais de Cambre preséntanvos una proposta de lecturas, cine, banda deseñada, música,… para gozar e agasallar en Nadal. Un traballo colaborativo realizado con todo o noso cariño para que o pasedes ben compartindo histoiras e ilusións durante estas vacacións.

Na guía participamos: As Bibliotecas Municipais de Cambre e as Bibliotecas dos centros de ensino público: Escola Infantil, CEIP Portofaro, CEIP O Graxal, CEIP Torrente Ballester, CEIP Emilio González López, CEIP Wenceslao Fernández Flórez, IES David Buján e o IES Afonso X O Sabio.

Esperamos que vos guste e lembrade: “Un libro sempre, tamén no Nadal”.


20/12/09

Novas adquisicións: De Madonna al canto gregoriano


Existe unha idea moi antiga segundo a cal a música e as palabras non se levan moi ben xuntas, porque realmente é moi difícil falar de música. Do que se fala é de cousas arredor da música, cousas que teñen que ver con ela, pero nunca se pode falar da música propiamente. Por iso quixen escribir un libro non sobre a música, se non sobre a maneira de pensar sobre ela, porque as palabras teñen moitos matices, significan sempre algo máis ou algo menos, é moi difícil dar exactamente con aquilo xusto que se quere dicir. O que quería era reflexionar sobre iso, sobre cómo as palabras poden reflectir a cultura musical.


Nicholas Cook referiuse nestes términos nunha entrevista aparecida o 12 de decembro do 2007 no Diario de Sevilla para referirse ao seu libro De Madonna al Canto Gregoriano: una muy breve introducción a la música. Madrid, Alianza Editorial, 2001. O cal nós temos agora na nosa biblioteca.


Cook aborda este libro desde os distintos valores que encarna a música, tanto a música máis "académica" como a máis "popular" e reflexiona sobre os significados que estes tiveron na historia e teñen na actualidade.


Nicholas Cook é catedrático de musicoloxía de varias universidades inglesas, como a Royal Holloway de Londres ou a Cambridge University e ademais de escritor de moitos libros sobre música dirixe o Centro de Investigación de Historia e Análise da Música Grabada (CHARM). É unha auténtica personalidade e escribiu este libro cheo de contido para achegar á xente non experta as ideas nas que él traballa frecuentemente e para facernos ver que teorías que poden parecer moi lonxanas se nos amosen moito máis familiares do que nun principio poderían parecer.

14/12/09

Jack London: como asaltar un tren

Jack London, en primeiro plano, según Hugo Pratt. Acompáñao Corto Maltese, no fondo.


Botamos hoxe man dun libro deses que non se pode deixar de ler. É unha das derradeiras adquisicións da nosa biblioteca. Vale para ir no bus, para camiñar pola rúa ou agardar no banco. Sen máis preámbulos, trátase de “El Camino” de Jack London, afamado escritor estadounidense (San Francisco, 1876-1916) autor de títulos tan coñecidos como “Cairo Branco” (Xerais, 1997) e “Martin Eden”, aínda non traducido ao galego.

En 1894, non tendo mellor cousa que facer, Jack London bótase á estrada portando pouco máis que o seu propio asubío. Iso é o que conta neste libro. O plan era sinxelo: viaxar ata onde as forzas dos seus dezaoito anos o levaran, libre e sen compromiso, mendigando teito e comida, e, -as máis das veces-, fuxindo da policía e de canta autoridade se lle poñía por diante. Soa fermoso, si, pero tamén arriscado. Os apuros polos que pasa nun só día o trotamundos son incontables. Pero tamén o son as delicias desa vida, para aquel que naceu co espírito revolto dos aventureiros. É ou non é así? “He pasado noches horribles en mi vida recorriendo metrópolis infernales, durmiendo en medio de un charco, o en medio de la nieve y cubierto por un par de mantas, cuando el termómetro registraba setenta y cuatro grados bajo cero; pero puedo jurar que jamás en la vida he pasado una noche más miserable que la que pasé con el sueco en la taberna itinerante del Council Bluffs” (páx 139).


Debido á miseria xeralizada nese final de século no seu país, particularmente grave en familias humildes como a del, tivo xa de cativo, que desenvolver o enxeño para sobrevivir. Pero é que aínda así o deste home sáese do común. Non parou quieto nin un momento, enrolándose nas máis inverosímiles empresas, dende a piratería fluvial ata a febre do ouro. A súa obra bebe directamente desas ricas experiencias, que fixeron del un dos autores máis vendidos do seu tempo. Sen embargo, unha vida dese xeito vivida, en exceso, termina por lle pesar máis da conta, e tras pasar os derradeiros anos entregado ao alcohol e a diversas sustancias que consumía para aguantar as dores do seu corpo, suicídase por medio dunha sobredose de morfina á idade de corenta.

Pero neste libro non hai nin pinga dese amargo final. Aquí atopamos a un Jack London mozo, forte e lúcido, incapaz de se resistir ao engado da carretera, á súa beleza: “en realidad me hice vagabundo por la vida que llevaba dentro, por esas ansias de conocer mundo que no me dejaban descansar. (…) Comencé a hacer el camino porque no me podía alejar de él” (páx 145). E así vaise atopando con todo tipo de persoas, dende xente á que aborda e persuade para que lle dean de comer e vestir, ata tipos duros dispostos a lle esnaquizar os osos á menor oportunidade que lles dea. Chega incluso a formar parte do coñecido como “Exército da Fame”, unha marcha de máis de dous mil parados que viaxaban a pé ata Washington como protesta. Pero sen dúbida o que transforma a este home é pasar pola cadea. Alí pásaas canutas, e tócalle lidiar co peor, xa sexan presos ou gardas. Todo iso conflúe nunhas páxinas terribles que paga a pena ler, precisamente, polo que non é quen de escribir nelas.

(Entrada: colaboración de M.)

10/12/09

O que estou lendo paréceme (IV): Vento ferido



Carlos Casares. Vento ferido. Editorial Galaxia.


Na miña opinión o libro resalta a violencia, a soidade, o amor ou a dor. É un libro para saber que a vida non é como a pintan os contos de Disney. É un libro un pouco forte pero reflicte a realidade das sociedades menos afortunadas.


Eu o recomendo para todas as persoas que lle guste ler libros realistas e duros xa que todos nos temos sentido identificados con algúns dos relatos.


Bea. 1º de Bacharelato


03/12/09

3º Terceiro Premio do Ministerio de Bibliotecas Escolares 2008




Onte, mércores 2 de decembro, unha representación da nosa Comunidade Educativa (Director, Secretaria e Dinamizador da Biblioteca) acudimos a Madrid a recoller o 3º Premio Nacional de Buenas Prácticas en Bibliotecas Escolares de 2008. O acto transcorreu na Biblioteca Nacional e el acudiron, ademais de representacións de todos os centro premiados, a Secretaria de Estado de Educación, a Directora Xeral de Cooperación Territorial e a Directora da Biblioteca Nacional. Temos que destacar que o único Conselleiro de Educación presente foi o de Galicia, acompañado polo Director Xeral de Centros. O único. Significará isto algo?

Tras a entrega dos diplomas acreditativos, o director do IES Vallecas-Magerit, en representación de todos os premiados, fixo un fermoso discurso sobre a importancia educativa e social das bibliotecas escolares. Pecharon o acto alumnos e alumnas dese centro vallecano mediante o recitado dun poema en quince linguas distintas, desde o castelán ao francés, desde o galego ao inglés, pasando polo ruso, árabe, guaraní, romanés… Estes alumnos e alumnas puxéronlle a emoción necesaria e precisa ao evento, convertendo un acto formal nun evento cheo de paixón pola lectura e pola poesía.Temos a sorte de compartir nos dous vindeiros anos un proxecto en torno á Biblioteca Escolar con este centro e o IES Siglo XXI de Sevilla baixo o Programa ARCE do Ministerio de Educación.

Tras este acto e as fotos de rigor, recibimos como agasallo final a publicación onde se recollen uns artigos explicativos da biblioteca de cada centro.

Pola nosa banda recibimos o premio como un recoñecemento ao labor de moitos anos, como un recoñecemento a un labor en equipo e de toda a Comunidade Educativa. Recoñecemento que nos fan desde lonxe, desde moi lonxe. Mais o importante é saber de onde vimos, onde estamos e onde nos gustaría estar no futuro. Falta moito por facer…

Pero tamén entendemos este recoñecemento con un premio a todas as bibliotecas escolares galegas das que aprendemos, das que lles collemos anaquiños de ilusión, coas que compartimos problemas e actividades. Ademais, recollemos o premio coa ilusión de que na resolución desta convocatoria do ano 2009 sexan moitas máis as bibliotecas escolares presentes e recoñecidas.















En representación do Equipo da Biblioteca e da Comunidade Educaativa do noso IES, Antonio Martínez recolleu o premio de mans da Secretaria de Estado de Educación e F.P., Eva Almunia, para posteriormente fotografarse co Conselleiro de Educación e coa representación dos outros dous centros galegos premiados.


Os centros premiados e autoridades



Fixéronse eco desta nova a propia Consellería (de onde provén a foto de grupo), o Ministerio de Educación, Atlántico, La Voz de Galicia, La opinión de A Coruña, La Región, Sada Dixital, Consumer, e, como non, a nosa querida páxina das Bibliotecas Escolares de Galicia.



02/12/09

A música da biblioteca 1: Eric Satie


Eric Satie (1862-1925) foi compositor, pianista de bar, escritor, membro da secta dos Rosacruz, rebelde de xove e estudoso da música da Idade Media de maior...

Satie riuse durante toda a súa vida. Creou as Pezas con forma de pera, as Pezas frias, as Gnossienne, as Gymnopedias... gustaba dos nomes divertidos que non lle recordasen a música da xente seria.

Unha vez dixo ao seu amigo Cocteau: "Quero escribir música para os cans, e xa fixen o meu deseño: A cortina subida a un óso".

Satie viviu precursor de todas as correntes do século XX. Foi minimalista, foi dadaista, foi futurista, foi surrealista...

Na biblioteca temos un CD adicado á obra de piano de Satie tocada polo pianista Patrick Cohen... anímaste a escoitala?.

Se estás interesado en Eric Satie podes atopar información nesta páxina.

01/12/09

PROGRAMA ARCE: Iniciamos os traballos

Durante os pasados días 25, 26 e 27 de novembro estiveron en Cambre tres profesoras e un profesor do IES Vallecas-Magerit de Madrid e do IES Siglo XXI de Sevilla. Con esta visita iniciamos o programa ARCE do Ministerio de Educación. Foron uns días de intenso traballo e de frutífera relación persoal. Traballouse moito e con fundadas expectativas de boa rendibilidade educativa.

Pero que é o programa ARCE? Que proxecto estamos a desenvolver?

O programa ARCE (Agrupamento ou Redes entre Centros Educativos) é un programa subvencionado polo Ministerio (para o noso centro con 8.200 euros) que pretende desenvolver actividades coordinadas entre centros de distintas comunidades autónomas.


A formulación de proxectos comúns busca, por unha banda, impulsar os intercambios entre os centros e a mobilidade de alumnos e profesores, contribuíndo á adquisición e mellora das súas aptitudes, non só nas competencias, áreas, ou temas nos que se centra o proxecto, senón tamén na capacidade de traballar en equipo. Por outra banda, preténdese consolidar redes educativas entre os centros participantes, todo iso en aras dunha mellora na calidade da educación.

O noso proxecto ten como cerne a biblioteca, de feito puxémoslle por título “A biblioteca escolar como recurso documental e punto de encontro” xa que pretendemos desenvolver actividades con alumnado nas que a biblioteca sexa o nexo de unión. Durante eses días de novembro o profesorado estivo traballando para elaborar un calendario de traballo, sempre pensando no alumnado, destinario da maior parte da axuda económica. Deste determinouse as datas de xuntanzas do profesorado (as seguintes serán en Sevilla e en Madrid) así como a que grupos irán destinadas as actividades (3º e 4º da ESO) e cando viaxará o alumnado para coñecer, e desenvolver traballos, aos compañeiros e compañeiras das outras comunidades. En abril do 2010 viaxarase a Madrid e en decembro dese ano a Sevilla. Recibiremos ao alumnado dos outros centros en marzo do 2011.

Para que o alumnado dos distintos centros se vaia coñecendo e para ter unha plataforma na rede como expositor dos traballos realizados, empregaremos unha rede Ning.

Foi un auténtico pracer compartir estes días con docentes ilusionados, cuns docentes que teñen bibliotecas escolares modélicas e cuns docentes que son unhas extraordinarias persoas.


Fotografías desde o IES Siglo XXI e vía Biblioteca do IES Vallecas Magerit.

A frase do mes




"Un lector, en calquera circunstancia, o será sempre como consecuencia dun acto de vontade persoal e como culminación dun itinerario absolutamente singular. Aspirar xa que logo á uniformidade, a unha soa e canalizada traxectoria de lector, é un esforzo estéril. Cada lector debe trazar o seu propio camiño, debe facer os seus descubrimentos persoalmente, ao seu xeito. Iso non admite dúbidas."

Traducido ao galego desde Juan Mata. "Bibliotecas, clubes, redes y otras fraternidades". En Lecturas en la red y redes en torno a la lectura. Salamanca, Fundación GSR, 2009. Cita da páxina 106.