7/6/10

Robert Crumb, "Génesis" e "Kafka"

Ilustración de Robert Crumb en "Génesis"

Que Robert Crumb debuxe o "Xénese" da Biblia, incluíndo os textos orixinais da versión de B.A.C. na edición en castelán, e algo así como escoitar aos Rolling Stones cantando villancicos, entrar nun bar onde non estea o televisor permanentemente encendido ou atopar una película francesa nunha sala de cine comercial un sábado pola tarde. Un triángulo de catro lados. O que non pode ser, e ademais é imposible, que dicía o outro.
Crumb pasa por ser o máis importante autor de cómics do fai anos chamado "cómic underground" dos sesenta e setenta (na nosa versión carpetovetónica do mesmo tivemos nos setenta a xente hoxe tan recoñecida como Mariscal, Ceesepe ou Max). Hoxe en día xa non vive nos EE UU, senón en Francia, coa súa segunda señora e a súa tamén comiqueira filla, pasando por ser o número un do que agora se prefire chamar "cómic alternativo" (outros escriben "indie"). Sexa como sexa, Crumb revolucionou o mundo do cómic mundial, e incluso persoas que non soen ler cómics coñecen a súa obra, ou dicen coñecela (críticos de arte -arrgh!- tamén). Para moitos, o autor de cómics máis importante de todoslos tempos... (Non nos poñamos tráxicos: ¿quen pode dicir tal cousa de calquera actividade humana, sexa ciencia, fútbol ou reparto de bombonas de butano?).
Desde fai alguns meses temos na nosa biblioteca dúas obras de Crumb: "Génesis" e "Kafka". Se ata agora Crumb non estaba na nosa sección de cómics non era por descuido, senón porque é sabido que outras obras deste autor sáense demasiado da "corrección política". Non estaría ben visto nunha biblioteca escolar...
Ademais desta asombrosa versión do "Xénese", contamos coa obra titulada "Kafka", que como a anterior é publicada en castelán por La Cúpula, aínda que estaba anteriormente editada en Arxentina, mais en peores condicións (e pouco accesible). Este album sobre a vida e obras de Kafka está escrita por David Zane Mairowitz, e debuxada por Crumb, e é anterior a "Génesis". Inclúe ilustracións e breves cómics, e axuda ao lector a meterse nas profundidades da obra kafkiana, aínda que. iso aparte, ten valor por si mesmo como album.
Agora ben: supónse que esta entrada deste blog está destinada ao alumnado da ESO e bacharelato deste IES. E un volve, unha vez máis , a preguntar(se): ¿realmente persoas da ESO ou bacharelato len esta entrada...? Se é así, ¡toc-toc!, por favor, sería interesante sabelo... ¿Aló...?

2 comentarios:

Papalibros dijo...

Sei que este é un comentario moi atrasado, pero topei o artigo "googleando", de casualidade. Noraboa pola definición de "Génesis" como triángulo de catro lados e a metáfora dos Rolling. É difícil de entender como alguén coa traxectoria de Crumb dibuxe un libro así... Dende un punto de vista práctico, é unha moi boa opción para coñecer un texto da literatura universal. Con respecto á correción política das outras obras de Crumb, como motivo para non estar nunha biblioteca escolar, é algo discutible. Moitos dos clásicos universais son obras politicamente incorrectas, da lectura de "Génesis" dedúcese que a Biblia, sin ir máis lonxe, é unha delas.

Anónimo dijo...

Ola: antes que nada, gracias polo comentario. Hai varios dedicados a cómics neste blog, e nunca comenta nada ninguén (en fin, creo que hai un, pero é meu, pois a entrada sobre Mazzuchelli era doutro colaborador). Gracias pois.
E logo, o do "politicamnete correcto" era con toda a carga do sarcasmo que imaxinar podas, ¿mh? Supoño que lembras a historia da primeira edición de "El gato Fritz" pola editorial da revista "Star", ¿ou? De todos xeitos, intenta comprar ese album e algún outro ("Mis problemas con las mujeres" ou outro dese estilo), logo coloca eses tomos na sección de "Novidades" da túa biblio escolar e despois... espera na mecedora coa bota sobre o valo como Henry Fonda na peli de Ford sobre o incidente de "O.K. Corral". Na peli de Ford creo que aínda non había A.P.A., mais iso corre da nosa conta imaxinativa...
En fin, falo en broma, claro. Ti xa sabes.
Polo demais, a idea non era tanto dar a coñecer a "Biblia" a través de Crumb, senón dar a coñecer a Crumb co Crumb que "se pode" ter nunha biblio escolar, por Tutatis ou, polo menos, por favor.
É que é difícil, penso.
Moitas gracias outra vez. (Se pinchas na etiqueta de "Cómics" accederás a outras entradas sobre Taniguchi, Jason, etc., que talvez sexan do teu interese). Ciao, e boa caza. Un saudo.