23/03/11

"El arte de volar", cómic



Temos desde fai pouco na nosa biblio este album de Altarriba (guionista) e Kim (debuxante) tan premiado, tan premiado, que ao mesmo tempo recibe o Premio Nacional de Cataluña e o Nacional de España, ambos correspondentes ao 2010, metafísica carambola que non impediu sen embargo que caeran máis e máis premios de todos lados.

Altarriba cóntanos a vida do seu pai, desde que ten uns oito anos e traballa no campo aragonés ás ordes dun autoritario pai, nunha época de moitas necesidades e grandes desigualdades e inxustizas, pasando pola II República e a Guerra Civil na que loita do lado republicano. Pasa despois a Francia onde é membro da Resistencia, non sen antes sufrir o insufrible nos campos de concentración das praias francesas onde o Estado veciño agrupa aos fuxidos das tropas franquistas. A supervivencia en Marsella cun ex-anarquista neocapitalista metido no mercado negro do carbón -non é un chiste- dará paso á volta a España de Franco, onde sobrevivirá renunciando a tantas cousas como tantos outros españois daquela. A obra achégase ata fai poucos anos, cando o pai do guionista decide finalmente acabar coa súa vida de vello encerrado no xeriátrico. Fin.

En principio esta historia podería dar moitísimo de si, e converterse nunha referencia do cómic hispano, con premios nacionais ou non, pero desgraciadamente a torpeza do guinista desbarata esa posibilidade. Isto non impide ver certos valores nesta obra, que está ben en liñas xerais, e pode ser unha boa forma de que certas persoas intenten poñerse nos zapatos dos superviventes da postguerra, agora cun cómic.

Mais o album non é tan bo como para recibir tantos premios, nin para que certos gurús da crítica comiqueira deste país boten tantas flores. Non é para tanto, e un ten que ler en artigos, blogs, prólogos e epílogos ventas de fume só explicables polo amiguismo ou o delirio. A chuvia de premios é simplemente un fenómeno da natureza inexplicable, como calquera aficionado ao cómic pode comprobar asomándose ás páxinas deste sobrevalorado album. Talvez esta premitis sexa outra proba máis do que o politicamente correcto pesa para estas cousas, como xa comentábamos fai tempo falando de Persépolis.

Desde o punto de vista da linguaxe do cómic esta obriña é menor; moderadamente boa, pero sen máis, e con erros gordos de novato. Referímonos ao guionista, que pasa por ser "teórico do cómic" (?), o que ao noso xuízo non casa con trapalladas imposibles como a derradeira viñeta da páxina 121 (falamos da edición especial: un texto explicativo posto como o demo sabe como, seguido dun globo a destempo, e un debuxo ao final), ou a terceira da 167 propia de fanzine de adolescentes con presa (unha viñeta ¡sen debuxo!, só cun textazo explicativo e un globo cuxo pico apunta... ¡á anterior viñeta, meu Deus!). Polo demais, e falando en xeral, a obra adolece dun sistemático e insoportable exceso de textos explicativos cargantes que aplastan literalmente os debuxos das viñetas, que dan información con embudo convertendo moitísimas viñetas en cadriños-postais para facer de simple soporte deses textos, etc. Ademais, a historia carece de ritmo (o sentido do tempo, dos silencios, das viñetas e secuencias de transición a penas existen). Por se pouco fora, a primeira parte (República e Guerrra Civil) volve a caer no maniqueísmo que tantas veces en novelas, películas e agora cómic temos que padecer neste xénero da "Guerra Civil" -en España xa é un xénero, como o western ou o policíaco-, onde "o outro", neste caso os "nacionais", son presentados soamente de forma caricaturesca sen matiz algún (afortunadamente tal maniqueísmo vai sendo superado a partir do episodio marsellés).

En definitiva, temos na biblio a disposición de quen queira un cómic extenso no que o guionista quere facer unha homenaxe a o seu pai, membro da xeración que viviu a Guerra Civil e o posterior desterro, francés primeiro, e interior logo. ¿E o debuxante? O debuxante é o barcelonés Kim, autor non demasiado coñecido pero xa bastante maior, que, se ben non domina a figura humana como o prologuista di no album -debuxa sistematicamente mal a xente correndo que representa movendo á vez o brazo e a perna do mesmo lado, ou debuxa ao revés a man do vello sobre a perna da vella na páxina 178, etc.-, cumpre bastante ben co seu papel, e soporta estoicamente as barbaridades hipertextualizadas (perdón polo "palabro", que acabamos de inventar) do inefable teórico do cómic que Deus confunda, o coleccionista de premios.

E xa.

Ningún comentario: