28/2/11

28 de febreiro: Día de Andalucía

Os compañeiros e compañeiras do IES Siglo XXI de Sevilla, veñen de presentarnos a seguinte selección de poetas andaluces. Fantástico traballo.

14/2/11

8/2/11

Club de Lectura 2010-11, en movemento...


Co comezo deste ano 2011 o Club de Lectura deste IES e desta biblioteca nosa está outra vez en movemento.

O Departamento de Lingua Castelá leva un grupo de 1º-2º da ESO que de momento está a ler Dos velas para el diablo, de Laura Gallego. O Departamento de Inglés leva outros de 3º e 4º da ESO nos que lerán a coñecida serie de cómics Zits, naturalmente en inglés, como Deus manda. Pola súa parte o inefable Departamento de Filosofía dá unha vez máis a nota, agora coa lectura de textos variados baixo o título de "Literatura e rock´n´roll" (en fin...!), cun grupo de 1º-2º de bacharelato.

Aproveitamos que o Pisuerga pasa por Valladolid para invitar unha vez máis a algún profe que aínda se vexa con forzas para crear un novo grupo-club. Estamos a tempo: hai sitio.

2/2/11

A Frase do mes: Michèle Petit

Michèle Petit

"A individuación e a lectura van de concerto, pero talvez a lectura, aínda que constitúe un punto de apoio decisivo na elaboración da singularidade propia, presupón sen embargo, polo menos para os raparigos, o saír do grupo, ou a dificultade de sentirse parte integrante del, ou un desexo de diferenciarse. E esta diferenza, en diante, vese ratificada, desenvolvida, grazas á lectura."


Michèle Petit. Nuevos acercamientos a los jóvenes y la lectura. México, Fondo de Cultura Económica, 1999, páx. 138.

"Barrio lejano", cómic de Taniguchi


Taniguchi é considerado como un dos máis importantes autores (guionista e debuxante)do "manga" xaponés -entendemos por "manga" cómic xaponés, sen máis- e do cómic mundial. "Barrio lejano" conta unha historia en principio pouco orixinal e moi recurrente na novela, o cine e o cómic: a viaxe no tempo, na variante tamén pouco orixinal de volver a vivir na adolescencia ou primeira xuventude, pero sabendo o que na idade adulta (supostamente) sabemos. Ata aí, nada novo, ¿verdade?: o protagonista, un pai de familia xaponés da actualidade, con problemas cos fillos e a súa muller, de volta de moitas cousas e con tendencia a beber demasiado, equivócase de tren e acaba no pobo de orixe, onde visita o ciminterio da súa nai e será "víctima" dun suceso incomprensible que leva a este home de cincuenta anos a cando é estudante de bacharelato nos primeiros sesenta. Ó de sempre: ¿pode cambiar o seu propio destino?,; ¿pode axudar ás persoas que quere nos problemas que el sabe que terán?; ¿é posible viaxar ao pasado e que non salte todo o "futuro prtérito" polos aires?; etc. Se só fora isto, incluído o desenlace da última páxina, a obra sería interesante para pasar o rato, pero non moito máis... Pero si é algo máis: Taniguchi tiña a idade do protagonista cando debuxa as súas viñetas. Está claro, fala, tamén, de si mesmo. Por H ou por B a maioría dos mellores albumes de cómics son de base autobiográfica, e non estamos a falar de viaxes no tempo. Ou si, pero desde outra perspectiva... máis interesante. Non fala Taniguchi dunha manida viaxe no tempo "obxectivo" (o que toda humanidade comparte, a historia, a sociedade xaponesa, etc.), senón do tempo tal e como cada quen o vivimos no noso interior. Non fai falta botar man da xerga existencialista-peñazo agora: baste recordar que todos estamos mesturando presente, pasado e futuro (como proxecto) constantemente. Camiñamos pola rúa para ir ao súper e a nosa mente lévanos á nosa adolescencia, pero cruzámonos coa veciña e dicimos "ola" á vez que volvemos ao presente, para logo pensar qué faremos nas vacacións de verán dentro de varios meses, e acto seguido sae da nosa memoria o noso amigo da infancia X, co cal cortamos relación por un funesto malentendido, e preguntámonos como sería a nosa adolescencia se tal ruptura se evitara... Constantemente estámonos a (re)contar o noso pasado, probablemnte máis fragmentariamente do que pretendemos, pero é que ese conto ímolo modificando co paso dos anos, refacendo continuamente a memoria da nosa infancia, adolescencia, etc. Diso fala o Taniguchi de cincuenta anos que comeza este cómic, envolto no celofán convencional da tópica viaxe no tempo "obxectivo-histórico" que é só isio: celofán. Como mostra, dous botóns: no volume II, 1)o anti-flash-back no que o adolescente "recorda" a noite de copas falando coa camareira e o ligue ao que propón o que propón; 2)a escena impagable da estación cando intenta conseguir que o seu pai non abandone á familia, e a explicación que se dá a si mesmo despois do seu comprtamento. Chega con iso. Ou sexa, nunca volveu a ser adolescente, nunca deixou de ser o home de mediana idade e pai de familia. Máis: el, ocomo o seu pai, tamén planteóuse en serio abandonar o seu fogar. O seu pai... O pai como pai ausente, como presencia, como referente, como pilar é tamén un tema recurrente en Taniguchi, como na outra obra sús "El almanaque de mi padre" (tamén na biblioteca). Podemos rematar dicindo un par de couisas da súa arte como debuxante. A verdade é que este album é todo un desplegue de técnica: cada páxina, cada viñeta, está perfectamente pensada e ben pensada. Talvez demasiado. Pode que haxa un exceso de habilidade técnica para unha historia como ésta, tan persoal. Talvez cambie con demasiada frecuencia de plano, ou abuse de puntos de vista aéreos ou en picado, ou de debuxos de fondos baseados en fotografías. Todos eses excesos propios do gran profesional que chegou a ser xogan, pensamos, en contra dunha lectura emocionalmente máis cercana. Escoller un tipo de debuxo menos pegado ao hiperrrealismo fotográfico sería máis adecuado. Cremos. Polo demais, destacar que só en tres ocasións recurre a viñetas irregulares: cando volve á adolescencia, cando estamos entrando na escena da estación co pai, e cando volve aos cincuenta anos. Si, na derradeira páxina hai outra vez ruptura das formas das viñetas, pero é no momento máis débil do album, cremos: cando Taniguchi cede ante a convencionalidae das historais de viaxes no tempo e o sobado recurso do libro escrito como proba da viaxe no tempo... "obxectivo". ¿Presión do editor? ¿Non sería máis convincente deixalo sen este rrecurso?.

Outras obras de Taniguchi na nosa biblioteca: "El almanaque de mi padre" e "La montaña mágica". ¿Hai esperanza de que estas tres obras sexan vistas polo persoal do noso IES, incluíndo o maior de trinta anos? Sinceramente, é moi pouco probable.