21/6/11

Lecturas de verán 2011

Xa están aquí as vacacións de verán e o noso consello de non esquecer neste tempo de lecer as boas lecturas. Esta é a guía que as bibliotecas municipais e escolares de Cambre elaboramos pensando neste tempo de lecer. Desde o ano 2008 todas as bibliotecas vimos colaborando na composición desta guía que non só inclúe libros senón tamén propostas musicais e cinematográficas. Nela participamos as bibliotecas municipais e as bibliotecas dos centros escolares: CEIP Portofaro, CEIP O Graxal, CEIP Torrente Ballester, CEIP Emilio González López, CEIP Wenceslao Fernández Flórez, IES David Buján e o IES Afonso X, O Sabio . Esperamos que gocedes destas propostas e feliz verán.


15/6/11

Sobre a IV Xornada dos Clubs de Lectura en Santiago


Como en anos anteriores tivo lugar o día 10 un novo encontro en Santiago dos coordinadores dos diferentes clubs de lectura existentes en colexios e institutos de Galicia. Tamén o noso IES estivo alí representado, claro é.
Comezou o día coa intervención de Ana Díaz-Plaja Taboada, chegada desde Cataluña para, una vez máis, falar da posibilidade da utilización da literatura de baixa calidade, "literatura lixo" (sic), para elevarnos pouco a pouco cos lectores dos clubs cara a unha literatura de máis calidade (clásicos ou non).
Antes da hora de xantar os coordinadores dos clubs reuníronse por "zonas" (Coruña, Ourense, etc,) en diferentes aulas para así compartir experiencias, dialogar, etc., tamén como nas outras ocasións.
Xa despois da comida certo número de responsables de clubs de lectura en centros distintos de Galicia contaron as súas experiencias, como tamén é costume.
Rematou a IV Xornada coa presencia do escritor Fernando Marías, que falou da súa dedicación á literatura en xeral e en particular á literatura así chamada "xuvenil", centrándose especialmente en gatos, autobuses, veciñas, arquivos, cines de sesión nocturna e editores con particulares conceptos do negocio libresco. Falou, por suposto, de tres ou catro novelas "xuvenís" súas moi coñecidas, e sobre todo da última, tomándose a molestia de explicar a relación que o seu tema ou trama ten que ver coa súa vida, ou se se prefire, coa vida, a secas.
Acabamos cunha sorpresa, a actuación do músico e cantante Xabier Díaz, que podes ver e escoitar aquí.
PS: ¿Ten a administración intención de que haxa clubs de lectura o próximo curso...? Como dicía aquel lobo naquela revista do ano de Maricastaña: Aaaaaaaaaaaaaaauuuuuuuuuuhhh...!

9/6/11

Mural para a librería Cascanueces

Video do mural de David Pintor para a Librería Cascanueces da Coruña, realizado por Luis Caldevilla.

Mural de David Pintor & Co. en la Librería Cascanueces (A Coruña) from Luis Caldevilla on Vimeo.

6/6/11

Celso Sanmartín con nós


Días atrás e por terceiro curso consecutivo, o noso narrador de cabaceira pasouse polo instituto. Fermoso, impactante, así é Celso. Acada os silenzos máis espectantes coma as ruidosas gargalladas. Grazas

A FAME



AS APOSTAS DE LALÍN

1/6/11

A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas

MANIFESTO DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA




Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:



A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas


Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.


Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.