30/12/11

Feliz aninovo 2012

Cos mellores desexos


21/12/11

Guía de lectura. Navidades 2011

Como cada fin ano vos presentamos a guía de lectura coas recomendacions para estas Navidades. Coordinada polas bibliotecas de Cambre, participaron na súa elaboración  varios colexios de infantil e primaria e os dous IES do concello. Na guía encontraredes  propostas de libros (narrativa poesía, banda deseñada), películas e música para todas as idades,  dende os primeiros meses de vida ata recomendacións para adultos, agrupadas por edades.

14/12/11

Mercadiño solidario


 O proxecto "Navidades Solidarias" de axuda á Cociña Económica é un proxecto que iniciamos este ano unha serie de alumnos de 2º de Bacharelato como continuación do proxecto iniciado o ano pasado pola profesora de francés Isabel Luna e unha parte dos seus alumnos de Atención Educativa e Francés. Contamos tamén coa colaboración duha parte do alumnado da ESO que quixo axudar neste traballo. Moi similar ao do ano pasado, o proxecto consiste, basicamente, na recadación de fondos para a organización anteriormente dita, a través da venda dunhas rifas de baixo custo e un mercadiño solidario con obxectos doados polo alumnando e profesorado. Paralemente, fíxose unha campaña de recollida de alimentos, obxectos de hixiene persoal e roupa que serán doados íntegramente á Cociña Económica. Todo aquel que quera participar neste proxecto so ten que achegarse ó noso mercadiño (aberto nos recreos de Bacharelato  e a ESO) e mercar ben obxectos ou rifas, podendo tamén doar directamente o que comentamos anteriormente (roupa, obxectos de hixiene e, principalmente, comida) deixando todo esto na aula de Francés.
Moitas gracias pola vosa colaboración. 

10/12/11

10 DECEMBRO DDHH

63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.
Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.
Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.
E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"
* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.
Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!
Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.
Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)