01/03/12

Cómics: novidades de marzo do 2012

     Mr. Lone Ranger, I suppose...

  O Departamento de Historia tivo a ben incorporar tres novos títulos á nosa biblioteca de cómics de Biblioafonso. Dese modo Giardino e Tardi están con nós por fin, e Hugo Pratt repite ( e van...).
   Os tres álbumes teñen como fondo a guerra, se ben son tres guerras diferentes,  e todas do s. XX, a maior gloria da humanidade: a I Guerra Mundial (Tardi), a Guerra Civil española (Giardino) e a II Guerra Mundial (Hugo Pratt).
   Tardi é un autor francés recoñecido mundialmente (a recente película sobre "Adèle" está baseada nunha saga creada por el, inspirada de lonxe pola saga tintiniana, unha das súas dúas obsesións: a outra é a I Guerra Mundial da que o seu avó tantas historias lle contaba, e así), e éste ( La Guerra de  las Trincheras) un famoso album dedicado aos desastres da "Gran Guerra" onde é difícil non respirar ese aire antimilitarista tan de Tardi.
   A obra do italiano Giardino -outro gran autor, que por certo estivo aquí na Coruña fai uns tres anos na Semana do cómic- é a recente triloxía "integral" (¡No pasarán!) na que o seu personaxe Max Fridman, de sangue xudeo como a muller do propio autor, se move dentro da España da Guerra Civil. Esta nova edición que inclúe as tres partes posibilita agora unha nova lectura, completa, sen interrupcións dos novos movementos do melancólico Fridman na guerra na que Hugo Pratt pretendía que Corto Maltese "desaparecera" (que non morrera).
   Por último, o primeiro volume da saga de Hugo Pratt de Los Escorpiones del Desierto. O ambiente é a II Guerra Mundial en África: desertos tipicamente prattianos, o cínico Koisnky, a aparición de novo do africano Cush, que xa paseara antes pola saga de Corto Maltese, o fascista italiano Stella... Este volume I leva dentro as dúas primeiras historias da saga. A primeira historia foi iniciada por Pratt en 1969, e rematada en 1973, en branco e negro aínda que agora Norma se empeñe de novo en colorear o que sabe de sobras non debería colorear. A segunda  (tamén orixinalmente en branco e negro, pero xa se sabe...) é de 1975. Despois Pratt iría mellorando esta serie, soltándose graficamente. Esta saga non ten a fama que ten a de Corto, pero non queda atrás, polo menos a partir da terceira entrega que aínda non temos. (Finalmenmte, trala morte de Pratt, a serie quedou en mans de non se sabe qué debuxante: Deus nos colla confesados, queridos amigos).
   Vae victis!

Ningún comentario: