25/04/19

Día do Libro: exposición e concurso de microrrelatos



Como todos os anos e en colaboración co departamento de Lingua castelá, celebramos o Día do Libro cunha exposición de traballos do alumnado no recibidor do centro. 

Este curso o tema elixido foi sobre o xénero de literatura fantástica. Concretamos os traballos nos seguintes aspectos:


· 1º ESO:  Os superheróes: rasgos, poderes e debilidades,
· 2º ESO: Laura Gallego e a literatura fantástica,
· 3º ESO: A mitoloxía e os seres mitolóxicos,
· 4º ESO: O cómic manga e a literatura gótica,
· 1º BAC: Contos románticos e fantásticos: Irving, Poe e Hoffman.
Acompañamos os paneis cunha selección de fondos da nosa Biblioteca expostos na entrada do IES.
Doutra banda, convocouse o XV Concurso de microrrelatos, que tamén organiza o departamento de Lingua castelá,coa colaboración da Biblioteca e que este ano estaba centrado na literatura fantástica, polo que os relatos debían empezar por : "Sabía que era un sueño, pero..." .

Como todos os anos, houbo unha gran participación por parte do alumnado e o día 23 de abril, dentro das actividades de conmemoración do Día do Libro, fíxose entrega dos premios aos participantes ganadores, coa presenza da Concelleira de Educación do concello de Cambre e membros do equipo directivo do IES. No devandito acto, léronse varios fragmentos do Quixote por parte dos alumnos de 3º, 4º da ESO e Bacharelato, fíxose unha representación dun diálogo entre Shakespeare e Cervantes e unha dramatización dun fragmento de Romeo e Julieta por parte dun grupo de alumnos e alumnas e houbo, ademais, actuacións musicais, coordinadas polo departamento de Música.

09/04/19

Antía Yáñez co alumnado


No mes de marzo o alumnado de Bacharelato da materia de Comentario de Textos gozou da presenza da escritora Antía Yañez para falar sobre o seu libro Senlleiras. A través dunha charla tan amena como comprometida, foi explicando o proceso de creación da novela, asi como a súa intención de denuncia do maltrato ás mulleres, desde principios do século pasado ata os nosos días. 

02/04/19

Manolo Rivas no IES Afonso X O Sabio



Días atrás o alumnado de Bacharelato tivo a oportunidade de celebrar a entrada da primavera e o día da poesía na compaña dun dos escritores galegos de maior proxección internacional.

Manuel Rivas, nesta actividade organizada pola editorial Xerais en colaboración co Departamento de Lingua e Literatura Galegas, EDLG e Biblioteca, falou ao longo de case unha hora ante un público atento e interesado nas súas palabras; falou da importancia da literatura oral, explicou o porqué dos seus libros, da súa escrita, realizou unha emocionada lectura de poemas, algúns sobre os personaxes do libro "As voces baixas", en especial os seus avós. Esta é una obra escrita en clave autobiográfica, a modo de homenaxe do autor ás voces daquelas persoas que na escura época da ditadura franquista non podían elevarse para expresar a súa opinión libremente. Familia, amizades, infancia, medos, amores… A memoria dunha época na pluma dun escritor comprometido coa súa terra e orgulloso das súas orixes.

Ao remate asinou exemplares das súas obras a quen llo pediu, realizando fermosas dedicatorias personalizadas con mensaxes que transmitían bos desexos, afouteza, liberdade, respecto e folgos para a mocidade.


A Biblioteca preparou unha pequena guía de lectura coas obras que temos deste autor así como unha exposición das mesmas.


Obras na biblioteca


Este días pasados tivemos obras na biblioteca para mellorar a instalación eléctrica dos ordenadores co obxectivo de ter máis protexidos todos os cables. Igualmente instalouse un riel na parede con varios enchufes. 

Tamén foi cambiada a conexión eléctrica do canon de vídeo  para ter máis próximo ao mesmo un ordenador portátil.