30/3/14

Forget me not. (Exposición do fotógrafo Bernard Plossu na Coruña)

Co gallo da saída editorial do libro de Bernard Plossu (Vietnam, 1945) "¡Vámonos!", que recolle fotografías tomadas en catro viaxes a México entre os anos sesenta e oitenta, temos ata o once de abril para poder ver na Galería Vilaseco Hauser unha pequena mostra do traballo deste autor.

París, ano sesenta e cinco: primeira das catro viaxes, ós vinte anos.  Plossu xa vira abondo de canto se programaba nos cineclubes franceses cando decide botarse á estrada, coma as personaxes de Kerouac. Da man da literatura e o cinema perde o rumbo polas paisaxes Mexicanas. Por que México? Ten dito el que xa fora iniciado nisto da fotografía, o deserto e as viaxes polo seu pai, tamén no oficio; ora que quizais “Los olvidados”, película de Buñuel do ano 1950, teña algo que ver: foi unha das súas descubertas máis memorables no cineclube. Nela, Buñuel filma unha realidade atravesada pola violencia e a miseria na que, sen embargo, aparecen toda esa clase de elementos perturbadores e ambiguos que tanto obsesionaban ó director -a muller que lava os pes á noite como invitación erótica, animais mortos, a perversidade dun vello cego-,  xunto con outros que parecen formar parte, do xeito máis natural, do ambiente no que foi rodada a película: a escena dun ritual de curación no que se deluva unha pomba branca polas costas núas do enfermo, o galo que anuncia o horror que vai vir, ou aquela rapaza que enxuga a cara en leite. Suxestivo, non si?  

Nunha das viaxes posteriores, fotografía México en color. Segue unha técnica de impresión coñecida coma método Fresson, que dá un aire antigo e metálico ás imaxes: cores moi saturadas, grao gordo coma puntiños de carbón. Ben, é que Plossu é remiso á hora de incorporar innovacións ou sumarse ó dixital. Todo o contrario, é da opinión de que o fotógrafo ten que se esforzar en ver e non estragar o momento tirando tres billóns de fotografías. Por iso, nunha etapa especialmente inspirada do seu traballo –fora pai de dous nenos coa tamén fotógrafa François Núñez, e vivían  os catro baixo o sol de Almería- tira as fotos con cámaras de xoguete, coas de cartón dun só uso e con outras semellantes. Por ser o estremo técnico desas cámaras tan pequeno atopa nelas risco e liberdade en dose abonda. Os resultados son... ben, dunha delicadeza asombrosa tendo en conta a forza do que revelan. Gardan moito diso do cal non hai recunque posible nesta vida, no tempo dos mortais –que diría o mal poeta, o pouco orixinal. 

   EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍA DE BERNARD PLOSSU EN A CORUÑA: Galería Vilaseco-Hauser, ata o día 4 de abril de 2014, na rúa Padre Feijoó, nº 5, 1º.


   [Colaboración de M.]