20/6/19

Teleantiga de 1º ESO A

A través do tempo: Teleantiga de 1º ESO A

O alumnado de 1º ESO A presenta A través do tempo.

A morte do xove faraón Tutankamon, as crecidas do Nilo en Exipto, o primeiro código escrito de leis da historia, a batalla das Termópilas ou a erupción do Vesubio, son algunhas das novas da Antigüidade que estes reporteiros de 1º ESO A nos presentan neste Teleantiga.

Desde a materia de Xeografía e Historia vos invitamos a ver este telexornal coas novas da Antigüidade:


6/6/19

A reconstrución da historia: de Grecia a Roma



Nesta 3ª avaliación os alumnos de 1º da ESO quixemos FACER Historia!.

Nada de aburridas explicacións sobre a antigüidade clásica, decidimos TRABALLAR por proxectos.

Sendo o noso obxectivo estudar os contidos relativos á historia de Grecia e Roma, puxémonos a ler sobre as cuestións que máis nos interesaban do mundo clásico. Unha vez escollidos os temas comezamos a ELABORAR o noso traballo (ben de forma individual ou por parellas).

Un proxecto libre e creativo que consistiu, por un lado, en elixir calquera acontecemento da historia antiga (político, económico ou social) ou produción material (artística e/ou funcional) e RECONSTRUÍR eses fragmentos para darlle vida á Historia que esconden, como se fósemos verdadeiros/as historiadores ou arqueólogos. Así naceron as nosas maquetas e dioramas, cascos gregos e romanos, vasos cerámicos, xogos de mesa, noticiarios, reportaxes históricas e, incluso, improvisacións rapeiras.


Por outro lado, tivemos que documentar -en audio e vídeo- todo o proceso de elaboración dos nosos proxectos e explicar o como e o porqué do que estabamos a facer na aula e o significado e/ou funcións deses obxectos do pasado. E o mellor e que puidemos sacar o móbiles, gravar cos nosos ordenadores e APRENDER novos recursos!.



Por último, completamos as actividades facendo unha exposición na aula para EXPLICAR, aos nosos “expertos” compañeiros, os resultados máis salientables no nosos traballo. Finalmente, puidemos expor tamén algúns deles na biblioteca do centro.

Esperamos que vos gusten!
    Asinado: S.P.Q.R.




“Gustoume a idea de facer os traballos,
porque é unha maneira de aprender e atender ao contido máis entretida”
                                      
(Isabel Fernández, 1º ESO E)



“Eu creo que é mellor facer traballos porque nos gusta máis, e creo que si algo nos gusta o aprendemos mellor. Tamén me pareceu moi interesante, e ademais ao expoñelo aprendemos máis dos demais traballos”
(Yaiza Carballeira, 1º ESO C)


 “Facer o proxecto é mellor porque é máis divertido e... saca o lado creativo de cada persoa”
(Valeria Santiago, 1º ESO D)




1/6/19

Camiño dos Faros: proxecto final






Este curso quixemos coñecer máis da nosa terra e trouxemos o mar a Cambre, ao instituto. O motivo foi aproveitar a Costa da Morte e o marabilloso Camiño dos Faros para conseguir varios obxectivos.




O primeiro e fundamental coñecer Galicia e o que temos máis preto. Como pretexto tomamos o Camiño dos Faros pois axeitábase moi ben ao alumnado posto que son oito etapas e cadraban moi ben oito grupos de tres persoas por aula. 


A actividade consta de dúas partes: construír unha maqueta do faro da etapa correspondente e elaborar unha guía desa etapa. Nesta guía debían tratarse cinco puntos principalmente e maiores engadir o que considerasen; situación do punto de inicio e do punto da fin, lugares polos que transita a etapa, paisaxe, flora e fauna e que podemos ver ao longo da etapa. A isto engadímoslle posibilidades: lendas, curiosidades, literatura, gastronomía...


Outro dos obxectivos era valorar a terra que nos rodea e coñecer lugares fantásticos a menos dunha hora de camiño. Asemade coñecer os motivos que levan á denominación de Costa da Morte.

Como remate da proposta temos programada unha saída para facer un anaco do Camiño desde o Cemiterio dos Ingleses até cabo Vilán, tramo incluído na quinta etapa Arou-Camariñas.