21/06/09

Un bosque animado

Sansula é un vídeo musical de Dominik Eulberg e dirixido por Dirk Rauscher, quen proxectaron animacións nunha fraga e logo as filmaron. Os detalles das flores foron fechos mediante a técnica de stopframe cunha cámara réflex dixital.

SANSULA Dominik Eulberg musicvideo from dirk rauscher on Vimeo.

18/06/09

Recomendacións para o verán

Como en outros períodos de lecer, o conxunto das bibliotecas dos centros educativos de Cambre, e baixo a coordinación das bibliotecas municipais, elaboramos unha serie de recomendacións de lectura para as vacacións: “Este verán refréscate coa lectura”.

Son unhas recomendacións organizadas polos grandes tramos educativos, nas que ademais de libros temos outras suxestións “Para compartir” como banda deseñada, música ou cine. Os libros son para todos os gustos e todas as idades. A partir de 12 anos poderedes atopar literatura clásica, actual, de aventuras, de misterio, de amor, de actualidade, poesía...


17/06/09

Ergonomía da lectura

A compañía circense canadiana Les 7 doigts de la main interprta deste xeito todas as posibilidades ergonómicas para lermos un libro.



Vía Frikitecaris.

11/06/09

Con Joan Manuel Gisbert




Esta semana estivo no centro e na biblioteca Joan Manuel Gisbert.

Non sabemos se o retraso na súa visita foi para facerse de rogar ou ben porque se cruzou un temporal o pasado 9 de febreiro. Xa naquel mes da invernía, preparáramos unha guía de recomendacións das súas obras, unha exposición dos seus fondos na biblioteca e un cartel conmemorativo, tal e como podedes lembrar en Biblioafonso.O caso é que pasou máis tempo do previsto co alumnado de 4º da ESO, lectores da súa afamada obra “El misterio de la isla de Tökland”.

Tras a fermosa e gaiolante presentación de Mª José Jove, esta personalidade das letras xuvenís do panorama español inundou de creazóns literarias o centro. Foron uns minutos sometidos á desbordante personalidade do autor, quen podía comezar falando dun tema, mais, cun dominio contundente dos substantivos e dos cualificativos, levarnos ata lugares insospeitados. A súa capacidade creadora quedou mais que demostrada.
Estamos convencidos de que o alumnado quedou abraiado con este "Encontro co autor" ao tempo que Gisbert quedaría canso de asinar exemplares.





09/06/09

Máis cine en galego

Chegaron 16 novas películas con versión en galego para a Biblioteca. Foron adquiridas en colaboración co Equipo de Normalización Lingüística e veñen completar a colección de cine en galego.

Están representados varios xéneros cinematográficos: comedia, drama, reportaxe...
Todas foron feitas en Galicia, é dicir, filmadas na nosa terra, con actores e actrices galegas, con técnicos do país, coa banda sonora musical composta por artistas galegos e con teima de reigame galega.

Os filmes son: Pradolongo, Romasanta, O soño dunha noite de san Xoán, O agasallo de Silvia, Galego, Lena, Blanca Madison, A casa da miña avoa, Divertimento, A lei da fronteira, Pucho Boedo, O camiño de Santiago, As Encrobas, Gisaku e Sara.
Con esta nova achega, o fondo cinematográfico da biblioteca chega case aos 200 filmes.

07/06/09

Xornada dos Clubs de Lectura


O pasado 5 de xuño asistimos á Xornada de Clubs de Lectura en Santiago. Como sempre a xornada estivo magnífica mente organizada pola Asesoría de Bibliotecas Escolares e desenvolveuse na Escola Galega de Administracións Públicas.

Póla mañá iniciouse o traballo co relatorio da profesora catalana Mireia Manresa que nos fixo reflexionar sobre os hábitos lectores na adolescencia. Lembrou que xa desde os 10 anos a consolidación do hábito lector vaise facendo cada vez mais complexo pero, e ao tempo, amosou técnicas para a consolidación e a ampliación das prácticas lectoras na adolescencia. Posteriormente, Rosa Aneiros, que onte mesmo recibiu dous importantes premios literarios, expuso as súas experiencias nos clubs lectores. Tan só dúas palabras fantástica e grazas.

Polo serán catro centros expuxeron o seu traballo. Éramos todo oídos para aprender deles. Logo as aragonesas Merche Caballud e Carmen Carramiñana contaron a súa extraordinaria experiencia de “Ler xuntos”: todo un xeito de implicación social e colectiva coa lectura. E sorpresa final, Celso Sanmartín, a quen o noso alumnado de 1º da ESO comece ben, fixo acto de presenza case como unha gran estrela mediática. Imposible ter un mellor remate dunha xornada estupenda.

Máis información e fotos en O segrel do penedo.

01/06/09

A frase do mes


Eliana Yunes
"Por iso, ler non é responder a cuestionarios sobre o autor ou o estilo de época ou de figuras de linguaxe, ler é comprender e dar sentido á nosa propia historia e vida. A práctica da lectura debe ser liberadora e non aumentar o fardo das nosas limitacións. A lectura, desde a receita da torta da avoa ao impreso dun medicamento, da publicidade ao conto, debe ser unha celebración da nosa participación no discurso, na linguaxe viva que dá sentido ao mundo".

Eliana Yunes. Políticas públicas de lectura: modos de hacerlas. Pensar el libro, nº 3, marzo 2005.