Amosando publicacións coa etiqueta Arte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Arte. Amosar todas as publicacións

15/04/23

15 abril: día da arte

 O ARTE É VIDA


        O 15 de abril foi a data seleccionada para celebrar o día internacional da Arte, coincidindo co nacemento dun dos artismas máis infuíntes da historia: Leonardo da Vinci. Con el, búscase concienciar da súa importancia e da influencia que ten o pensamento creativo nas vidas das persoas. Ademais, a arte é unha forma de expresión que nos axuda a sentirnos mellor, entre outras causas, porque fortale a nosa autoestima, reduce os niveis de estrés e ansiedade, potencia a memoria, mellor a concentración e axuda a coordinación

        Para celebrar este día, recomendamos aunar dúas das nosas pasiones: arte e literatura coas seguintes obras de Carlos del Amor, O autor fai unha selección persoal de cadros importantes para el e ofrécenos tanto datos curisosos como unha historia inventada sobre cada un deles:


30/03/14

Forget me not. (Exposición do fotógrafo Bernard Plossu na Coruña)

Co gallo da saída editorial do libro de Bernard Plossu (Vietnam, 1945) "¡Vámonos!", que recolle fotografías tomadas en catro viaxes a México entre os anos sesenta e oitenta, temos ata o once de abril para poder ver na Galería Vilaseco Hauser unha pequena mostra do traballo deste autor.

París, ano sesenta e cinco: primeira das catro viaxes, ós vinte anos.  Plossu xa vira abondo de canto se programaba nos cineclubes franceses cando decide botarse á estrada, coma as personaxes de Kerouac. Da man da literatura e o cinema perde o rumbo polas paisaxes Mexicanas. Por que México? Ten dito el que xa fora iniciado nisto da fotografía, o deserto e as viaxes polo seu pai, tamén no oficio; ora que quizais “Los olvidados”, película de Buñuel do ano 1950, teña algo que ver: foi unha das súas descubertas máis memorables no cineclube. Nela, Buñuel filma unha realidade atravesada pola violencia e a miseria na que, sen embargo, aparecen toda esa clase de elementos perturbadores e ambiguos que tanto obsesionaban ó director -a muller que lava os pes á noite como invitación erótica, animais mortos, a perversidade dun vello cego-,  xunto con outros que parecen formar parte, do xeito máis natural, do ambiente no que foi rodada a película: a escena dun ritual de curación no que se deluva unha pomba branca polas costas núas do enfermo, o galo que anuncia o horror que vai vir, ou aquela rapaza que enxuga a cara en leite. Suxestivo, non si?  

Nunha das viaxes posteriores, fotografía México en color. Segue unha técnica de impresión coñecida coma método Fresson, que dá un aire antigo e metálico ás imaxes: cores moi saturadas, grao gordo coma puntiños de carbón. Ben, é que Plossu é remiso á hora de incorporar innovacións ou sumarse ó dixital. Todo o contrario, é da opinión de que o fotógrafo ten que se esforzar en ver e non estragar o momento tirando tres billóns de fotografías. Por iso, nunha etapa especialmente inspirada do seu traballo –fora pai de dous nenos coa tamén fotógrafa François Núñez, e vivían  os catro baixo o sol de Almería- tira as fotos con cámaras de xoguete, coas de cartón dun só uso e con outras semellantes. Por ser o estremo técnico desas cámaras tan pequeno atopa nelas risco e liberdade en dose abonda. Os resultados son... ben, dunha delicadeza asombrosa tendo en conta a forza do que revelan. Gardan moito diso do cal non hai recunque posible nesta vida, no tempo dos mortais –que diría o mal poeta, o pouco orixinal. 

   EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍA DE BERNARD PLOSSU EN A CORUÑA: Galería Vilaseco-Hauser, ata o día 4 de abril de 2014, na rúa Padre Feijoó, nº 5, 1º.


   [Colaboración de M.]

12/12/08

Atréveste con Leonardo da Vinci?


Non hai xeito mellor de coñecer a un personaxe que meténdose no seu pel, investigar da mesma forma que el, cos seus recursos.
Neste libro poderás atopar desde o seu libro de familia, planos das cidades onde vivíu, coñecer os seus deseños militares, as súas ideas para volar, para mellorar o transporte; os seus planes secretos, os novos instrumentos musicais que deseñou, o seu robot, as innovacións nas técnicas pictóricas ata o seu testamento.

Sabías que Leonado escribía de dereita a esquerda? Neste libro atopas algún espello para comprender os seus textos.


Todo Leonardo en: Susanne Rebscher. Leonardo da Vinci. Zaragoza, Edelvives, 2008.

01/11/08

A morte na pintura

Vía INICIARTE, presentámosvos, no Día dos Defuntos, un vídeo sobre a pintura e a morte. Que vos parece?

19/05/08

Exposición: Castelao. Debuxos de negros


Na xornada anterior á celebración do día das Letras Galegas, a biblioteca "O bosque animado" inaugurou a exposicón Castealo: debuxos de negros. Son unha ducia de láminas que veñen introducidas polo seguinte texto de Domingo García -Sabell:


Alfonso Daniel Rodríguez Castelao –sinxelamente, Castelao para nós os galegos- foi un grande artista creador, e un ilustre patriota, que nace una pequena vila mariñeira de Rianxo, nas Rías Baixas, en 1886.

A súa vida percorre en dous ritmos contrarios. Un, lento, tranquilo, de traballo cotián, no medio natural, Galicia, que comprende aproximadamente o lapso de tempo entre 1909 –primeiras exteriorizacións da súa arte de debuxante- e 1936. O segundo, moi axitado, inquedante, ateigado de loitas, esperanzas e morriñas, vai dede 1936 deica 1950, no cal ano, un 7 de xaneiro, finou una cidade de Bos Aires. O desacougo persoal de Castelao neses catorce derradeiros anos non impediu, máis ben facilitou, pola virtude da súa distendida carga espiritual, o florecer de novas caras da súa arte.

Os debuxos de negros, feitos en Cuba e en Norteamérica, en 1939, son sen dúbida unha das expresións máis verdadeiras, e máis patéticas, da creatividade do artísta
.” Domigo García-Sabell (1970)


28/04/08

Abril, mes do libro (IV): Exposición "Tolkien ilustrado"


Continuando con o respaso que estamos a facer sobre as actividades realizadas durante o mes de abril co gallo da celebración do día do libro, a nosa biblioteca, en colaboración coa bibliotreca escolar do IES Fene, O segrel do penedo, preparou a exposición "Tolkien ilustrado".

Lede o seguinte texto de Alan Lee, sobre o seu traballo de ilustrador da obra de Tolkien O señor dos aneis:

"A miña principal preocupación ao ilustrar O Señor dos Aneis foi intentar proporcionar un acompañamento visual á historia sen interferir ou falsear as imaxes que o autor está construíndo coidadosamente na mente do lector. Sentín que a miña tarefa era dar sombra aos heroes da épica misión, a miúdo de lonxe, achegándome ás veces e n os momentos de máis emoción pero evitando tratar de recrear os momentos dramáticos do texto.

Unha das imaxes máis fortes, para min, é a de Gollum mentres baila ao bordo da Greta do Destino co dedo cortado de Frodo na man. Pero foi a mesma vivacidad da escena o que me quitou o desexo de representala.

A riqueza da obra de Tolkien é tal, que non hai ningunha ou case ningunha páxina na que non ocorra algo dramático, marabilloso ou terrible, e hai pasaxes tan fermosas e elexíacos que todo intento de visualizalos parece torpe por comparación.

Tolkien conseguiu crear un mundo que existe máis aló das dimensións da súa propia narrativa. Mediante unha paisaxe poderosamente imaxinada, e uns firmes fundamentos de historia e mito, fixo que a Terra Media sexa accesible a todos nós e ás nosas fantasías imaxinativas.

Síntome inmensamente privilexiado de poder ilustrar O Señor dos Aneis, un libro que impresiona profundamente na primeira lectura e que probablemente influíu no curso da miña carreira nos seguintes vinte e cinco anos. O libro conduciume non á fantasía, pero se a un reforzado interese en mitos e lendas".

23/03/08

O club de lectura: a toda marcha


O club de lectura “ O bosque animado” xa está traballando a toda marcha.

Pequenos grupos de lectura espalláronse por todo o centro. Quen non está a ler Matecuentos e porque anda co Principiño; se remataron La joven de la perla pasáronse a El enigma Vermeer. Se non están lendo El señor de las moscas e porque están co Vixía entre o centeo. O alumnado máis económico anda ente El mercado y la globalización ou con El vendedor de tiempo.



Por idiomas que non sexa: castelán, galego, inglés (The secret of the stones, Under the sea) ou francés (Le malade imaginaire)

Deste xeito, estase abordando mediante pequenos grupos dirixidos por docentes, lecturas sobre arte, economía, valores, matemáticas, en inglés ou en francés. Sempre fóra de horario lectivo e con carácter voluntario; desde 1º da Eso ata o 2º de bacharelato e os ciclos formativos.

06/03/08

Mulleres e Arte


“A historia da arte
nega ás mulleres e afirma á muller”
Marián L.F.Cao (Profesora da Universidade Complutense de Madrid)

Ata hai ben pouco as mulleres concretas e individuais cos seus desexos e preocupacións non aparecían nas plasmacións artísticas porque tiñan moi restrinxido o acceso como productoras de arte e non dominaban o ámbito que a sociedade patriarcal define e valida como arte verdadeira. Deste modo, as mulleres foron rexeitadas como creadoras e por tanto, a súa visión do mundo e de si mesmas case nunca foi exposta aos demais. As poucas mulleres que malia as enormes trabas acadaron importantes logros foron, en xeral, ignoradas pola Historia do Arte. Por outra banda, a arte e, na actualidade, tamén a publicidade, constrúen unha muller inventada e pouco cambiante. Prescíndese, en xeral, das mulleres de carne e oso xerando unha construcción universal que contenta as fantasías e os desexos que os homes desenvolven nunha sociedade onde a eles tamén se lles impoñen uns determinados valores tipificados como masculinos e bos. Certamente unha análise seria amosará outras produccións artísticas que non encaixarán neste esquema tan simplista. Porén, é innegable que non facer unha reflexión desde unha perspectiva de xénero é ocultar o papel que a arte ten como xustificadora de roles e constructora de conciencias.


04/03/08

Maruja Mallo: a gran transgresora do 27

Poucos saben que a soberbia triloxía formada por Lorca, Buñuel e Dalí, de sobra coñecida por todos, foi en realidade un cuarteto. Quen era esa cuarta figura, estrañamente silenciada pola historia? Por que foi relegado ao esquecemento o seu nome? Maruja Mallo foi, sen lugar a dúbidas, unha pintora xenial, á que unha suma de adversidades históricas e prexuízos sociais negaron de xeito insólito o recoñecemento que merece.

A súa peripecia vital é a de quen irrompeu na escena artística madrileña dos anos vinte decidida a romper os estereotipos e os moldes que encorsetaban tanto a arte coma as mulleres, condenadas a desempeñar o papel exclusivo de fieis esposas e lánguidas amas de casa. Os seus extravagantes atuendos, o seu desenfado, as súas correrías noturnas da man de Dalí e dos seus compañeiros da Residencia de Estudantes por un Madrid sacudido polo impacto do cine, do jazz e das ideas máis radicais, así coma o seu xogo deliberado coa ambigüidade sexual, converteron a esta moza galega, miúda e fráxil, nun emblema temperán da liberación feminina. Pero pagou a súa ousadía. En 1937 viuse obrigada a exiliarse a Arxentina, de onde voltou vinte anos despois, só para comprobar que os escándalos asociados ao seu nome remataran desdebuxando a súa verdadeira fisonomía e por eclipsar a portentosa valía da súa obra.
Nada en Viveiro no ano 1902, a profesión do seu pai -funcionario de aduanas- levouna a residir en distintas provincias españolas até a definitiva instalación da familia en Madrid en 1922. Ingresa na Academia de Belas Artes e empeza a relacionarse coa nova xuventude de poetas e artistas que irrompen na escena española. Coñece a Salvador Dalí e á poetisa Concha Méndez, que a introducen no círculo da Residencia de Estudantes, onde estreita lazos de amizade e camaradaría con Lorca, Buñuel e con Rafael Alberti, co que mantén unha relación amorosa importante e longo tempo silenciada tanto na súa biografía como na do poeta. Concha Méndez e Maruja pasearon por Madrid como mulleres modernas e emancipadas, manexando bicicletas, facendo deporte, asistindo aos cafés, a eventos literarios ou a verbenas populares. Nestes anos, Maruja crea a súa propia linguaxe artística, atenta aos ecos das distintas vangardas que empezan a chegar a España -futurismo, surrealismo, cine- e cos ollos abertos á arte popular. Mestura todo coa súa particular interpretación.

En 1928 Ortega y Gasset bríndalle os salóns da Revista de Occidente para realizar a súa primeira exposición. O debut estivo arroupado por comentarios e recensións de prensa, referendado por intelectuais e pola alta sociedade madrileña fascinada por aquelas combinacións de elementos festivos e burlescos, pola alegría da cor, as distorsionadas composicións das súas verbenas e polas atléticas mulleres que protagonizan as súas estampas deportivas.


A finais de 1928 pasa por unha inflexión e un acercamento particular cara ao surrealismo froito dos seus avatares persoais e da relación que establece con Alberto Sánchez e Benjamín Palencia. Baixo o nome da Escuela de Vallecas percorrerán as paisaxes desapracibles e duras que rodean Madrid, as zonas finais do urbano e o inicio do contorno rural. Até 1931 explora este tipo de paisaxes que darán lugar á serie "Cloacas e campanarios".
No 1931 viaxa a París onde expón a súa obra. Numerosos intelectuais e artistas como Picasso e André Bretón visitan e acollen con entusiasmo a mostra. O seu regreso a Madrid, a finais de 1932, supón un novo xiro no seu estilo. As súas novas series "Arquitecturas minerais", inspiradas en pedra, e "Arquitecturas vexetais", poboadas por estrañas froitas, son teas que aínda que manteñen a sobriedade cromática someten agora as súas formas a esquemas xeométricos. Durante esta época combina o seu traballo artístico cunha intensa actividade de compromiso coa República.
Previo ao estalido da Guerra Civil, no 1936, realiza una obra clave para o período artístico que desenvolverá ao outro lado do Atlántico: "La sorpresa del trigo". Este cadro mural, primeiro da serie "La religión del trabajo", presidirá a súa derradeira exposición en España, promovida polo grupo ADLAN. A Guerra Civil sorpréndea en Galicia, onde permanece até 1937, marchando a Bos Aires onde é recibida como unha artista de renome. Dará numerosas entrevistas e conferencias, escribe artigos e realiza a súa obra pictórica "Arquitectura humana". Seguirá traballando en lenzos que compoñen un amplo ciclo dedicado a dous temas principais: o mar e a terra. Realiza varias series: "Retratos bidimensionais" sobre rostros femininos de fronte e perfil, imaxes planas e prototípicas; "Bailarinas"; "Máscaras"; esquemáticos debuxos reunidos en "Arquitecturas" e, finalmente, "Naturezas vivas", variacións sobre estraños seres zoomórficos inspirados na xeoloxía e na fauna sudamericana. Estas últimas son unha serie de gravados, debuxo e óleo que se alongan até o ano 1960, cando decide voltar a España.


A súa obra é cada vez máis valorada por galeristas e críticos, especialmente a crítica española máis nova, que ve nela a encarnación dunha vangarda ocultada polo franquismo. Tras a morte de Franco chégalle o recoñecemento total; a súa culminación podería establecerse na Medalla de Ouro de Belas Artes, no ano 1982, e na exposición antolóxica que en 1993 lle dedica o Centro Galego de Arte Contemporánea. Para entón Maruja está xa moi enferma. Morre o 6 de febreiro de 1995 na residencia de anciáns Menéndez Pidal de Madrid.



Para saber máis:
Biografía en Cutlura galega feita pola catedrática de historia da arte contemporánea Mª Luisa Sobrino
Biografía en Wikipedia
En Ciudad de Mujeres
Entrevisa a J.L. Ferris autor da última monografía editada sobre M. Mallo


Bibliografía
GÓMEZ DE LA SERNA, R., Maruja Mallo, Buenos Aires, Losada, 1942.
MARUJA Mallo, Madrid, Galeria Guillermo de Osma, 1992
VIDAL, C., Maruxa Mallo. Vigo, A nosa terra, 1999
MARUJA Mallo, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, 2003.
FERRIS, J.L., Maruja Mallo. La gran transgresora del 27, Madrid,Temas de hoy, 2004, (Biografías).


Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

30/01/08

M. C. Escher

A biblioteca "O bosque animado" ten o gusto de invitarvos á exposición que sobre M.C. Escher e a percepción pódese contemplar no seu local.
A obra do holandés Maurits Cornelis Escher( 1898-1972) é de difícil clasificación. As técnicas que emprega no seu traballo artístico son múltiples e variadas. A temática poderíase agrupar frases como "debuxar é un engano" "a exploración da perspectiva", "mundos imposibles", "mundos simultáneos", "cristais e construcións", "o infinito".
O seu mundo máxico, a súa capacide expresiva, a súa habilidade técnica, estanvos agardando na Biblioteca.
A exposición foi preparada conxuntamente co Departamento de Debuxo.

27/01/08

POLA PAZ (V)

A violencia nas súas diferentes formas, como manifestación do despropósito, é un dos aspectos máis notables na obra de Goya. Foron precisamente os sucesos acontecidos durante a Guerra de Independencia (1808-1814) os que deron lugar a que Goya efectuase unha reflexión enormemente crítica e innovadora sobre a guerra, sobre as súas causas, brutais manifestacións e consecuencias.

(...) Francisco de Goya, escéptico ante as xustificacións da guerra, lonxe de apoiar coa súa obra os postulados ideolóxicos dalgún dos bandos contendentes, mostra o rostro máis escuro e abxecto da guerra, o dos mortos e os seus asasinos, o dos indefensos e os seus prepotentes violadores, o dos que padecen e os dos que gozan co padecemento alleo.

(...) A sensibilidade de Goya ante estes acontecementos produciu non só a súa mellor serie de estampas, senón un monumental berro contra a violencia nas súas diferentes formas, que non recoñece xustificación ningunha, e que grazas ao maxistral do seu tratamento técnico, formal e conceptual permite ao espectador comtemplar imaxes inherentes a toda guerra.

(...) As obras de Goya de contido bélico non mostran aos heroes militares ou populares que loitaron contra os franceses, de todos coñecidos grazas ás publicacións e ás galerías de retratos gravados amplamente difundidos na España do seu tempo. Nin tan sequera preséntannos feitos concretos acaecidos en lugares determinados. Pola contra Goya móstranos, partindo de acontecementos reais, a esencia dos mesmos, a representación universal do heroísmo, a brutalidade, a fame, a deseperación, a destrución, pero sobre todo a morte. E todo iso protagonizado polo pobo anónimo, verdadeira vítima da guerra.

José Manuel Mantilla. El libro de Los Desastres de la Guerra. Francisco de Goya. Madrid, 2007, Arlanza Ediciones.




Nota: Os títulos dos gravados reproducen a ortografia orixinal de Goya
Quinto traballo colaborativo dos
Blogues das Bibliotecas Escolares en prol da PAZ
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón

04/12/07

Unha biblioteca de chiste (II): Siro López

BubbleShare: Share photos - Safe Toys

Siro López Lorenzo naceu en Ferrol o 19 de Xaneiro do 1943. Publica os primeiros debuxos de humor na revista Chan, que dirixía Borobó. 1971. Comezou a colaborar con debuxos de humor e caricaturas no Ferrol Diario. 1972. Pasou a El Ideal Gallego, e desde 1985 á redacción de La Voz de Galicia, xornal no que trata diariamente a caricatura da vida política galega. 2000. Ilustrou unha grande cantidade de libros e tamén lle foron concedidos unha grande cantidade premios. É xa un clásico do humorismo gráfico e da ilstración.

Álbums publicados:
Humor 71 (1971)Probes Homes (1975) Os pecados capitales (1977) Homes e mulleres (1980) Coas raíces na Terra (1980) Historia gráfica de 2 anos (1982) 18 espidos de muller (1983) Debuxos de humor (1985) In saecula saeculorum amén (1986) Cofrades do cristo da autonomía (1988) Debuxos (1988) Xente na brétema (1988) ¡Ozú la ezpo! (1992) 16 anos de Parlamento Galego (1998) Siro 30 anos despois (2000) Xente na brétema (Nova versión 2003)
Vía: "Homes e Mulleres" 1980

10/11/07

Unha biblioteca de chiste



Quen dixo que as bibliotecas teñen que ser lugares aburridos?
Se temos unha sección de banda deseñada, por que non imos facer exposicións sobre o traballo dos humoristas?
Biblioafonso inicia unha serie de exposicións adicadas ao humor. O galego Xaquín Marín é o protoganista da primeira, continuaremos por Siro, Forges...

27/10/07

M.C.ESCHER: a maxia do imposible



Nos vindeiros días, alumnado do centro acompañado polo profesorado de Matemáticas visitará en Lugo unha exposición sobre M.C. Escher.

22/09/07

ARTE NA RÚA



O escultor alemán, de orixe polaca, IGOR MITORAJ, está expoñendo algunhas das súas obras na Praza de María Pita na Coruña.
Este escultor, viaxeiro incansable, ten exposto nas principais cidades de todos os continentes, sendo un dos máis salientables artistas que amosan as súas obras na rúa.

Igor Mitoraj recuperou o espírito da arte grega, romana e do renacimento. As súas obras monumentais inspíranse nos temas da historia e da mitoloxía e os reinterpreta desde unha perspectiva contemporánea.

Imaxes enigmáticas de deuses e heroes toman a coruñesa praza de María Pita e presentan a súa enigmática existencia á cidadanía. Aínda que se trata de obras de recente creación, teñen a apariencia de pezas arqueolóxicas e nos lembran a persistencia, baixo a modernidade actual, dos grandes temas que preocupan á humanidade: a razón, a espiritoalidade, a violencia ou a beleza.

Estas obras xa foron expostas en Varsovia, Roma, Venecia e París.

¡Disfrutemos da arte na rúa!