30/12/11

Feliz aninovo 2012

Cos mellores desexos


21/12/11

Guía de lectura. Navidades 2011

Como cada fin ano vos presentamos a guía de lectura coas recomendacions para estas Navidades. Coordinada polas bibliotecas de Cambre, participaron na súa elaboración  varios colexios de infantil e primaria e os dous IES do concello. Na guía encontraredes  propostas de libros (narrativa poesía, banda deseñada), películas e música para todas as idades,  dende os primeiros meses de vida ata recomendacións para adultos, agrupadas por edades.

14/12/11

Mercadiño solidario


 O proxecto "Navidades Solidarias" de axuda á Cociña Económica é un proxecto que iniciamos este ano unha serie de alumnos de 2º de Bacharelato como continuación do proxecto iniciado o ano pasado pola profesora de francés Isabel Luna e unha parte dos seus alumnos de Atención Educativa e Francés. Contamos tamén coa colaboración duha parte do alumnado da ESO que quixo axudar neste traballo. Moi similar ao do ano pasado, o proxecto consiste, basicamente, na recadación de fondos para a organización anteriormente dita, a través da venda dunhas rifas de baixo custo e un mercadiño solidario con obxectos doados polo alumnando e profesorado. Paralemente, fíxose unha campaña de recollida de alimentos, obxectos de hixiene persoal e roupa que serán doados íntegramente á Cociña Económica. Todo aquel que quera participar neste proxecto so ten que achegarse ó noso mercadiño (aberto nos recreos de Bacharelato  e a ESO) e mercar ben obxectos ou rifas, podendo tamén doar directamente o que comentamos anteriormente (roupa, obxectos de hixiene e, principalmente, comida) deixando todo esto na aula de Francés.
Moitas gracias pola vosa colaboración. 

10/12/11

10 DECEMBRO DDHH

63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.
Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.
Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.
E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"
* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.
Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!
Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.
Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)

30/11/11

¿EDUCAR EN VALORES?

Invita a facer unha seria reflexión


29/11/11

OUTRAS BIBLIOTECAS

Precioso video  para que vexamos que non todas as realidades son como a nosa e que con pouco pódese facer moito.





Cómics na biblio: novidades de novembro:

O dobre delito de (1) ler,  e (2) ler... cómics
   A nosa biblioteca acaba de incorporar certos álbumes de cómics, máis ben tirando ao clásico, pero moi atractivos. Pouco a pouco iremos falando deles aquí, entrada a entrada, entre silencio abrumador e máis silencio abrumador, mais hoxe é o momento de dicir cales son, non de -unha vez máis- chorar:

   - Fábula de Venecia, de Hugo Pratt. Unha aventura de Corto Maltese (así, coa "e" ao final: somos militantes) na querida Venecia de Pratt, un dos mellores autores de cómics de todos os tempos. Non é a súa mellor obra, pero é unha boa e interesante obra da que xa falaremos aquí, queridos fans. Editada a cor por Norma.
   - O número 17 da serie sobre Tha Spirit, do gran Will Eisner, editado por Norma a cor. Un clásico. Aventuras de ambiente policial e urbano cunha planificación e unha concepción da páxina como unidade que debuxan unha "o" na boca do admirado lector.
   - Un dos volumes dedicados á serie de Krazy Kat, do enorme Herriman, outro clásico, neste caso do cómic de humor, válido para todas as idades (tamén para os vellos de máis de trinta anos). Imprescindible, inolvidable e moitas palabras máis que comecen con "i". Herriman soamente necesitaba unha cárcere, un can policía, un rato un tanto sádico e unha gata tola e namorada á vez do rato e dos seus ladrillazos. Publicado por Planeta DeAgostini.
   - O derradeiro número da saga do Señor Jean, unha serie francesa de fino humor e sarcasmo non tan fino ás veces. Moi bo igualmente.
   - Low Moon, un recomendable album do noruego Jason, a cor, moi ben editado por Astiberri, con diferentes historias nas que o autor xoga cos distintos xéneros (western, ciencia-ficción, policial, etc.) sen faltar guiños culturetas para gafapastas ociosos.

   E polo de agora máis nada. A ver se colocamos algo disto na sección de "Novidades" e damos algo a nota...

25/11/11

"Cómic e literatura", novo club de lectura


Comunicamos mediante esta entrada que o club de lectura dedicado a "Cómic e literatura" dará comezo como tal a semana que entra. Seremos, en principio, unhas cinco persoas, máis dúas que estarán con nós vía internet, no blog, como outros anos. Pode que se sume alguén máis; sucede ás veces.

Para máis información (qué pretendemos facer, qué autores trataremos, qué tipo de cómics, etc.), ver no noso blog.

E xa está, creo.

   PS: Premendo un pouco máis abaixo sobre a etiqueta "Cómic" pódense ver outras entradas dedicadas neste blog (Biblioafonso)aos cómics.
 

22/11/11

Sobre a lingua

Dous vídeos interesantísimos. O primeiro vímolo na Biblioteca do Chouzo de onde collemos, tamén o texto. Aclaro que Cea, xunto con Carral e Osedo, é un dos lugares co mellor pan de Galicia.
Lipdub do CPI Virxe da Saleta sobre unha versión de Sweet Home Alabama de Lynyrd Skynyrd, popularizada por Siniestro Total como Miña Terra Galega. Sobre unha idea de Álvaro Cunqueiro, naceu a letra de A Lingua Sabe a Pan. Contou coa participación de todo o alumnado do CPI e dos músicos Pedro Feijoo e Charly Lincoln que gravaron, misturaron e produciron nos estudios Muu! de Vigo.






O segundo vídeo é de Carlos Blanco. Todo un fenómeno mediático.


19/11/11

Novo equipamento para a biblioteca

Recentemente vimos de completar o equipamento mobiliario da biblioteca. Adquiriuse un moble para os deuvedés, posto que os dous existentes estaban a quedar pequenos, e dúas estanterías baixas.
O moble de deuvedés foi colocado na parede que está xusto á entrada da biblioteca entre os dous arquivadores. Nos vindeiros días será rotulado para ver, se deste xeito, conseguimos que as películas non fiquen desordenadas.
Os dous novos mobles con andeis foron colocados na esquina do fondo da biblioteca. Con eles modificaremos fisicamente a colocación de parte dos nosos fondos de ficción e conseguiremos un espazo de seu para os documentos de produción propia.

01/11/11

A frase do mes: José Saramago

"Todo o mundo me di que teño que facer exercicio. Que é bo para a miña saúde. Mais nunca escoitei a ninguén que lle diga a un deportista: "Tes que ler"

17/10/11

Sobre o 15-M e os Indignados: selección de lecturas


Selección de lecturas sobre o movemento do 15-M e "Os indignados" . Na biblioteca pódese contemplar na sección de novidades estes libros divulgativos.


01/10/11

A frase do mes: María Reimóndez



O día que aprendín a ler comprendín finalmente o que miña nai me contaba de que os libros eran o tesouro do saber dos brancos. Mais cando comecei a escribir estiven en desacardo con ela. Porque escribir foi sempre para min unha forma de falar con quen non está. Unha maneira de encher os ocos dunha vida chea de ausencias. Escribir é continuar as conversas que quedan penduradas do aire...


María Reimóndez. Pirata. Vigo, Xerais, 2009, páx. 215

07/07/11

Memorias do curso 2010-2011

Todo un curso de traballo en dúas memorias, a da Biblioteca e a do Programa ARCE:
















21/06/11

Lecturas de verán 2011

Xa están aquí as vacacións de verán e o noso consello de non esquecer neste tempo de lecer as boas lecturas. Esta é a guía que as bibliotecas municipais e escolares de Cambre elaboramos pensando neste tempo de lecer. Desde o ano 2008 todas as bibliotecas vimos colaborando na composición desta guía que non só inclúe libros senón tamén propostas musicais e cinematográficas. Nela participamos as bibliotecas municipais e as bibliotecas dos centros escolares: CEIP Portofaro, CEIP O Graxal, CEIP Torrente Ballester, CEIP Emilio González López, CEIP Wenceslao Fernández Flórez, IES David Buján e o IES Afonso X, O Sabio . Esperamos que gocedes destas propostas e feliz verán.


15/06/11

Sobre a IV Xornada dos Clubs de Lectura en Santiago


Como en anos anteriores tivo lugar o día 10 un novo encontro en Santiago dos coordinadores dos diferentes clubs de lectura existentes en colexios e institutos de Galicia. Tamén o noso IES estivo alí representado, claro é.
Comezou o día coa intervención de Ana Díaz-Plaja Taboada, chegada desde Cataluña para, una vez máis, falar da posibilidade da utilización da literatura de baixa calidade, "literatura lixo" (sic), para elevarnos pouco a pouco cos lectores dos clubs cara a unha literatura de máis calidade (clásicos ou non).
Antes da hora de xantar os coordinadores dos clubs reuníronse por "zonas" (Coruña, Ourense, etc,) en diferentes aulas para así compartir experiencias, dialogar, etc., tamén como nas outras ocasións.
Xa despois da comida certo número de responsables de clubs de lectura en centros distintos de Galicia contaron as súas experiencias, como tamén é costume.
Rematou a IV Xornada coa presencia do escritor Fernando Marías, que falou da súa dedicación á literatura en xeral e en particular á literatura así chamada "xuvenil", centrándose especialmente en gatos, autobuses, veciñas, arquivos, cines de sesión nocturna e editores con particulares conceptos do negocio libresco. Falou, por suposto, de tres ou catro novelas "xuvenís" súas moi coñecidas, e sobre todo da última, tomándose a molestia de explicar a relación que o seu tema ou trama ten que ver coa súa vida, ou se se prefire, coa vida, a secas.
Acabamos cunha sorpresa, a actuación do músico e cantante Xabier Díaz, que podes ver e escoitar aquí.
PS: ¿Ten a administración intención de que haxa clubs de lectura o próximo curso...? Como dicía aquel lobo naquela revista do ano de Maricastaña: Aaaaaaaaaaaaaaauuuuuuuuuuhhh...!

09/06/11

Mural para a librería Cascanueces

Video do mural de David Pintor para a Librería Cascanueces da Coruña, realizado por Luis Caldevilla.

Mural de David Pintor & Co. en la Librería Cascanueces (A Coruña) from Luis Caldevilla on Vimeo.

06/06/11

Celso Sanmartín con nós


Días atrás e por terceiro curso consecutivo, o noso narrador de cabaceira pasouse polo instituto. Fermoso, impactante, así é Celso. Acada os silenzos máis espectantes coma as ruidosas gargalladas. Grazas

A FAME



AS APOSTAS DE LALÍN

01/06/11

A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas

MANIFESTO DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA




Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:



A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas


Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.


Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.

22/05/11

Concurso de relatos hiperbreves

Acaba de rematar o concurso de relatos hiperbreves organizado dende o departamento de Lingua Castelá. O xurado integrado por membros de dito departamento dicidiron que os gañadores do concurso sexan: Modalidade 1º, 2º y 3º de E.S.O.: primer premio para La ultima carta de Iria Camiño Rey (3º C) e o segundo premio para Atado de Paula Saavedra Recouso (3º B).

Na modalidade 4º E.S.O, bacharelatos e ciclos: primeiro premio para El bosque de la nostalgia de Rosa Rodriguez Ramírez (2º Bach. B) e segundo premio para Como cada domingo de Giselle Mutsinzi Mukarukaka (2º Bach. A).


A entrega de premios tivo lugar no salón de actos do centro. Parabéns ás premiadas.


Aquí tedes unha foto das gañadoras do mesmo.

16/05/11

Lois Pereiro cantado por Radio Océano

Outra pequena homenaxe a Lois Pereiro, poeta a que se lle adica o Día das Letras Galegas.



Visto en Alfaias de Marcos Calveiro. Máis recursos sobre Lois pereiro en Botons.

11/05/11

Lois Pereiro: trípticos

Como unha das actividades realacionadas coa celebración do Días das Letras, a Biblioteca preparou uns trípticos para colocar sobre as mesas, adicados Lois Pereiro. Eses trípticos compóñense dunha ilustración sobre o autor, un anaco da súa biografía e un poema. Hai oito mesas e, polo tanto, oito trípticos.







08/05/11

Achégate á lectura


Dentro das actividades prevista no Programa ARCE (Campaña relacionada coa Lectura: "Achégate á Lectura") estivemos no febreiro pasado tirando moitas ducias de fotografías mentres o alumnado lía na Biblioteca. Con eses centos de foto compuxemos dous puzles que ao verse de preto semellan desenfocados máis cando os miramos de lonxe pódense apreciar claramente as figuras de Beatriz e Xaime lendo. Moitas grazas a todas e todos que se deixaron fotografar e especialmente ao alumnado de 2º de Bacharelato que serviron como modelos para o deseño das composicións finais.


Hoxe, estas dúas fotos fotografías impresas en gran tamaño, están situadas nun lugar moi sobranceiro da Biblioteca.

02/05/11

A Frase do Mes: Karl Popper





"Na miña opinión, ningunha outra realización humana, ni sequera as maiores creacións da literatura e da arte, supón unha maior sublimación de todas as facultades humanas e ao mesmo tempo algo tan conmovedor e marabilloso como as grandes obras da música clásica. Pero creo que os libros son aínda máis importantes desde un punto de vista cultrual"

30/04/11

Correlingua

Este é o video gañador do correlingua deste ano feito polos compañeiros do I.E.S. da Fonsagrada. Botédelle unha ollada. É fresco e divertido. Otro xeito de reivindicar a nosa lingua. Aí o tedes:


28/04/11

A gañadora

Hai uns días a escritora Ana Mª Matute recibiu o Premio Cervantes do 2010. É a terceira muller en gañalo. O seu discurso e todo un exemplo de amor ós libros e á literatura. hay moitas frases cheas de sabiduria como pero eu quedaríame co parágrafo que tedes a continuación polas suas referencias os nenos cos que nos traballamos e a esos clásicos que están ou deberían estar tan vixentes


"....me estremece pensar y saber que se mutilan bajo pretextos inanes de correcciones políticas más o menos oportunas y que unas manos depredadoras, imaginando, tal vez, que ser niño significa ser idiota, convierten verdaderas joyas literarias en relatos, no solo mortalmente aburridos sino, además, necios. Y aún nos preguntamos po qué los niños leen poco?"


Aquí tedes un enlace ó xornal El País donde poderedes ler o discurso enteiro.

26/04/11

Semana cultural

A semana do 11 ao 15 de Abril tivemos no noso centro a SEMANA CULTURAL. Dende a biblioteca propuxemos o tema: "2011 ano internacional dos bosques", que foi aceptado e utilizado de forma xeral por todos os departamentos. Cada departamento fixo as súas propostas e traballou nelas durante o tempo que considerou necesario ata devandita semana na que se expuxeron os distintos traballos feitos polo alumnado e compañeiros. Tedes as fotos das actividades no album a continuación

23/04/11

Dominó de libros na Biblioteca

Outro xeito máis de celebrar o día do libro.






Visto en Fritekaris.

11/04/11

XVIII Certame Literario de Cambre


Co obxectivo de estimular a creación literaria e fomentar a súa difusión entre a mocidade, os Equipos de Normalización Lingüística e os Departamentos de Lingua Galega e Literatura dos dous Institutos de Educación Secundaria de Cambre, Afonso X e David Buján, as asociacións de nais e pais e a Concellería de Cultura e Contratación do Concello de Cambre, convocan esta XVIII edición do CERTAME LITERARIO CAMBRE 2011 de acordo coas seguintes:


B A S E S


PRIMEIRA.- Poderá participar neste certame calquera moza/-o de idade comprendida entre os 12 e os 26 anos, segundo as seguintes categorías: CATEGORÍA A: de 12 a 14 anos CATEGORÍA B: de 15 a 18 anos CATEGORÍA C: de 19 a 26 anos

SEGUNDA.- Cada participante poderá presentar unha proposta a calquera das dúas modalidades: Poesía e Narración breve. Na modalidade de poesía presentaranse tres poemas como mínimo, de tema e forma libres. Na modalidade de narración breve a extensión máxima será de cinco DIN-A4 e o tema libre.

TERCEIRA.- Os traballos estarán escritos en lingua galega e deberán ser orixinais, inéditos e non premiados.

CUARTA.- Deberán de estar escritos con ordenador, en papel de tamaño DIN-A4, espazamento entre liñas simple e tamaño de letra 12, por unha soa cara; paxinados e sen asinar. Entregaranse orixinal e catro copias nun sobre no que figure: XVIII CERTAME LITERARIO, o lema ou pseudónimo do autor ou autora, a categoría (A, B ou C) e a modalidade (narración ou poesía). Cada traballo presentado levará xunto un sobre pechado no que, por fóra, deberán figurar os mesmos datos, e no interior, unha fotocopia do DNI, e a ficha de inscrición cuberta e asinada, que contén ademais os datos de teléfono, correo electrónico e nome do centro no que estudia ou traballa.

QUINTA.- Os traballos poderán presentarse persoalmente nas administracións dos Institutos ou ben seren enviados por correo ordinario a: Concello de Cambre – Área de Cultura e Contratación Adro, 1 - 15660 Cambre

SEXTA.- Haberá dous premios por categoría e modalidade, aínda que o xurado poderá declarar desertos calquera deles no caso de considerar insuficiente a calidade dos traballos presentados. O importe dos premios será de: CATEGORÍA A: 1º Premio: 230,00 € 2º Premio: 170,00 € CATEGORÍA B: 1º Premio: 290,00 € 2º Premio: 200,00 € CATEGORÍA C: 1º Premio: 400,00 € 2º Premio: 230,00 € SÉTIMA.- Aos premios practicaránselles as retencións legalmente estabelecidas. Con carácter previo á concesión comprobarase que os premiados estean ao corrente das súas obrigas tributarias e coa seguridade social. Non obterá a condición de premiado aquel no que concorra algunha das circunstancias excluíntes que se sinalan na lexislación en materia de subvencións. En todo caso, para a obtención do premio, a reparación de dita circunstancia terá que ser acreditada ante o concello antes do 30 de novembro de 2011.

OITAVA.- A data límite de entrega de traballos será o venres 29 de abril de 2011.

NOVENA.- A composición do xurado darase a coñecer no acto de entrega de premios, que terá lugar no instituto de secundaria David Buján de Sigrás (Cambre), o venres 27 de maio de 2011, ás 12:30 h.

DÉCIMA.- A organización do Certame resérvase o dereito a publicar os traballos premiados. Neste sentido os autores renuncian a calquera tipo de remuneración pola autoría. UNDÉCIMA.- Os traballos non premiados poderán ser solicitados polos seus autores ata un mes despois de que se faga público o fallo do xurado. Aqueles que non sexan reclamados destruiranse pasado este prazo.

DUODÉCIMA.- O xurado e a organización do certame están facultados para tomar as decisións que consideren oportunas ante a aparición dalgún imprevisto non recollido expresamente nas presentes bases. A participación neste certame implica o coñecemento e a aceptación íntegra destas bases.

06/04/11

"La montaña mágica", unha fábula de Taniguchi (cómic):




Taniguchi, coa súa maestría habitual, regálanos outro album que podes coller cando queiras na biblio.


Trátase dunha historia fantástica que transcorre no Xapón dos anos sesenta, en Tottori, o pobo do autor, e protagonizada por un neno de once anos que ten unha irmá pequena, unha nai hospitalizada cunha enfermidade grave e, como é normal nas historias deste debuxante, un pai ausente, neste caso morto en accidente varios anos atrás. Ambos nenos viven cos avós mentres a nai loita entre a vida e a morte. Casualmente, o neno tomará contacto no Museo das Ciencias cunha salamántiga xigante do Xapón, que ao parecer realmente existen, a cal é capaz de falar con el, "o elixido", para pedirlle axuda para escapar e volver ao manantial ubicado debaixo das ruinas do castelo da gran montaña de Tottori, lugar máxico habitado polo pai do anfibio. A cambio, ese ser promete curar definitivamente á nai dos nenos. Nun momento da historia o pai falecido aparécese fantasmalmente aos pequenos. A historia, con estrutura de fábula, de conto fantástico, ten un contido ecoloxista, falándonos dunha íntima relación entre humanos e natureza moi presente tamén nas outras historias famosas de Taniguchi ("Barrio lejano", "El almanaque de mi padre", "Zoo en invierno", etc.: as dúas primeiras na biblio).


O estilo e técnica como debuxante desplegados neste album está na liña e no nivel propios deste autor de manga, coa novidade de ofrecer as súas páxinas a cor, o que dá enerxía e nova vida a esas viñetas de fondos debuxados a partir de fotos copiadas polos seus colaboradores do seu estudio. Ese estilo hiperrealista-fotográfico obsesivo, que, na nosa opinión, non resulta moi adecuado para as historias íntimas que Taniguchi quere contar cando é máis el, quedan sen embargo coa cor sobreposta dalgún xeito redimido ou mellorado. A percepción que o lector ten destas viñetas orixinadas en fotos é ben distinta agora que a cor é engadida, pois non procede da propia foto. Polo demais, o desplegue de toda a artillería taniguchiana segue en pé: é rara a páxina que non posúa planos, puntos de vista e formatos diversos, ata o punto de que é case imposible unha páxina sen polo menos unha viñeta en "picado" e outra en "contrapicado", como é igualmente rara a que carece dunha rectangular que percorra toda anchura da páxina. Como xa comentabamos na entrada dedicada a "Barrio lejano", tanta riqueza e variedade técnica nos álbumes de Taniguchi pode chegar a ser ás veces máis un incoveniente que unha boa ferramenta. O exceso de técnica pode desmellorar o relato do mesmo xeito que, por outras razóns, a falta de oficio estropea unha boa idea.


Lembra , para rematar, que tes na biblio tamén "Barrio lejano" e "El almanaque de mi padre", dúas boas obras deste autor xaponés.


Ah! O tomiño de "La montaña mágica" engade ao final unha interesante e clarificadora entrevista co autor. Ao mellor merece a pena comezar por ela... (Ou non).


Ugh!

01/04/11

A frase do mes: Alberto Manguel





"Todos nos lemos a nós mesmos e ao mundo que nos rodea para poder esculcar qué somos e ónde estamos. Lemos para entender, ou para empezar a entender. Non temos outro remedio que ler. Ler, case tanto com o respirar, é a nosa función esencial."

23/03/11

"El arte de volar", cómic



Temos desde fai pouco na nosa biblio este album de Altarriba (guionista) e Kim (debuxante) tan premiado, tan premiado, que ao mesmo tempo recibe o Premio Nacional de Cataluña e o Nacional de España, ambos correspondentes ao 2010, metafísica carambola que non impediu sen embargo que caeran máis e máis premios de todos lados.

Altarriba cóntanos a vida do seu pai, desde que ten uns oito anos e traballa no campo aragonés ás ordes dun autoritario pai, nunha época de moitas necesidades e grandes desigualdades e inxustizas, pasando pola II República e a Guerra Civil na que loita do lado republicano. Pasa despois a Francia onde é membro da Resistencia, non sen antes sufrir o insufrible nos campos de concentración das praias francesas onde o Estado veciño agrupa aos fuxidos das tropas franquistas. A supervivencia en Marsella cun ex-anarquista neocapitalista metido no mercado negro do carbón -non é un chiste- dará paso á volta a España de Franco, onde sobrevivirá renunciando a tantas cousas como tantos outros españois daquela. A obra achégase ata fai poucos anos, cando o pai do guionista decide finalmente acabar coa súa vida de vello encerrado no xeriátrico. Fin.

En principio esta historia podería dar moitísimo de si, e converterse nunha referencia do cómic hispano, con premios nacionais ou non, pero desgraciadamente a torpeza do guinista desbarata esa posibilidade. Isto non impide ver certos valores nesta obra, que está ben en liñas xerais, e pode ser unha boa forma de que certas persoas intenten poñerse nos zapatos dos superviventes da postguerra, agora cun cómic.

Mais o album non é tan bo como para recibir tantos premios, nin para que certos gurús da crítica comiqueira deste país boten tantas flores. Non é para tanto, e un ten que ler en artigos, blogs, prólogos e epílogos ventas de fume só explicables polo amiguismo ou o delirio. A chuvia de premios é simplemente un fenómeno da natureza inexplicable, como calquera aficionado ao cómic pode comprobar asomándose ás páxinas deste sobrevalorado album. Talvez esta premitis sexa outra proba máis do que o politicamente correcto pesa para estas cousas, como xa comentábamos fai tempo falando de Persépolis.

Desde o punto de vista da linguaxe do cómic esta obriña é menor; moderadamente boa, pero sen máis, e con erros gordos de novato. Referímonos ao guionista, que pasa por ser "teórico do cómic" (?), o que ao noso xuízo non casa con trapalladas imposibles como a derradeira viñeta da páxina 121 (falamos da edición especial: un texto explicativo posto como o demo sabe como, seguido dun globo a destempo, e un debuxo ao final), ou a terceira da 167 propia de fanzine de adolescentes con presa (unha viñeta ¡sen debuxo!, só cun textazo explicativo e un globo cuxo pico apunta... ¡á anterior viñeta, meu Deus!). Polo demais, e falando en xeral, a obra adolece dun sistemático e insoportable exceso de textos explicativos cargantes que aplastan literalmente os debuxos das viñetas, que dan información con embudo convertendo moitísimas viñetas en cadriños-postais para facer de simple soporte deses textos, etc. Ademais, a historia carece de ritmo (o sentido do tempo, dos silencios, das viñetas e secuencias de transición a penas existen). Por se pouco fora, a primeira parte (República e Guerrra Civil) volve a caer no maniqueísmo que tantas veces en novelas, películas e agora cómic temos que padecer neste xénero da "Guerra Civil" -en España xa é un xénero, como o western ou o policíaco-, onde "o outro", neste caso os "nacionais", son presentados soamente de forma caricaturesca sen matiz algún (afortunadamente tal maniqueísmo vai sendo superado a partir do episodio marsellés).

En definitiva, temos na biblio a disposición de quen queira un cómic extenso no que o guionista quere facer unha homenaxe a o seu pai, membro da xeración que viviu a Guerra Civil e o posterior desterro, francés primeiro, e interior logo. ¿E o debuxante? O debuxante é o barcelonés Kim, autor non demasiado coñecido pero xa bastante maior, que, se ben non domina a figura humana como o prologuista di no album -debuxa sistematicamente mal a xente correndo que representa movendo á vez o brazo e a perna do mesmo lado, ou debuxa ao revés a man do vello sobre a perna da vella na páxina 178, etc.-, cumpre bastante ben co seu papel, e soporta estoicamente as barbaridades hipertextualizadas (perdón polo "palabro", que acabamos de inventar) do inefable teórico do cómic que Deus confunda, o coleccionista de premios.

E xa.

21/03/11

ARCE: III Encontro.Cambre do 16 ao 19 de marzo de 2011

O derradeiro encontro do alumnado participante no Programa Arce “La Biblioteca escolar como recurso documental y punto de encuentro” financiado polo Ministerio de Educación e no que a nosa biblioteca participa xunto coa dos IES Siglo XXI de Sevilla e o IES Vallecas-Magerit de Madrid, desenvolveuse entre os días 16 e do de marzo. Foi un encontro intenso, de traballo e de experiencias, pero moi positivo a todos os niveis: relación entre o alumnado e profesorado, traballos desenvoltos, visitas e actividades realizadas… Lede a continuación unha breve crónica do acontecido nestes días. O mércores 16, a primeira hora da tarde, chegaron os 10 alumnos e alumnas de Madrid acompañados por dúas profesoras. Tras asentarse no hotel, dimos un paseo ata o Castelo de San Antón para visitar o museo, contemplar a baía e recibir algún apuntamentos de carácter histórico sobre a cidade e o seu porto. O xoves, 17, tras recibir no aeroporto as 11 persoas que chegaban desde Sevilla, dirixímonos ata o nos IES onde fomos recibidos polo Director e a Concelleira de Cultura de Cambre, na biblioteca. Tras as salutacións habituais e o intercambio de agasallos (moitísimas grazas) podemos contemplar unha presentación sobre lendas tradicionais galegas así como un pequeno concerto de acordeón e gaita. Debemos recoñecer a magnífica colaboración facilitada polas Bibliotecas Escolares de Galicia, as Bibliotecas Municipais da Coruña, o Concello de Cambre e a Deputación provincial da Coruña, ademais do noso propio centro, para poder ofrecerlle aos nosos visitantes, uns agasallo que, esperemos, foran do agrado. Posteriormente vimos a exposición sobre Miguel Hernández e os traballos realizados ilustrado algunha pasaxe de “O bosque animado” . Ás 11 horas dirixímonos ata a Fundación Wenceslao Fernández Flórez onde fomos magnificamente recibidos e tratados por Alicia (grazas). Visitamos Villa Florentina e o seu xardín despois de recibir unas anotacións biográficas do escritor coruñés. Logo, iniciamos un pequeno paseo pola Fraga de Cecebre onde foron lidos pequenos textos alusivos ás paraxes polas paseábamos. Mais, de súpeto e moi de sorpresa, dous personaxes apareceron de entre as árbores e representaron unha pasaxe do libro en cuestión (moitas grazas Fas-que-fas, grupo de teatro da Fundación) Unha vez esgotados de tantas emocións e tanto paseo, xantamos no IES e o visitamos para dirixirnos, posteriormente, ata a Torre de Hércules (fermosas fotos obtivemos todos e todas) e logo ata o Monte de San Pedro onde o alumnado gozou do labirinto e dalgunha arma bélica de gran tamaño alí existente. Unha vez que todos estábamos agotados, dimos a xornada colectiva por rematada. Cea e hotel.






















O venres contamos coa colaboración do IES Anxel Casal para desenvolver unha gimcana cultural pola Cidade Vella da cidade. Rematamos cantando e case bailando na praza de María Pita. Tras o cal dirixímonos, polo Paseo Marítimo (con parada na Praia do Orzán) ata o Acuarium Finisterrae onde xantamos e visitamos as súas instalación. Para rematar a xornada, a Rede Municipal de Bibliotecas da Coruña, recibiunos na última biblioteca inaugurada, a do Fórum Metropolitano, onde Mery e Iván fixeron de extraordinario anfitrións, mesmo vencendo o cansazo xeralizado entre o alumnado: volveron cantar mais esta vez nunha nova e fermosa biblioteca. O sábado, tras algúns paseos cada grupo iniciou o regreso ás súas respectiva localidades. Moitísimas grazas pola vosa visita.

19/03/11

Miguel Hernández: exposición conmemorativa do seu centario


Co gallo da visita de alumando e profesorado dos centros cos que compartimos o Proxecto ARCE, teremos a oportunidade de contemplar a magnífica exposición que sobre Miguel Hernández, co gallo do seu primeiro centenario, preparou a biblioteca A Esperela do IES Mosteirón. Son un total de 15 paneis a dobre cara nun tamaño de 90 x 60 centímetros e de fermoso deseño. Parabéns polo traballo e moitas grazas por compartila.



14/03/11

LIPDUB da biblioteca do IES da Fonsagrada

Desde o blog Afonsa le e conta daa biblioteca do IES Fontem Albei da Fonsagrada, chéganos este impresionante vídeo. Parabéns polo traballo e pola idea (traballo coa CDU)


Programa ARCE: Benvidos

Esta semana recibiremos no noso centros a alumnado e profesorado dos institutos cos que participamos no Proxecto ARCE, é dicir, dos IES Siglo XXI de Sevilla e do IES Vallevas-Magerit de Madrid. Co seguinte vídeo dámoslles a benvida:

09/03/11

Progama ARCE: El bosque animado

A vindeira semana visitarán o noso centro alumnos e alumnas dos IES Vallecas-Magerit e Siglo XXI de Sevilla. Estarán na nosa biblioteca, no "Bosque animado" , visitaremos a Fundación Wenceslao Fernández Florez e a Fraga de Cecebre, ademais doutros lugares do noso contorno. Como anticipio, vexamos estes vídeos da pelicula de animación El bosque animado.




08/03/11

"Espera...", de Jason: un cómic tráxico

Jason é o pseudónimo dun autor noruego de cómics (guionista e debuxante á vez), pouco coñecido talvez polo gran público. A editorial Astiberri en España leva anos editando obras del. En concreto ésta é de 2001, e probablemnte das mellores de Jason aínda que posteriormente publicara bastantes máis, non sempre do nivel esperable -é un autor un tanto irregular-.
A historia ten dúas partes: a infancia do protagonista e a súa cómplice relación co amigo que morrerá non diremos por que, e a idade adulta. Cada parte leva unha páxina-prólogo, muda. Antes da primeira vemos na rúa (exterior, pois) aos dous amigos petar nunha porta da que na derradeira viñeta sae un monstruo; antes da segunda vemos ao protagonista pola rúa pero que termina por entrar nun piso (interior, pois, e so) e mirar o exterior pola ventá. Desgraciadamente na versión en castelán Astiberri esquece reproducir na parte baixa da derradeira páxina da parte I a frase "End of part one", deixando ao lector sen posibilidade de distinguir a parte I da páxina-prólogo da II. Parece pouca cousa, mais non o é. Esa frase debería lerse dúas páxinas antes da que di en grande "Segunda parte"; ou sexa, baixo a última viñeta dedicada ao enterro, onde ela mira de costas como el se dirixe ao fondo, despois de crecer de golpe.
Todos os personaxes de Jason son animais antropomorfos, e as súa caras máis ben parecen así máscaras, provocando un extraño efecto á vez de cercanía e distancia. Son caras expresivas, un tanto simplificadas, pero ao tempo inexpresivas, a modo de caretas que ocultan sentimentos ou reaccións. Ese paradóxico efecto é marca da casa, e o bastante intenso como para non deixar indiferente.
Tamén é propio deste autor -afortunadamente, engadimos- o especial interese que demostra en non cambiar de punto de vista nin de plano: o plano mantense durante varias viñetas con certa frecuencia e buscando determinada forma de expresión (cando el traballa na factoría, ou a páxina dos primeiros planos da súa cara, etc.). O vicio do frecuente e incluso compulsivo cambio de plano, punto de vista, busca de perspectivas aéreas ou en picado, etc., moi propias de cómics de superheroes ou películas de acción estadounidenses (¿isto último é unha redundancia?) é froito, sospeitamos, da confusión entre a borracheira de desplegue técnico coa auténtica arte de contar unha historia ou suxerir certas emocións..., e así nos vai. Pois ben, se é certo que manter o plano é propio de cómics ou filmes humorísticos que deixan nas palabras ou movementos dos actores/personaxes o peso do "gag" ou da situación cómica, e polo tanto é propio de filmes ou cómics de acción ou moi dramáticos a complexización da sucesión de planos, tamén é certo que tanto en cine (Wenders, Tanner, Rohmer, Tarkovsky, etc.) como en banda deseñada non humorística (Chris Ware, Max, Jason...) hai autores que se saen desta aplastante lóxica ou convención, buscando outras formas de expresión non sempre cómodas para o lector... acomodado. É o caso.
Podemos falar tamén dos diálogos. Textos non hai, salvo títulos ou indicacións do final da parte I. Os diálogos nos cómics de Jason son breves. Hai quen di que é influencia do estilo cortante do escritor estadounidense Hemingway, que aparece máis ou menos transformados nas súas viñetas -non desde logo nesta historia-. Pode ser. Tamén pode ser que non e sexa unha mostra máis da simplificación concienzudamente buscada polo autor para lograr o efecto desexado no lector: caras simplificadas como máscaras antropomorfas, economía no cambio de plano e punto de vista, debuxos simples, diálogos breves...Ben, isto é a entrada dun blog e non debemos extendernos demasiado. Pero rematemos sinalando varias das preguntas que o lector acaba por facerse coa lectura deste cómic: ¿por que os homes adultos na primeira parte van con zancos?; ¿por que Batman e non outro personaxe une a ambos amigos?; ¿por que ese monstruo no prólogo I?; ¿por que ese diálogo sobre as fotos coa chica, con eses tempos verbais tan sorprendentes (non é erro de tradución)?; ¿como entender a dobre aparición da bici na parte I?; ¿e a do bus do final?; ¿por que ese diálogo tras a partida, no vestuario?; ¿por que aparece ese animal antediluviano comecometas?; etc.
Tapado por mangas deprimentes e mortadelos baratos, este pequeno album durme o soño dos xustos na nosa biblio desde que foi comprado fai anos. Aleluia.