Mike Blueberry debuxado por Giraud e modificado vilmente por obra dalgunha alma corrupta por medio de Photoshop, ese invento soviético...
Este sábado pasado, 10 de marzo, morreu o autor de cómics francés
Jean Giraud, alias Gir, alias Moebius, aos setenta e tres anos, vítima do cancro.
¿Quen era este señor? ¿Por que unha entrada sobre el neste blog?
Nos anos oitenta no mundiño dos cómics, polo menos no ámbito europeo, Moebius-Gir era... Deus. Non había afecionado ou debuxante novel que non coñecera ou incluso imitara descaradamente (ou copiara sen máis) a este debuxante. Nesa década e posiblemente en parte dos noventa era o home a seguir, o debuxante modelo. Co atractivo ademais de cultivar unha dobre personalidade como debuxante (en realidade iso non é tan raro pois é relativamente frecuente: Crumb, Clowes, Ware, Eisner, Del Barrio e outros xogan igualmente a ese xogo): Gir, para firmar os seus traballos dentro do cómic clásico, incluso ás veces convenciomal, cun tipo de debuxo entre académico e lixeiramente expresionista nos rasgos faciais (é dicir, máis achegado a un Caniff ou un Robbins ou un Pratt, influido polo seu mestre belga Jijé, que a un Hal Foster ou un Alex Raymond, queremos dicir, non máis), e aí atopamos o seu traballo na sag
a do "Teniente Blueberry" (aínda sobreviven na nosa biblio un par de álbumes: outro está...
desaparecido), con guións de
Charlier, pai da serie e morto xa fai tempo, o que non impediu que a saga seguira, de aí a súa decadencia non tanto por caer en mans de Gir, senón porque a tarta foi repartida entre demasiados e así foi a cousa...; e a outra personalidade, supostamente máis orixinal e creativa, firmada como Moebius, e con historias de ciencia-ficción do propio Jean Giraud, doutros guionistas (
Jodorowsky, p. ex., o escritor friki chileno do grupo Pánico) ou adaptadas polo debuxante a partires de libros, como é o caso de
"El garaje hermético de Jerry Corneluis" (posiblemente o cómic máis importante da cara moebiusiana: inatopable xa na nosa biblio pois alguén decidíu tempo atrás que adornaba mellor na súa da súa casa), tomado da obra do escritor
Michael Moorcock. Esa nova faceta debemos relacionala coa aparición da revista de cómics
"Metal Hurlant" onde tanto Moebius como Druillet e outras xentes intentaban revolucionar a linguaxe do cómic, con máis que dubidosos resultados, visto o visto e despois de tantos anos...
Despois de todo isto o que queda, na nosa opinión, non é tanto a polvareda de Moebius como o seu traballo na saga de Blueberry, posiblemnte o mellor
western do mundo da banda deseñada, incluíndo as series estadounidenses (aí, no cómic, Europa si foi quen de superar aos estadounidenses, sen rival no cine do Oeste, e da literatura nin falemos). O
western, ese xénero xa olvidado: dubidamos que moitos adolescentes de hoxe coñezan a saga de Blueberry, e se a coñecen, que saiban que Gir e Moebius son o mesmo animal. Un adolescente de agora xa non coñece os
westerns de Ford, Peckinpah ou Mann, e nesa situación a palabra Blueberry ou o palabro (sic)
western non significan gran cousa. Son as persoas que peinan xa canas ou están a piques de facelo os que aínda coñecen este personaxe. En tempos, a saga de Blueberry era sen embargo o paso natural do afecionado adolescente que deixa por fin os luckylukes, os astérix e os tintines, antes de desembocar en Pratt, Crumb ou o que fora (hoxe diríamos Clowes, Tomine, Taniguchi ou Jason, p. ex.).
En tempos.
En calquera caso, a morte de Moebius-Gir supón a morte dun dos grandes do cómic que ademais foi quen de meter o seu lapis no mundo do cine en películas non precisamente pouco coñecidas... ¿Que queda, pois? Quedan oito ou dez grandes álbumes de Blueberry, algún deles con guión do propio Gir logo da morte de Charlier, e algún outro album firmado co nome de Moebius, como o xa dito, faceta moebiusiana ésta na que ao final este debuxante aproximábase curiosamente ao estilo da así chamada "liña clara" da escola de Hergé (quen se inspirara, lembremos, no debuxante estadounidense
George MacManus, pois nada ven da nada, como dicía algún grego ou algún teólogo, non recorda xa un).
Non é pouco, monsier Giraud, non é pouco. Longa vida...
"Atención, Mike, a sinistra dama á túa esquerda!"
Bang!!!
(A SUIVRE...)