28/06/08

Xornadas dos Clubs de Lectura


O pasado 25 de xuño, o club de Lectura "O bosque animado" do noso IES asistiu ás Xornadas dos Clubs de Lectura organizada pola Asesoría de Bibliotecas Escolares e celebrada en Santiago de Compostela. Foi un día para a prender, para compartir, para debater e para rir. Si, tamén para rir porque tras unhas intensas horas formativas, Pep Bruno amosounos como a promoción lectora (libro, libro, libro) tamén pode ser divertida, moi divertida.

A xornada principiou con Blanca Calvo, mestra de moito e de moit@s, mestra en clubs de lectura e en promoción lectora. Ao longo do día oito compañeiras e compañeiros amosáronos as súas experiencias nos/cos seus clubs de lectura, experiencias apaixonantes, intensas e emocionantes (parabéns Bea, Begoña, Beni, Enrique, Loly...)

O noso club de lectura "O bosque animado" tamén tivo unha pequena intervención para contar a nosa descentralizada experiencia de oito pequenos clubs temáticos. O Segrel do Penedo comparte unha estupenda selección de fotos deste día.

Coma sempre, todo o que fai a Asesoría de Biblioteca Escolares estivo perfecto: ambiente, participación, horario, organización.

23/06/08

Roteiro polas Bibliotecas Escolares (VI): IES Río Cabe (Monforte)

Chegou o día 17, data sinalada para a visita ao IES Río Cabe de Monforte, e os GBI partimos á nosa cita.

Que nos podía levar a percorrer 300 km. nunhas datas cheas de exames, avaliacións, reunións, proxectos, memorias, estatísticas…?
Que esperábamos atopar nese cole que nos facía deixalo todo e sair cara a terras luguesas?
Realmente existe alguén que se mereza tal esforzo e interés por parte do Grupo de Bibliotecas Intercentros, vamos dos GBI?

A verdade é que non as tiñamos todas con nós, intentamos postpoñer tal visita, (que se temos que ir a Vigo, Julio Verne está de paso e non queremos deixar de admiralo…, que se non conseguimos coincidir nas datas…) pero nada, imposible, dado o interese amosado por “Bea” e “A Paramio” con insistentes correos solicitando a nosa visita, tantas chamadas a terceiras persoas para influir na nosa decisión… en fin que non puidemos negarnos. Así que, como diciamos, chegou o día 17 e partimos cara ao noso obxectivo.

Disque as historias non son como comezan, menos mal, pois chegamos ao lugar acordado e alí non había ninguén...
“Señor, faránse agora de rogar?. Como isto non mellore as cousas pintan ben feas!”
Afortunadamente non se retrasaron moito. E despois dunha boa comida, regada dun non menos bo Rioja, unha amena charla, algunha que outra anécdota e sobre todo moitas risas marchamos para o cole.
“Meu deus, aínda estabamos a medio camiño”!!
“Pero quen nos manda a nós meternos nestas lerias”??

Chegamos ao fin, nada máis cruzar a porta do cole quedamos embelesados ante a exposición, "A volta a Galia" 0u "Le tour de Gaule" e cando nos adentramos no instituto admiramos a exposición “Guernica” outro fantástico traballo do alumnado de 1º de ESO e do profesorado implicado na materia Proxecto Interdisciplinar.

Isto comeza a compensar tantos kilómetros e tantas horas de visita!!

Seguimos o noso camiño cara á biblioteca, os corredores cheos de magníficos traballos sobre “Castelao”, “A Publicidade”, “La Palabra de Neruda”, “La Escritura de Occidente”..., frente a nós a Biblioteca, na súa porta reza “Quod Natura Non Dat Salamantica Non Praestat”...
Pretenderán insinuarnos algo con esta lenda? Veremos...

Amplo e luminoso espazo, cun precioso e colorista recuncho para a lectura informal, máis para “calificar” parte do seu mobiliario utilizaremos as palabras das “dinamizadoras” desta biblioteca escolar “mesas e cadeiras de estilo Racionalista” (no comment!!)

O que si queremos comentar é o que opinamos desas dúas mulleres que están ao fronte desta biblioteca escolar. Non sen antes deixar claro que o “Priscillus” non ten nada que ver nas nosas apreciacións…

Que dicir de dúas mulleres coas ideas tan claras sobre o que debe ser unha verdadeira biblioteca escolar, unhas mulleres que saben transmitir tan ben o seu dinamismo, a súa capacidade de traballo, a súa creatividade, en definitiva o seu bo facer? Unhas mulleres que ademais de todo o aquí exposto son posuidoras dun enorme sentido do humor o que confirma a súa intelixencia?

Parabéns á Paramio e a Bea e por suposto a todo o equipo de profesionais que xunto a elas fan desta unha das bibliotecas escolares galegas máis activa e dinámica e que non fai máis que confirmar un dos nosos lemas “As bibliotecas reflicten a alma das persoas que están ao seu fronte

Nota dos GBI: Non quixéramos facer referencia á súa crónica pois, como é ben sabido en todas as Bibes ás que honramos coa nosa presencia, os membros do GBI non somos persoas “manipulables” en ningún sentido, pero consideramos preciso unha pequena puntualización por parte das nosas “anfitrionas” cando se refiren a nós en termos de “inspección táctil”. Máis que nada para evitar posibles malentendidos…


E con este pechamos os nosos Roteiros por este curso. Ídevos preparando que o vindeiro haberá máis!!!

Outros Roteiros
CEIP Milladoiro-Malpica
CEIP José Cornide (A Coruña)
IES Uxío Novoneyra (A Coruña)
IES de Arzúa
IES Alexandre Bóveda (Vigo)


Tamén nos outros GBI Blogues
A Nosa Biblioteca
O Segrel do Penedo

Biblioafonso

20/06/08

Tira da corda... e amárrate á lectura


Xa chega o verán e o curso remata, todos e todas estamos desexando gozar deste tempo de lecer que se aveciña. Para mantérmonos a flote na praia, no río ou na lagoa sigamos o lema “amárrate á lectura” que nos propón a guía de recomendacións para o verán que vén de publicar o Concello de Cambre.


Este verán, por vez primeira, as bibliotecas municipais e escolares de Cambre elaboramos unha guía de lecturas única que será difundida por todo o concello a través das bibliotecas municipais, os centros educativos públicos e outras dependencias municipais.


Os centros escolares que colaboramos na elaboración desta guía somos: CEIP Wenceslao Fernández Flórez, CEIP Emilio González López, CEIP O Graxal, CEIP Portofaro, CEIP Torrente Ballester, IES David Buján e o IES Afonso X O Sabio.


Bo verán e boas lecturas.

14/06/08

As MOCHILAS VIAXEIRAS regresan a casa

Tras as visitas realizadas a numerosos fogares dos nosos alumnos e alumnas, as MOCHILAS VIAXEIRAS, regresaron á biblioteca "O bosque animado". Comentáronnos que estaban ledas pero cansas. Cansas polo uso que lles deron (que se colle o cd, que se agora quero a revista, que se agora apetéceme a novela...) pero moi contentas porque agora chega o verán e van recargar as pilas para o curso que vén.

No seu interior as MOCHILAS traían cubertas unha pequena enquisa sobre como valoraron as familias estas actividade. Velaquí algunha das respostas:


“Está ben, incita á xente a ler e “culturizarse” máis”
“Moi boa, e a min me gustou moito sobre todo os cómics e a música”
“Me parece buena idea aunque a veces no hay mucho tiempo para las actividades”
“É unha boa actividade para pasalo ben en familia”
“Moi interesante. Unha boa forma de promover a lectura e o intercambio”
“Moi boa idea, é unha boa maneira de fomentar a lectura e o cine”
“É unha boa inicitiava”
“É unha boa maneira de fomentar a lectura tanto para os rapaces como para os pais”
“Importante para fomentar a lectura e toda a familia, sobre todo nos fillos”
“Que é divertida”
"Boa"
"Moi boa".

03/06/08

Entrega de premios do XV Certame Literario de Cambre


Desde hai xa quince anos os dous IES do Cambre, en colaboración coa área de Cultura do Concello, organizamos un certame literario para a xente nova de todo o país.


Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, O Equipo de Normalización Lingüística do noso IES foi o encargado, como cada dous anos, da organización do certame. Deste xeito a finais de maio foron entregados os premios, contado coa presenza da Concelleira de Cultura, Arita Prado, e de Celso Álvarez Cácamo, escritor, sociolingüística, profesor de filoloxía da Universidade da Coruña e fillo de Xosé María Álvarez Blázquez.


O fermoso acto da entrega de premios contou coa colaboración do profesorado de música e dos dous alumnos que nos agasallaron con senllas pezas musicais.