31/01/12

"La invención de Hugo", película, libro e autómata

  A nova película de Scorsese está baseada nun libro que temos na nosa biblioteca desde fai bastante tempo. No seu día puublicamos unha entradiña dedicada a esa extraña novela que ao tempo é novela e máis cousas, como libro ilustrado, cómic, homenaxe ao cine mudo e aos autómatas que parecen pura ficción e son... reais, museos incluídos.
   Pincha aquí para acceder a máis información sobre a nova película.
   E pincha aquí para ler, se queres, a entrada sobre o libro na que está baseada a peli de Scorsese.
   E lembra: no propio libro, que tes na biblioteca, hai nas páxinas finais un enlace para ver en internet que o autómata da novela (e da película, cabe supoñer) é real como a literatura mesma...

16/01/12

Libros con vida?

Mirade o que acontece nas bibliotecas canto quedan sen usuarios/as.




E lembrade... sempre cun libro na man porque non hai tempo que perder:


09/01/12

Cómics: Novidades de xaneiro de 2012


   A nosa biblioteca ten xa tres novos álbumes á túa disposición que consideramos do melloriño:

   1) Temos por fin La balada del mar salado, de Hugo Pratt, obra dos anos sesenta na que aparece por vez primeira o personaxe Corto Maltese (con "e": somos militantes, lembra), se ben esta longa historia non é "de Corto", senón coral, e se houbera que destacar un personaxe entre o coro, éste sería a inolvidable Pandora, quen ademais nas páxinas finais permite a aparición da primeira das inefables despedidas de Corto das súas igualmente inefables (...) mulleres. Por desgracia a temos a cor, como xa estamos acostumados, pero é que a obra era en branco e negro, e ao pasar as súas páxinas a cor (por motivos comerciais), por moi bo que éste sexa, nótase que... non, que non é o ideado polo autor, Hugo Pratt. Un día escribiremos aquí un par de entradas sobre este autor (debuxante e guionista), un dos maiores da historia do cómic e dunha altura que xa quererían moitos modernos.

   2) Outro album dedicado á saga de Corto Maltese, neste caso ás historias curtas de vinte páxinas que seguen ao album anterior e antes de meterse Pratt noutra historia ben longa como a que trancorre en Siberia cun poético título que mostra a orixe sefardita de Pratt e que aquí, país de carpetovetónicos, cambiaron por outro título que parece máis ben da saga infantil de Tintín. En fin... Advertimos que este tomo, Las célticas, non é o album que segue cronoloxicamente a La balada..., pero leva dentro historias moi ben contadas e cheas de referencias literarias, míticas e cinematográficas, con esa capacidade de Prattt de convertir a erudición en viñetas cheas de... vida. (O de mesturar substancias eruditas distintas para crear algo novo en certo modo  tómao de Borges, como se ve claramante no episodio entre os nacionalistas irlandeses, versión libre dun conto borgeano, pero a diferencia do seu admirado arxentino, hai máis vida en Pratt que nos relatos tantas veces intelectualizados de máis do bonaerense). Pretendemos ler no club de lectura deste ano o episodio irlandés comentado, pero os outros do tomo non desmerecen. Moi recomendable. (Outra vez está editado indebidamente a cor: ver parágrafo anterior).

   3) E finalmente xa temos o album do novo autor francés B. Vivès , titulado El gusto del cloro, un tomo que pide a gritos unha futura entrada específica. Se alguén ainda non coñece a este autor e este album, que se poña xa as pilas. Vivès xa non debuxa en papel, senón que tanto os trazos como as cores son vía ordenador (visita YouTube para ver a Vivès en acción), e iso nótase no propio estilo deste debuxante polo demais virtuoso. Esta historia, como a que publicou a continuación a mesma editorial sobre a relación dunha rapaza cun, digamos, amigo, permite recoñecer un tipo de relato ata agora pouco frecuente no mundo do cómic -se ben non inexistente-, pero presente no mundo do relato e do relato breve dos países occidentais nos últimos cento e pico anos. Para demorarse nunha lectura da típica historia da que esa xente que tan ben coñecemos soe dicir  "¿pero que tomadura de pelo é isto, que non pasa nada de nada en páxinas e páxinas...?". You know what I mean.

   PS: Pola súa parte o Departamento de Lingua Castelá acaba de comprar o album Sangre de mi sangre, de Lola Lorente, editado por Astiberri. Tamén en exposición das novidades da nosa biblio.