28/10/08

Taller da Unesco de Formación de Formadores en ALFIN


Durante os días 27, 28, 29 e 30 de outurbo a nosa biblioteca ten a oportunidade de participar, previa invitación, no Taller da UNESCO de Formación de Formadores en Alfabetización Informacional que se está a desenvolver en Granada e que rematará o xoves 0 en Sevilla. É o oitavo obradoiro da UNESCO dos once previstos.

Estamos participando xentes de Túnez, Marrocos, Alxelia, Cuba, Italia, Costa Rica, Colombia, Chile, Portugal, España e un galeguiño. que traballa no ámbito de ALFIN e Biblioteca Escolar con profesionais da talla de Glória Durban, José Antonio Gómez, Mª José Vitorino, Jordi Fernández, Elisabete Fiel, Aurora Cuevas, etc.

Na sesión inaugural participou algunha política (Directora Xeral do Libro de Andalucía) cun discurso sen autovangloriarse e con peso, Cristóbal Pasadas, alma máter do Taller e, sobre todo, Misako Ito, da división da Sociedade da Información da UNESCO. Ademais das sesións plenarias, as xornadas desenvólvense por sectores (bibliotecas públicas, universitarias, escolares e profesionais) Estas sesións presenciais son a continuidade dun obradoiro virtual que viñemos desenvolvendo nos últimos meses e que terán continuidade nos vindeiros.

Sobre os contidos, traballos e conclusións, Biblioafonso irá informando puntualmente.

24/10/08

A muller que matou a Harry Potter: SIMPATÍA PARA O VAMPIRO

Stephanie Meyer paseando en traxe de diario...

"De tres cosas estoy segura: Primera,
Edward es un vampiro. Segunda,
una parte de él se muere por beber mi sangre. Y
tercera, estoy perdidamente enamorada de él."
(Bella, en Crepúsculo)


Chega por fin a SAGA DE "CREPÚSCULO" á nosa biblioteca: amor apaixoado, aventuras, intriga, toques sobrenaturais, xénero gótico... ¡Bye, bye, Harry Potter!, ¡so long, variña máxica!, ¡farewell, vasoira voadora! Os meigos perden; vampiros e homes-lobo... ARRASAN.
A nova escritora estadounidense Stephanie Meyer (Arizona, 1973), inspirada por un sono, cun bebé no colo e tres nenos pequenos en total ao seu cargo (¿non recorda isto á Rowling do comezo?), escribe á velocidade do raio a súa novela Crepúsculo (2005), que inmediatamente salta ao número un nas listas en EE UU, lugar do que non se baixa tampouco coas que seguen. Luna nueva (2006), Eclipse (2007) e Amanecer (Outubro do 2008), desprazando ao pobre Potter á segunda división (R.I.P.).

Bella é unha moza que chega a un lugar do Estado de Washington (Oeste dos EE UU'), o peor sitio do mundo, ou iso parece... Ata que coñece a Edward Cullen, misterioso, seductor e... vampiro. Xorde o amor apaixoado..., pero ao tempo el desexa beber ,,, o sangue de Bella... A cousa complicarase na segunda entrega, Luna nueva, cando o amigo de Bella, Jacob Black, non se conforma só coa mera amizade, e, por se fora pouco, resulta ser... licántropo (traducción simultánea: home-lobo), e é que Stephanie Meyer non perde o tempo. Da tropa de vampiros neófitos da terceira
parte, mellor falamos noutra ocasión, porque da un pouco de medo e a tinta non da hoxe para tanto.

Fans: Blogs de fans da serie aparecen por todas partes na rede, incluído o Sitio Oficial da autora mesma, como non; bandas de rock interpretan temas da saga, fans comprometidos con ambicións literarias escriben relatos cos personaxes da serie de Meyer e logo colgan eses relatos en Internet; os disfraces non faltan tampouco; se a autora comprométese a ir a determinada librería, fans de mil sitios
aparecen no evento; e así...

A saga en cifras: Premios por doquier; das tres primeiras entregas, máis de cinco millóns de copias soamente nos Estados Unidos; cento corenta e tres semanas nas listas do New York Times; centos de miles de fans...
O futuro da saga: Stephanie Meyer, talvez por gusto, talvez por amor aos seus fans, está agora mesmo finalizando o quinto libro, Midnight Sun, que xa vai chegando con polémica: doce capítulos foron ilegalmente "filtrados" e colgados en Internet. Meyer estivo á altura das circunstancias e tomou a decisión de non retiralos de aí , por respecto aos fans da serie, dixo. ¿Acabará aí a aventura de Bella e os demais? ¿Non? ¿Si? ¿Talvez? A biblioteca deste IES permanecerá atenta e vixilante á espera de acontecementos: non perdas a pista deste blog...

Pero, ¿hai peli ou non hai peli?: ¡Pois claro!, como non. Parece ser que neste próximo mes de Decembro teremos todos o gusto de comer turrón coa versión cinematográfica desta saga, ou polo menos da primeira parte, ¿ou non é que Harry Potter tivo unha larga cadea delas?

Non deixes de incluír os teus comentarios sobre as obras de Stephanie Meyer aquí, se tes a bondade. Recorda que o blog é de todos e a vida dun blog depende en gran medida dos comentarios e diálogos -e polémicas- que xera...

Boa caza.

Agustín Fernández Paz: Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil

Nova de hoxe en La Voz de Galicia:


«A miña obsesión é loitar pola dignificación da literatura xuvenil»
O autor lucense radicado en Vigo é o novo gañador do Premio Nacional ?de Literatura Infantil y Juvenil pola obra «O único que queda é o amor»

Agustín Fernández Paz (Vilalba, Lugo, 1947), espertou onte como nunha novela na que ao protagonista lle concedían o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2008. Pero non era un soño. O autor acadou o galardón que outorga o Ministerio de Cultura pola súa obra O único que queda é o amor , editada por Xerais en galego e por Anaya en castelán. O premio, dotado economicamente con 20.000 euros, distingue ao mellor libro de literatura infantil ou xuvenil publicado no 2007 en calquera das linguas oficiais que se falan en España. Fernández Paz, un dos grandes referentes da literatura infantil e xuvenil en galego, que reside en Vigo, onde se retirou o curso pasado como profesor de ensino secundario no Instituto Os Rosais II, no daba feito con tanta chamada.

-Pois como debe ser gañar o Nobel, ¿non?
-Bueno, iso non me preocupa ¡porque nesas creo que xa non me vou ver!
-¿Que valor lle outorga a este recoñecemento?
-Hoxe non é o momento no que estou máis consciente da cuestión, pero o valor é obvio. Durante os últimos anos tiña case sistematicamente un libro meu nos finalistas do premio nacional e non me sorrira a fortuna nunca. Acadalo para min é unha satisfacción grande polo significado que ten o premio, polo xurado, e porque é un recoñecemento que me facía ilusión.
-O seu libro premiado está escrito en galego. ¿Pódese ler xa no resto do país?
-Si. Toda a miña produción literaria está escrita en galego e traducida a outras linguas. No caso de O único que queda é o amor , xa está en castelán, portugués e sairá en catalán no Nadal.
-Aínda que é una novela xuvenil, ¿pode interesar a un adulto?
-É un libro dos que eu chamo de fronteira. Así pódenme ler rapaces de 15 anos e adultos sen prexuízos. Se fora ao revés, non sería posible. Non me agradan as convencións que hai socialmente sobre o termo literatura xuvenil, que se asocia con obras lixeiras de sexo, drogas e rock & roll. Na miña opinión, que defendo cos meus libros, a literatura xuvenil é aquela que poden ler os mozos independentemente de que tamén o poidan facer os adultos. O exemplo máis claro pode ser O neno co pixama a raias , que é claramente un libro xuvenil no sentido de que non ten complexidades formais.
-¿Por que apostou sempre pola literatura xuvenil?
-Porque os mozos son os lectores aos que me interesa dirixirme, quizás pola miña profesión de docente. Desde os anos 70 vinme na obriga de ler moitos libros deste tipo para recomendalos logo aos alumnos, e encontreime coa sorpresa de que polo mundo adiante había escritores magníficos que traballaban para un público xuvenil. Eu non fago máis que seguir os pasos de xente como Roald Dahl o Jostein Gaarder, que foron referencias para min. O escritor noruegués dicía nunha entrevista que el estaba empeñado en loitar por unha dignificación da literatura xuvenil. Apúntome a esas palabras.. É tamén a miña obsesión. O lectorado mozo é a semente do lectorado adulto e é importante escribir obras con calidade formal e interese .

23/10/08

Día da Biblioteca

Hoxe, 24 de outbro, celébrase o DÍA INTERNACIONAL DA BIBLIOTECA ESPOLAR.


Co gallo deste día a Asociación de Amigos de Libro Infantil e Xuvenil, vén de publicar, seguindo nos informa A Nosa Biblioteca, o fermoso cartel que podedes contemplar e un fermoso texto de Agustín fernández Paz. A ilustración é dun veciño de Cambre, Xosé Cobas.


Todos os alumnos e alumnas que hoxe se pasen pola súa biblio terán un agasallo. (ata rematar existencias)

Cambio climático: unha animación

Agora que hai algún que se atreve a falar dos "profetas apocalípticos do cambio climático" e que chega a dubidar da súa existencia e da responsabilidade humana no mesmo, mirade esta fermosa e impactante animación dixital.




Global Warming from ivan oviedo on Vimeo.


Vía: Artecg.

21/10/08

Stieg Larsson. Los hombres que no amaban a las mujeres. Millennium I.

Stieg Larsson. Los hombres que no amaban a las mujeres. Millennium I. Destino, 2008.


A novela revelación deste verán. Xa leva vendidos máis dun millón de exemplares en Europa. O seu autor, Stieg Larsson, morreu antes de ver publicada esta obra, primeira da triloxía Millennium.

Pura novela negra: corrupción económica, periodistas e investigadora privada, secuestro, desaparición, asasinato? Os conflitos de familia, perversións sexuais, trampas financeiras, violencia e as relacións persoais entre dous grandes personaxes literarios.


Agardamos con impaciencia a publicación das dúas novas obras do mesmo autor:

La chica que soñaba con una cerilla y un bidón de gasolina.

La reina en el palacio de las corrientes de aire.

19/10/08

II Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia


Os pasados 17 e 18 de outubro, a nosa biblioteca tivo a oportunidade de compartir, xunto con case mil docentes de toda Galicia, os II ENCONTROS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES en Santiago.

Foron dous días intensos de traballo pero moi proveitosos xa que coñecemos á admirada, desde hai máis dunha ducia de anos, Isabel Solé; con Pepe García Guerrero reforzámonos no concepto de Biblioteca Escolar e con Antonio Basanta seguimos comprobando a paixón que a lectura desperta nalgunhas persoas.

Ademais diso, nestes dous días coñecemos as experiencias de moitos centros educativos como do IES Lila de Tenerife, do IES Alexandre Bóveda de Vigo ou o San Francisco Xavier da Coruña. Tamén podemos amosar parte do traballo que se realiza no “Bosque Animado” a outros compañeiros e compañeiras.
Igualmente tivemos a posibilidade de dar a coñercer a AGABEL, a Asociación Galega polas Bibliotecas Escolares e a Lectura.

E para rematar eses dous días, rimos, rimos e rimos.


Máis información en Blogfesquio, O segrel do Penedo.

Máis fotos en: A nosa biblioteca.

11/10/08

Unha nova biblioteca na Coruña

O pasado viernes, 10 de outubro, foi inaugurada a ampliación da Biblioteca Municipal do Castrillón na Coruña. Coa próxima conclusión das obras na biblioteca de Os Rosales, a Rede municipal de Bibliotecas vólvese colocar na cabeza dos servicios aos cidadáns. Son mil metros cadrados máis, é a sexta das bibliotecas municipais, que permitirán continuar mantenéndose á cabeza do Estado por número de socios e socias, por número de documentos y por número de préstamos en relación aos habitantes (860.000 visitantes, 66.108 socios, 333.115 préstamos, 27.792 participantes en actividades, 87.678 usos de ordenador no ano 2007) . Felicidades.



Máis información en La Opinión, El Ideal Gallego e no Concello da Coruña.

7/10/08

Roteiro polas Bibliotecas Escolares (VII): Escola Unitaria de Vide

Hoxe comezamos os nosos Roteiros polas Bibliotecas Escolares Galegas na Escola Unitaria de Vide. E aínda que Toño, un dos membros fundamentais do GBI, non puido vir (disque está nas Canarias por motivos laborais!!) a compañía non puido ser mellor. Nesta ocasión pasamos de tres a cinco e connosco estiveron Beni, Carmela e Gina.

Sobre a unha e media do mediodía, nun marabilloso día de sol, chegamos a "As Neves" (O Sol do Condado) onde nos recibiron Sabela e Lourdes.

Mentras facíamos tempo para comer e despois de admirar unhas magníficas vistas, Sabela dounos unha lección maxistral sobre a arte da pesca da lamprea, de como se seca, das distintas maneiras de preparala, disque se pode guisar, rebozar, ponse tamén á prancha e por suposto rechea. Máis chegado ese momento decidimos ir xantar. Que fame tiñamos!!!

E chegou a ansiada lamprea acompañada dun magnífico Alvariño. Preparáronna rechea, estaba exquisita. Gustounos tanto que xa estamos desexando que chegue a temporada para ir probar a lamprea verde, pero esa será outra historia...

Ás cinco, rematada a comida e logo dos cafés e dunha conversa moi agradable, xa se sabe bibliotecas escolares, clubs de lectura, encontros..., saímos para a ESCOLA, porque eso é o que é, unha ESCOLA con maiúsculas. Unha escola unitaria como as que xa non quedan. Unha escola onde o "currículo" tamén o marca unha rá que aparece unha mañá polo patio, a viña que está ao carón da escola ou calquera outra circunstancia que motive aos pequenos. Unha escola cunha biblioteca, a Biblioteca "A Dúas", que é o motor arredor do que xira non só a vida da escola, senón tamén a vida cultural do pobo. "A Dúas" é o punto de encontro onde os veciños se xuntan cada xoves para ver unha película ou para calquera outra actividade que a MESTRA, unha muller moi especial, organice.


Un dos "libros" máis importantes do fondo de "A Dúas"

VVAA: Érase unha vez... A Dúas, Editorial Unitariadevide, As Neves (2007)

E despois desta visita que tanto desexábamos facer, non chegou a despedida. Non, as nais de Vide "Compoñentes do Equipo da Biblioteca", nos tiñan preparada unha sorpresa moi especial. Na Casa da Auga agasalláronnos cunha magnífica actuación dunhas fantásticas pandeireteiras, e un pandeireteiro, que fixeron que a nosa visita a Vide sexa inesquecible.

Grazas a todas por facernos sentir como se fóramos uns máis do grupo.

Ata a próxima, que esto hai que repetilo!!!


Tamén nos outros GBI Blogues:
A Nosa Biblioteca
O Segrel do Penedo

Outra crónica en:
Cadernos de Vide


Os Roteiros do 07/08
CEIP Milladoiro-Malpica
CEIP José Cornide (A Coruña)
IES Uxío Novoneyra (A Coruña)
IES de Arzúa
IES Alexandre Bóveda (Vigo)

IES Río Cabe (Monforte)