A nova película de Scorsese está baseada nun libro que temos na nosa biblioteca desde fai bastante tempo. No seu día puublicamos unha entradiña dedicada a esa extraña novela que ao tempo é novela e máis cousas, como libro ilustrado, cómic, homenaxe ao cine mudo e aos autómatas que parecen pura ficción e son... reais, museos incluídos.
Pincha aquí para acceder a máis información sobre a nova película.
E pincha aquí para ler, se queres, a entrada sobre o libro na que está baseada a peli de Scorsese.
E lembra: no propio libro, que tes na biblioteca, hai nas páxinas finais un enlace para ver en internet que o autómata da novela (e da película, cabe supoñer) é real como a literatura mesma...
31/01/12
16/01/12
Libros con vida?
Mirade o que acontece nas bibliotecas canto quedan sen usuarios/as.
E lembrade... sempre cun libro na man porque non hai tempo que perder:
09/01/12
Cómics: Novidades de xaneiro de 2012
1) Temos por fin La balada del mar salado, de Hugo Pratt, obra dos anos sesenta na que aparece por vez primeira o personaxe Corto Maltese (con "e": somos militantes, lembra), se ben esta longa historia non é "de Corto", senón coral, e se houbera que destacar un personaxe entre o coro, éste sería a inolvidable Pandora, quen ademais nas páxinas finais permite a aparición da primeira das inefables despedidas de Corto das súas igualmente inefables (...) mulleres. Por desgracia a temos a cor, como xa estamos acostumados, pero é que a obra era en branco e negro, e ao pasar as súas páxinas a cor (por motivos comerciais), por moi bo que éste sexa, nótase que... non, que non é o ideado polo autor, Hugo Pratt. Un día escribiremos aquí un par de entradas sobre este autor (debuxante e guionista), un dos maiores da historia do cómic e dunha altura que xa quererían moitos modernos.
2) Outro album dedicado á saga de Corto Maltese, neste caso ás historias curtas de vinte páxinas que seguen ao album anterior e antes de meterse Pratt noutra historia ben longa como a que trancorre en Siberia cun poético título que mostra a orixe sefardita de Pratt e que aquí, país de carpetovetónicos, cambiaron por outro título que parece máis ben da saga infantil de Tintín. En fin... Advertimos que este tomo, Las célticas, non é o album que segue cronoloxicamente a La balada..., pero leva dentro historias moi ben contadas e cheas de referencias literarias, míticas e cinematográficas, con esa capacidade de Prattt de convertir a erudición en viñetas cheas de... vida. (O de mesturar substancias eruditas distintas para crear algo novo en certo modo tómao de Borges, como se ve claramante no episodio entre os nacionalistas irlandeses, versión libre dun conto borgeano, pero a diferencia do seu admirado arxentino, hai máis vida en Pratt que nos relatos tantas veces intelectualizados de máis do bonaerense). Pretendemos ler no club de lectura deste ano o episodio irlandés comentado, pero os outros do tomo non desmerecen. Moi recomendable. (Outra vez está editado indebidamente a cor: ver parágrafo anterior).
3) E finalmente xa temos o album do novo autor francés B. Vivès , titulado El gusto del cloro, un tomo que pide a gritos unha futura entrada específica. Se alguén ainda non coñece a este autor e este album, que se poña xa as pilas. Vivès xa non debuxa en papel, senón que tanto os trazos como as cores son vía ordenador (visita YouTube para ver a Vivès en acción), e iso nótase no propio estilo deste debuxante polo demais virtuoso. Esta historia, como a que publicou a continuación a mesma editorial sobre a relación dunha rapaza cun, digamos, amigo, permite recoñecer un tipo de relato ata agora pouco frecuente no mundo do cómic -se ben non inexistente-, pero presente no mundo do relato e do relato breve dos países occidentais nos últimos cento e pico anos. Para demorarse nunha lectura da típica historia da que esa xente que tan ben coñecemos soe dicir "¿pero que tomadura de pelo é isto, que non pasa nada de nada en páxinas e páxinas...?". You know what I mean.
PS: Pola súa parte o Departamento de Lingua Castelá acaba de comprar o album Sangre de mi sangre, de Lola Lorente, editado por Astiberri. Tamén en exposición das novidades da nosa biblio.
PS: Pola súa parte o Departamento de Lingua Castelá acaba de comprar o album Sangre de mi sangre, de Lola Lorente, editado por Astiberri. Tamén en exposición das novidades da nosa biblio.
30/12/11
21/12/11
Guía de lectura. Navidades 2011
Como cada fin ano vos presentamos a guía de lectura coas recomendacions para estas Navidades. Coordinada polas bibliotecas de Cambre, participaron na súa elaboración varios colexios de infantil e primaria e os dous IES do concello. Na guía encontraredes propostas de libros (narrativa poesía, banda deseñada), películas e música para todas as idades, dende os primeiros meses de vida ata recomendacións para adultos, agrupadas por edades.
14/12/11
Mercadiño solidario
O proxecto "Navidades Solidarias" de axuda á Cociña Económica é un proxecto que iniciamos este ano unha serie de alumnos de 2º de Bacharelato como continuación do proxecto iniciado o ano pasado pola profesora de francés Isabel Luna e unha parte dos seus alumnos de Atención Educativa e Francés. Contamos tamén coa colaboración duha parte do alumnado da ESO que quixo axudar neste traballo. Moi similar ao do ano pasado, o proxecto consiste, basicamente, na recadación de fondos para a organización anteriormente dita, a través da venda dunhas rifas de baixo custo e un mercadiño solidario con obxectos doados polo alumnando e profesorado. Paralemente, fíxose unha campaña de recollida de alimentos, obxectos de hixiene persoal e roupa que serán doados íntegramente á Cociña Económica. Todo aquel que quera participar neste proxecto so ten que achegarse ó noso mercadiño (aberto nos recreos de Bacharelato e a ESO) e mercar ben obxectos ou rifas, podendo tamén doar directamente o que comentamos anteriormente (roupa, obxectos de hixiene e, principalmente, comida) deixando todo esto na aula de Francés.
Moitas gracias pola vosa colaboración.
10/12/11
10 DECEMBRO DDHH

63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.
Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.
Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.
E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.
Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!
Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.
Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)
30/11/11
29/11/11
OUTRAS BIBLIOTECAS
Precioso video para que vexamos que non todas as realidades son como a nosa e que con pouco pódese facer moito.
Etiquetas:
Bibliotecas,
Dereitos Humanos,
Educación
Cómics na biblio: novidades de novembro:
O dobre delito de (1) ler, e (2) ler... cómics
A nosa biblioteca acaba de incorporar certos álbumes de cómics, máis ben tirando ao clásico, pero moi atractivos. Pouco a pouco iremos falando deles aquí, entrada a entrada, entre silencio abrumador e máis silencio abrumador, mais hoxe é o momento de dicir cales son, non de -unha vez máis- chorar:
- Fábula de Venecia, de Hugo Pratt. Unha aventura de Corto Maltese (así, coa "e" ao final: somos militantes) na querida Venecia de Pratt, un dos mellores autores de cómics de todos os tempos. Non é a súa mellor obra, pero é unha boa e interesante obra da que xa falaremos aquí, queridos fans. Editada a cor por Norma.
- O número 17 da serie sobre Tha Spirit, do gran Will Eisner, editado por Norma a cor. Un clásico. Aventuras de ambiente policial e urbano cunha planificación e unha concepción da páxina como unidade que debuxan unha "o" na boca do admirado lector.
- Un dos volumes dedicados á serie de Krazy Kat, do enorme Herriman, outro clásico, neste caso do cómic de humor, válido para todas as idades (tamén para os vellos de máis de trinta anos). Imprescindible, inolvidable e moitas palabras máis que comecen con "i". Herriman soamente necesitaba unha cárcere, un can policía, un rato un tanto sádico e unha gata tola e namorada á vez do rato e dos seus ladrillazos. Publicado por Planeta DeAgostini.
- O derradeiro número da saga do Señor Jean, unha serie francesa de fino humor e sarcasmo non tan fino ás veces. Moi bo igualmente.
- Low Moon, un recomendable album do noruego Jason, a cor, moi ben editado por Astiberri, con diferentes historias nas que o autor xoga cos distintos xéneros (western, ciencia-ficción, policial, etc.) sen faltar guiños culturetas para gafapastas ociosos.
25/11/11
"Cómic e literatura", novo club de lectura
Comunicamos mediante esta entrada que o club de lectura dedicado a "Cómic e literatura" dará comezo como tal a semana que entra. Seremos, en principio, unhas cinco persoas, máis dúas que estarán con nós vía internet, no blog, como outros anos. Pode que se sume alguén máis; sucede ás veces.
Para máis información (qué pretendemos facer, qué autores trataremos, qué tipo de cómics, etc.), ver no noso blog.
E xa está, creo.
PS: Premendo un pouco máis abaixo sobre a etiqueta "Cómic" pódense ver outras entradas dedicadas neste blog (Biblioafonso)aos cómics.
PS: Premendo un pouco máis abaixo sobre a etiqueta "Cómic" pódense ver outras entradas dedicadas neste blog (Biblioafonso)aos cómics.
Etiquetas:
Club de Lectura,
Cómic,
Narrativa,
Poesía
22/11/11
Sobre a lingua
Dous vídeos interesantísimos. O primeiro vímolo na Biblioteca do Chouzo de onde collemos, tamén o texto. Aclaro que Cea, xunto con Carral e Osedo, é un dos lugares co mellor pan de Galicia.
Lipdub do CPI Virxe da Saleta sobre unha versión de Sweet
Home Alabama de Lynyrd Skynyrd, popularizada por Siniestro Total como
Miña Terra Galega. Sobre unha idea de Álvaro Cunqueiro, naceu a letra de
A Lingua Sabe a Pan. Contou coa participación de todo o alumnado do CPI
e dos músicos Pedro Feijoo e Charly Lincoln que gravaron, misturaron e
produciron nos estudios Muu! de Vigo.O segundo vídeo é de Carlos Blanco. Todo un fenómeno mediático.
19/11/11
Novo equipamento para a biblioteca
Recentemente vimos de completar o equipamento
mobiliario da biblioteca. Adquiriuse un moble para os deuvedés, posto que os
dous existentes estaban a quedar pequenos, e dúas estanterías baixas.
O moble de deuvedés foi colocado na parede que
está xusto á entrada da biblioteca entre os dous arquivadores. Nos vindeiros
días será rotulado para ver, se deste xeito, conseguimos que as películas non
fiquen desordenadas.
Os dous novos mobles con andeis foron
colocados na esquina do fondo da biblioteca. Con eles modificaremos fisicamente
a colocación de parte dos nosos fondos de ficción e conseguiremos un espazo de
seu para os documentos de produción propia.
01/11/11
A frase do mes: José Saramago
"Todo o mundo me di que teño que facer exercicio. Que é bo para a miña saúde. Mais nunca escoitei a ninguén que lle diga a un deportista: "Tes que ler"
17/10/11
Sobre o 15-M e os Indignados: selección de lecturas
Selección de lecturas sobre o movemento do 15-M e "Os indignados" . Na biblioteca pódese contemplar na sección de novidades estes libros divulgativos.
01/10/11
A frase do mes: María Reimóndez
“O día que aprendín a ler comprendín finalmente o que miña nai me contaba de que os libros eran o tesouro do saber dos brancos. Mais cando comecei a escribir estiven en desacardo con ela. Porque escribir foi sempre para min unha forma de falar con quen non está. Unha maneira de encher os ocos dunha vida chea de ausencias. Escribir é continuar as conversas que quedan penduradas do aire...”
María Reimóndez. Pirata. Vigo, Xerais, 2009, páx. 215
07/07/11
Memorias do curso 2010-2011
Todo un curso de traballo en dúas memorias, a da Biblioteca e a do Programa ARCE:
21/06/11
Lecturas de verán 2011
Xa están aquí as vacacións de verán e o noso consello de non esquecer neste tempo de lecer as boas lecturas. Esta é a guía que as bibliotecas municipais e escolares de Cambre elaboramos pensando neste tempo de lecer. Desde o ano 2008 todas as bibliotecas vimos colaborando na composición desta guía que non só inclúe libros senón tamén propostas musicais e cinematográficas. Nela participamos as bibliotecas municipais e as bibliotecas dos centros escolares: CEIP Portofaro, CEIP O Graxal, CEIP Torrente Ballester, CEIP Emilio González López, CEIP Wenceslao Fernández Flórez, IES David Buján e o IES Afonso X, O Sabio . Esperamos que gocedes destas propostas e feliz verán.
15/06/11
Sobre a IV Xornada dos Clubs de Lectura en Santiago
Como en anos anteriores tivo lugar o día 10 un novo encontro en Santiago dos coordinadores dos diferentes clubs de lectura existentes en colexios e institutos de Galicia. Tamén o noso IES estivo alí representado, claro é.
Comezou o día coa intervención de Ana Díaz-Plaja Taboada, chegada desde Cataluña para, una vez máis, falar da posibilidade da utilización da literatura de baixa calidade, "literatura lixo" (sic), para elevarnos pouco a pouco cos lectores dos clubs cara a unha literatura de máis calidade (clásicos ou non).
Antes da hora de xantar os coordinadores dos clubs reuníronse por "zonas" (Coruña, Ourense, etc,) en diferentes aulas para así compartir experiencias, dialogar, etc., tamén como nas outras ocasións.
Xa despois da comida certo número de responsables de clubs de lectura en centros distintos de Galicia contaron as súas experiencias, como tamén é costume.
Rematou a IV Xornada coa presencia do escritor Fernando Marías, que falou da súa dedicación á literatura en xeral e en particular á literatura así chamada "xuvenil", centrándose especialmente en gatos, autobuses, veciñas, arquivos, cines de sesión nocturna e editores con particulares conceptos do negocio libresco. Falou, por suposto, de tres ou catro novelas "xuvenís" súas moi coñecidas, e sobre todo da última, tomándose a molestia de explicar a relación que o seu tema ou trama ten que ver coa súa vida, ou se se prefire, coa vida, a secas.
Acabamos cunha sorpresa, a actuación do músico e cantante Xabier Díaz, que podes ver e escoitar aquí.
PS: ¿Ten a administración intención de que haxa clubs de lectura o próximo curso...? Como dicía aquel lobo naquela revista do ano de Maricastaña: Aaaaaaaaaaaaaaauuuuuuuuuuhhh...!
Comezou o día coa intervención de Ana Díaz-Plaja Taboada, chegada desde Cataluña para, una vez máis, falar da posibilidade da utilización da literatura de baixa calidade, "literatura lixo" (sic), para elevarnos pouco a pouco cos lectores dos clubs cara a unha literatura de máis calidade (clásicos ou non).
Antes da hora de xantar os coordinadores dos clubs reuníronse por "zonas" (Coruña, Ourense, etc,) en diferentes aulas para así compartir experiencias, dialogar, etc., tamén como nas outras ocasións.
Xa despois da comida certo número de responsables de clubs de lectura en centros distintos de Galicia contaron as súas experiencias, como tamén é costume.
Rematou a IV Xornada coa presencia do escritor Fernando Marías, que falou da súa dedicación á literatura en xeral e en particular á literatura así chamada "xuvenil", centrándose especialmente en gatos, autobuses, veciñas, arquivos, cines de sesión nocturna e editores con particulares conceptos do negocio libresco. Falou, por suposto, de tres ou catro novelas "xuvenís" súas moi coñecidas, e sobre todo da última, tomándose a molestia de explicar a relación que o seu tema ou trama ten que ver coa súa vida, ou se se prefire, coa vida, a secas.
Acabamos cunha sorpresa, a actuación do músico e cantante Xabier Díaz, que podes ver e escoitar aquí.
PS: ¿Ten a administración intención de que haxa clubs de lectura o próximo curso...? Como dicía aquel lobo naquela revista do ano de Maricastaña: Aaaaaaaaaaaaaaauuuuuuuuuuhhh...!
Etiquetas:
Bibliotecas,
Club de Lectura,
Música,
Video
09/06/11
Mural para a librería Cascanueces
Video do mural de David Pintor para a Librería Cascanueces da Coruña, realizado por Luis Caldevilla.
06/06/11
Suscribirse a:
Entradas (Atom)







