05/11/07

Inauguración de "O Segrel do Penedo"

"O Segrel do Penedo" somos todas as bibliotecas escolares galegas.

No día de hoxe Biblioafonso foi invitada á inauguración da biblioteca “O Segrel do Penedo “ do IES de Fene. Neste acto, ademais de autoridades, familia do poeta Pérez Parellé, invitados e o alumnado do centro (o verdadeiro protagonista do acto e destinatario final do traballo que se realiza na biblioteca), estiveron presentes todas as Bibliotecas Escolares de Galicia.

Foron unhas horas para lembrar a historia desta biblioteca e dos seus bibliotecari@s, pero sobre todo un tempo para coller novos folgos de ilusión bibliotecaria, para compartir desexos de mellora permanente, para contemplar as melloras "fisicas” da biblioteca, para coñecer unha das bibliotecas de secundaria que é o facho e a guía para as demais, para valorar o traballo ben feito.

Foron unhas horas para apreciar o cariño e o agarimo que a capitana desa nave ten posto nunha tarefa que comenzou hai xa dezasete anos. Foron tamén unhas horas para darlle o recoñecemento non só da súa comunidade escolar, senón tamén de todas as bibliotecas escolares galegas. Grazas polo traballo. Grazas polo exemplo.

No día de hoxe todas as bibliotecas galegas queremos ser “O Segrel do Penedo”.
No día de hoxe todas as bibliotecas somos “O Segrel do Penedo”.

2 comentarios:

MESTURAS dixo...

Non podo engadir nada máis ao que estades a dicir. Foi un pouco a festa de todos. Festa rachada, parece ser, que ben!

O Segrel do Penedo dixo...

Esa tarefa que comezou hai xa dazasete anos, ten un protagonista principal que sempre nos acompaña e a quen lle debemos todo o que somos. Grazas Toño pola túa xenerosidade infinita. O Segrel do Penedo sempre te levará no corazón!!