14/12/09

Jack London: como asaltar un tren

Jack London, en primeiro plano, según Hugo Pratt. Acompáñao Corto Maltese, no fondo.


Botamos hoxe man dun libro deses que non se pode deixar de ler. É unha das derradeiras adquisicións da nosa biblioteca. Vale para ir no bus, para camiñar pola rúa ou agardar no banco. Sen máis preámbulos, trátase de “El Camino” de Jack London, afamado escritor estadounidense (San Francisco, 1876-1916) autor de títulos tan coñecidos como “Cairo Branco” (Xerais, 1997) e “Martin Eden”, aínda non traducido ao galego.

En 1894, non tendo mellor cousa que facer, Jack London bótase á estrada portando pouco máis que o seu propio asubío. Iso é o que conta neste libro. O plan era sinxelo: viaxar ata onde as forzas dos seus dezaoito anos o levaran, libre e sen compromiso, mendigando teito e comida, e, -as máis das veces-, fuxindo da policía e de canta autoridade se lle poñía por diante. Soa fermoso, si, pero tamén arriscado. Os apuros polos que pasa nun só día o trotamundos son incontables. Pero tamén o son as delicias desa vida, para aquel que naceu co espírito revolto dos aventureiros. É ou non é así? “He pasado noches horribles en mi vida recorriendo metrópolis infernales, durmiendo en medio de un charco, o en medio de la nieve y cubierto por un par de mantas, cuando el termómetro registraba setenta y cuatro grados bajo cero; pero puedo jurar que jamás en la vida he pasado una noche más miserable que la que pasé con el sueco en la taberna itinerante del Council Bluffs” (páx 139).


Debido á miseria xeralizada nese final de século no seu país, particularmente grave en familias humildes como a del, tivo xa de cativo, que desenvolver o enxeño para sobrevivir. Pero é que aínda así o deste home sáese do común. Non parou quieto nin un momento, enrolándose nas máis inverosímiles empresas, dende a piratería fluvial ata a febre do ouro. A súa obra bebe directamente desas ricas experiencias, que fixeron del un dos autores máis vendidos do seu tempo. Sen embargo, unha vida dese xeito vivida, en exceso, termina por lle pesar máis da conta, e tras pasar os derradeiros anos entregado ao alcohol e a diversas sustancias que consumía para aguantar as dores do seu corpo, suicídase por medio dunha sobredose de morfina á idade de corenta.

Pero neste libro non hai nin pinga dese amargo final. Aquí atopamos a un Jack London mozo, forte e lúcido, incapaz de se resistir ao engado da carretera, á súa beleza: “en realidad me hice vagabundo por la vida que llevaba dentro, por esas ansias de conocer mundo que no me dejaban descansar. (…) Comencé a hacer el camino porque no me podía alejar de él” (páx 145). E así vaise atopando con todo tipo de persoas, dende xente á que aborda e persuade para que lle dean de comer e vestir, ata tipos duros dispostos a lle esnaquizar os osos á menor oportunidade que lles dea. Chega incluso a formar parte do coñecido como “Exército da Fame”, unha marcha de máis de dous mil parados que viaxaban a pé ata Washington como protesta. Pero sen dúbida o que transforma a este home é pasar pola cadea. Alí pásaas canutas, e tócalle lidiar co peor, xa sexan presos ou gardas. Todo iso conflúe nunhas páxinas terribles que paga a pena ler, precisamente, polo que non é quen de escribir nelas.

(Entrada: colaboración de M.)

Ningún comentario: