06/04/11

"La montaña mágica", unha fábula de Taniguchi (cómic):




Taniguchi, coa súa maestría habitual, regálanos outro album que podes coller cando queiras na biblio.


Trátase dunha historia fantástica que transcorre no Xapón dos anos sesenta, en Tottori, o pobo do autor, e protagonizada por un neno de once anos que ten unha irmá pequena, unha nai hospitalizada cunha enfermidade grave e, como é normal nas historias deste debuxante, un pai ausente, neste caso morto en accidente varios anos atrás. Ambos nenos viven cos avós mentres a nai loita entre a vida e a morte. Casualmente, o neno tomará contacto no Museo das Ciencias cunha salamántiga xigante do Xapón, que ao parecer realmente existen, a cal é capaz de falar con el, "o elixido", para pedirlle axuda para escapar e volver ao manantial ubicado debaixo das ruinas do castelo da gran montaña de Tottori, lugar máxico habitado polo pai do anfibio. A cambio, ese ser promete curar definitivamente á nai dos nenos. Nun momento da historia o pai falecido aparécese fantasmalmente aos pequenos. A historia, con estrutura de fábula, de conto fantástico, ten un contido ecoloxista, falándonos dunha íntima relación entre humanos e natureza moi presente tamén nas outras historias famosas de Taniguchi ("Barrio lejano", "El almanaque de mi padre", "Zoo en invierno", etc.: as dúas primeiras na biblio).


O estilo e técnica como debuxante desplegados neste album está na liña e no nivel propios deste autor de manga, coa novidade de ofrecer as súas páxinas a cor, o que dá enerxía e nova vida a esas viñetas de fondos debuxados a partir de fotos copiadas polos seus colaboradores do seu estudio. Ese estilo hiperrealista-fotográfico obsesivo, que, na nosa opinión, non resulta moi adecuado para as historias íntimas que Taniguchi quere contar cando é máis el, quedan sen embargo coa cor sobreposta dalgún xeito redimido ou mellorado. A percepción que o lector ten destas viñetas orixinadas en fotos é ben distinta agora que a cor é engadida, pois non procede da propia foto. Polo demais, o desplegue de toda a artillería taniguchiana segue en pé: é rara a páxina que non posúa planos, puntos de vista e formatos diversos, ata o punto de que é case imposible unha páxina sen polo menos unha viñeta en "picado" e outra en "contrapicado", como é igualmente rara a que carece dunha rectangular que percorra toda anchura da páxina. Como xa comentabamos na entrada dedicada a "Barrio lejano", tanta riqueza e variedade técnica nos álbumes de Taniguchi pode chegar a ser ás veces máis un incoveniente que unha boa ferramenta. O exceso de técnica pode desmellorar o relato do mesmo xeito que, por outras razóns, a falta de oficio estropea unha boa idea.


Lembra , para rematar, que tes na biblio tamén "Barrio lejano" e "El almanaque de mi padre", dúas boas obras deste autor xaponés.


Ah! O tomiño de "La montaña mágica" engade ao final unha interesante e clarificadora entrevista co autor. Ao mellor merece a pena comezar por ela... (Ou non).


Ugh!

Ningún comentario: