16/3/12

The fantastic book of..........

O profe de relixión do centro pasounos o enlace deste corto, cuxos creadores definen como unha carta de amor ós librosA historia xira entorno ó amor polos libros, a súa capacidade para iluminar as nosas vidas e o maravilloso que é mergullarche na lectura. A ausencia de diálogos fai que o seu visionado sexa recomendable para calquera . Si queredes mais información sobre o corto pinchade neste enlace

14/3/12

"A suivre", monsier Jean Giraud, autor de cómics

 Mike Blueberry debuxado por Giraud e modificado vilmente por obra dalgunha alma corrupta por medio de Photoshop, ese invento soviético...

  Este sábado pasado, 10 de marzo, morreu o autor de cómics francés Jean Giraud, alias Gir, alias Moebius, aos setenta e tres anos, vítima do cancro.
   ¿Quen era este señor? ¿Por que unha entrada sobre el neste blog?
   Nos anos oitenta no mundiño dos cómics, polo menos no ámbito europeo, Moebius-Gir era... Deus. Non había afecionado ou debuxante novel que non coñecera ou incluso imitara descaradamente (ou copiara sen máis) a este debuxante. Nesa década e posiblemente en parte dos noventa era o home a seguir, o debuxante modelo. Co atractivo ademais de cultivar unha dobre personalidade como debuxante (en realidade iso non é tan raro pois é relativamente frecuente: Crumb, Clowes, Ware, Eisner, Del Barrio e outros xogan igualmente a ese xogo): Gir, para firmar os seus traballos dentro do cómic clásico, incluso ás veces convenciomal, cun tipo de debuxo entre académico e lixeiramente expresionista nos rasgos faciais (é dicir, máis achegado a un Caniff ou un Robbins ou un Pratt, influido polo seu mestre belga Jijé, que a un Hal Foster ou un Alex Raymond, queremos dicir, non máis), e aí atopamos o seu traballo na saga do "Teniente Blueberry" (aínda sobreviven na nosa biblio un par de álbumes: outro está... desaparecido), con guións de Charlier, pai da serie e morto xa fai tempo, o que non impediu que a saga seguira, de aí a súa decadencia non tanto por caer en mans de Gir, senón porque a tarta foi repartida entre demasiados e así foi a cousa...; e a outra personalidade, supostamente máis orixinal e creativa, firmada como Moebius, e con historias de ciencia-ficción do propio Jean Giraud, doutros guionistas (Jodorowsky, p. ex., o escritor friki chileno do grupo Pánico) ou adaptadas polo debuxante a partires de libros, como é o caso de "El garaje hermético de Jerry Corneluis" (posiblemente o  cómic máis importante da cara moebiusiana: inatopable xa na nosa biblio pois alguén decidíu tempo atrás que adornaba mellor na súa da súa casa), tomado da obra do escritor Michael Moorcock. Esa nova faceta debemos relacionala coa aparición da revista de cómics "Metal Hurlant" onde tanto Moebius como Druillet e outras xentes intentaban revolucionar a linguaxe do cómic, con máis que dubidosos resultados, visto o visto e despois de tantos anos...
   Despois de todo isto o que queda, na nosa opinión, non é tanto a polvareda de Moebius como o seu traballo na saga de Blueberry, posiblemnte o mellor western do mundo da banda deseñada, incluíndo as series estadounidenses (aí, no cómic, Europa si foi quen de superar aos estadounidenses, sen rival no cine do Oeste, e da literatura nin falemos). O western, ese xénero xa olvidado: dubidamos que moitos adolescentes de hoxe coñezan  a saga de Blueberry, e se a coñecen, que saiban que Gir e Moebius son o mesmo animal. Un adolescente de agora xa non coñece os westerns de Ford, Peckinpah ou Mann, e nesa situación a palabra Blueberry ou o palabro (sic) western non significan gran cousa. Son as persoas que peinan xa canas ou están a piques de facelo os que aínda coñecen este personaxe. En tempos, a saga de Blueberry era sen embargo o paso natural do afecionado adolescente que deixa por fin os luckylukes, os astérix e os tintines, antes de desembocar en Pratt, Crumb ou o que fora (hoxe diríamos Clowes, Tomine, Taniguchi ou Jason, p. ex.).
   En tempos.
   En calquera caso, a morte de Moebius-Gir supón a morte dun dos grandes do cómic que ademais foi quen de meter o seu lapis no mundo do cine en películas non precisamente pouco coñecidas... ¿Que queda, pois? Quedan oito ou dez grandes álbumes de Blueberry, algún deles con guión do propio Gir logo da morte de Charlier, e algún outro album firmado co nome de Moebius, como o xa dito, faceta moebiusiana ésta na que ao final este debuxante aproximábase curiosamente ao estilo da así chamada "liña clara" da escola de Hergé (quen se inspirara, lembremos, no debuxante estadounidense George MacManus, pois nada ven da nada, como dicía algún grego ou algún teólogo, non recorda xa un).
   Non é pouco, monsier Giraud, non é pouco. Longa vida...
   "Atención, Mike, a sinistra dama á túa esquerda!"
   Bang!!!
   (A SUIVRE...)

12/3/12

Lendo no IES

Xa hai unhas semanas que están en marcha case todos os clubs de lectura do noso instituto. Este ano temos máis que o ano pasado e como consecuencia temos máis nenos, nenas e departamentos implicados. Tamén temos por primeira vez un club para pais e nais, que xa comenzara antes das vacacións de Nadal o mesmo que o club de departamento de filosofía "Cómic e literatura" que ten un estupendo blog que podedes ver pinchando neste enlace . O resto dos clubs son: do departamento de xeografía e historia un  para terceiro da eso cun libro de viaxes, outro  para primeiro da eso cun libro tamén de viaxes e cuarto cun libro de temática adolescente; do departamento de lingua castelán cun cómic de Lola Lorente para 1º de bacharelato e no que contaremos posiblemente con dúas sesións coa autora, un club do departamento de matemáticas para terceiro da eso cun libros de historias e o último do departamento de inglés que como o de matemáticas ainda no empezou aínda que o farán en breve. Como vedes temos abondo e para todos os gustos, algunos, xa vedes,len ata do revés. 

8/3/12

Charles Dickens

Como sabedes este año cúmplense 200 anos do nacemento de Charles Dickens,un dous máis grandes escritores da lingua inglesa. Dende a BBC  e para ir recordando pouco a pouco ó autor, quérovos deixar este video animado  que fai un bo resumo da sua vida. Como non podía ser menos está na lingua de orixe.


.

5/3/12

Día da Paz

Abaixo tedes un issuu dos carteis que fixo a nosa compañeira Esther Gallego e que colgamos no corredor da biblioteca para commemorar o día da Paz. Paga a pena velos.


1/3/12

Cómics: novidades de marzo do 2012

     Mr. Lone Ranger, I suppose...

  O Departamento de Historia tivo a ben incorporar tres novos títulos á nosa biblioteca de cómics de Biblioafonso. Dese modo Giardino e Tardi están con nós por fin, e Hugo Pratt repite ( e van...).
   Os tres álbumes teñen como fondo a guerra, se ben son tres guerras diferentes,  e todas do s. XX, a maior gloria da humanidade: a I Guerra Mundial (Tardi), a Guerra Civil española (Giardino) e a II Guerra Mundial (Hugo Pratt).
   Tardi é un autor francés recoñecido mundialmente (a recente película sobre "Adèle" está baseada nunha saga creada por el, inspirada de lonxe pola saga tintiniana, unha das súas dúas obsesións: a outra é a I Guerra Mundial da que o seu avó tantas historias lle contaba, e así), e éste ( La Guerra de  las Trincheras) un famoso album dedicado aos desastres da "Gran Guerra" onde é difícil non respirar ese aire antimilitarista tan de Tardi.
   A obra do italiano Giardino -outro gran autor, que por certo estivo aquí na Coruña fai uns tres anos na Semana do cómic- é a recente triloxía "integral" (¡No pasarán!) na que o seu personaxe Max Fridman, de sangue xudeo como a muller do propio autor, se move dentro da España da Guerra Civil. Esta nova edición que inclúe as tres partes posibilita agora unha nova lectura, completa, sen interrupcións dos novos movementos do melancólico Fridman na guerra na que Hugo Pratt pretendía que Corto Maltese "desaparecera" (que non morrera).
   Por último, o primeiro volume da saga de Hugo Pratt de Los Escorpiones del Desierto. O ambiente é a II Guerra Mundial en África: desertos tipicamente prattianos, o cínico Koisnky, a aparición de novo do africano Cush, que xa paseara antes pola saga de Corto Maltese, o fascista italiano Stella... Este volume I leva dentro as dúas primeiras historias da saga. A primeira historia foi iniciada por Pratt en 1969, e rematada en 1973, en branco e negro aínda que agora Norma se empeñe de novo en colorear o que sabe de sobras non debería colorear. A segunda  (tamén orixinalmente en branco e negro, pero xa se sabe...) é de 1975. Despois Pratt iría mellorando esta serie, soltándose graficamente. Esta saga non ten a fama que ten a de Corto, pero non queda atrás, polo menos a partir da terceira entrega que aínda non temos. (Finalmenmte, trala morte de Pratt, a serie quedou en mans de non se sabe qué debuxante: Deus nos colla confesados, queridos amigos).
   Vae victis!