09/06/09

Máis cine en galego

Chegaron 16 novas películas con versión en galego para a Biblioteca. Foron adquiridas en colaboración co Equipo de Normalización Lingüística e veñen completar a colección de cine en galego.

Están representados varios xéneros cinematográficos: comedia, drama, reportaxe...
Todas foron feitas en Galicia, é dicir, filmadas na nosa terra, con actores e actrices galegas, con técnicos do país, coa banda sonora musical composta por artistas galegos e con teima de reigame galega.

Os filmes son: Pradolongo, Romasanta, O soño dunha noite de san Xoán, O agasallo de Silvia, Galego, Lena, Blanca Madison, A casa da miña avoa, Divertimento, A lei da fronteira, Pucho Boedo, O camiño de Santiago, As Encrobas, Gisaku e Sara.
Con esta nova achega, o fondo cinematográfico da biblioteca chega case aos 200 filmes.

07/06/09

Xornada dos Clubs de Lectura


O pasado 5 de xuño asistimos á Xornada de Clubs de Lectura en Santiago. Como sempre a xornada estivo magnífica mente organizada pola Asesoría de Bibliotecas Escolares e desenvolveuse na Escola Galega de Administracións Públicas.

Póla mañá iniciouse o traballo co relatorio da profesora catalana Mireia Manresa que nos fixo reflexionar sobre os hábitos lectores na adolescencia. Lembrou que xa desde os 10 anos a consolidación do hábito lector vaise facendo cada vez mais complexo pero, e ao tempo, amosou técnicas para a consolidación e a ampliación das prácticas lectoras na adolescencia. Posteriormente, Rosa Aneiros, que onte mesmo recibiu dous importantes premios literarios, expuso as súas experiencias nos clubs lectores. Tan só dúas palabras fantástica e grazas.

Polo serán catro centros expuxeron o seu traballo. Éramos todo oídos para aprender deles. Logo as aragonesas Merche Caballud e Carmen Carramiñana contaron a súa extraordinaria experiencia de “Ler xuntos”: todo un xeito de implicación social e colectiva coa lectura. E sorpresa final, Celso Sanmartín, a quen o noso alumnado de 1º da ESO comece ben, fixo acto de presenza case como unha gran estrela mediática. Imposible ter un mellor remate dunha xornada estupenda.

Máis información e fotos en O segrel do penedo.

01/06/09

A frase do mes


Eliana Yunes
"Por iso, ler non é responder a cuestionarios sobre o autor ou o estilo de época ou de figuras de linguaxe, ler é comprender e dar sentido á nosa propia historia e vida. A práctica da lectura debe ser liberadora e non aumentar o fardo das nosas limitacións. A lectura, desde a receita da torta da avoa ao impreso dun medicamento, da publicidade ao conto, debe ser unha celebración da nosa participación no discurso, na linguaxe viva que dá sentido ao mundo".

Eliana Yunes. Políticas públicas de lectura: modos de hacerlas. Pensar el libro, nº 3, marzo 2005.

22/05/09

Celso F. Sanmartín no noso Instituto


O ENL, o Departamento de Galego e a Biblioteca presentaron na tarde do pasado 19 de maio, a actuación de Celso F. Sanmartín, contacontos profesional, ao alumnado de 1º da ESO en dúas sesións.


A súa actuación resultou moi do agrado de todos os alumnos e alumnas, sendo moi aplaudida. Centrouse na importancia da lituratura oral e dos contos que lle contaban os seus avós ademais doutros que foi recollendo por Galicia e mesmo no estranxeiro. A súa capacidade para capturar a atención do alumnado é soberbia. Un silenzo absoluto, unhas gargalladas inmensas.

A partir desa actuación motivadora a prol de fomentar o uso oral e escrito do galego, os nosos alumnos e alumnas, axudados polas súas profesoras, escribirán os seus propios contos ou historias, para, logo, contalas aos seus compañeiros e compañeiras de aula e mesmo nun festival que se deenvolverá o vindeiro mércores 27, coa particpación dos mellores de cada grupo.

21/05/09

Andrea Maceiras presentounos "Proxecto Bolboreta"


O pasado 12 de maio achegouse ao salón de actos do centro Andrea Maceiras (ex-alumna do instituto e actualmente estudante de Filoloxía Hispánica) para falar da súa última obra -Proxecto Bolboreta- e desvelar algún dos segredos latentes na súa relación creativa coa palabra. Aclarou entre outras cousas cal é o lugar sen lugar da literatura; a que se chama premio Ignobel; en que consiste ese novo xénero literario coñecido como micronovela e ao que a súa propia obra pertence; ou, en fin, cal foi o motivo que a levou a entrelazar unha chea de pequenas historias ao redor do bater, sen consecuencias inmediatamente visibles, das ás dunha bolboreta.

Dende aquí queremos agradecer a xenerosidade coa que respondeu as preguntas e dúbidas dos que asistimos á conferencia, e a alegría coa que nos invitou e tentou a escribir.

Andrea Maceiras. Proxecto Bolboreta. Vigo, Xerais, col. Fóra de xogo. 2008. Premio Certame Micronovela Concello de Soutomaior 2007.