22/12/09

"Un libro sempre... tamén no Nadal"


Por terceiro ano consecutivo as bibliotecas escolares e municipais de Cambre preséntanvos una proposta de lecturas, cine, banda deseñada, música,… para gozar e agasallar en Nadal. Un traballo colaborativo realizado con todo o noso cariño para que o pasedes ben compartindo histoiras e ilusións durante estas vacacións.

Na guía participamos: As Bibliotecas Municipais de Cambre e as Bibliotecas dos centros de ensino público: Escola Infantil, CEIP Portofaro, CEIP O Graxal, CEIP Torrente Ballester, CEIP Emilio González López, CEIP Wenceslao Fernández Flórez, IES David Buján e o IES Afonso X O Sabio.

Esperamos que vos guste e lembrade: “Un libro sempre, tamén no Nadal”.


20/12/09

Novas adquisicións: De Madonna al canto gregoriano


Existe unha idea moi antiga segundo a cal a música e as palabras non se levan moi ben xuntas, porque realmente é moi difícil falar de música. Do que se fala é de cousas arredor da música, cousas que teñen que ver con ela, pero nunca se pode falar da música propiamente. Por iso quixen escribir un libro non sobre a música, se non sobre a maneira de pensar sobre ela, porque as palabras teñen moitos matices, significan sempre algo máis ou algo menos, é moi difícil dar exactamente con aquilo xusto que se quere dicir. O que quería era reflexionar sobre iso, sobre cómo as palabras poden reflectir a cultura musical.


Nicholas Cook referiuse nestes términos nunha entrevista aparecida o 12 de decembro do 2007 no Diario de Sevilla para referirse ao seu libro De Madonna al Canto Gregoriano: una muy breve introducción a la música. Madrid, Alianza Editorial, 2001. O cal nós temos agora na nosa biblioteca.


Cook aborda este libro desde os distintos valores que encarna a música, tanto a música máis "académica" como a máis "popular" e reflexiona sobre os significados que estes tiveron na historia e teñen na actualidade.


Nicholas Cook é catedrático de musicoloxía de varias universidades inglesas, como a Royal Holloway de Londres ou a Cambridge University e ademais de escritor de moitos libros sobre música dirixe o Centro de Investigación de Historia e Análise da Música Grabada (CHARM). É unha auténtica personalidade e escribiu este libro cheo de contido para achegar á xente non experta as ideas nas que él traballa frecuentemente e para facernos ver que teorías que poden parecer moi lonxanas se nos amosen moito máis familiares do que nun principio poderían parecer.

14/12/09

Jack London: como asaltar un tren

Jack London, en primeiro plano, según Hugo Pratt. Acompáñao Corto Maltese, no fondo.


Botamos hoxe man dun libro deses que non se pode deixar de ler. É unha das derradeiras adquisicións da nosa biblioteca. Vale para ir no bus, para camiñar pola rúa ou agardar no banco. Sen máis preámbulos, trátase de “El Camino” de Jack London, afamado escritor estadounidense (San Francisco, 1876-1916) autor de títulos tan coñecidos como “Cairo Branco” (Xerais, 1997) e “Martin Eden”, aínda non traducido ao galego.

En 1894, non tendo mellor cousa que facer, Jack London bótase á estrada portando pouco máis que o seu propio asubío. Iso é o que conta neste libro. O plan era sinxelo: viaxar ata onde as forzas dos seus dezaoito anos o levaran, libre e sen compromiso, mendigando teito e comida, e, -as máis das veces-, fuxindo da policía e de canta autoridade se lle poñía por diante. Soa fermoso, si, pero tamén arriscado. Os apuros polos que pasa nun só día o trotamundos son incontables. Pero tamén o son as delicias desa vida, para aquel que naceu co espírito revolto dos aventureiros. É ou non é así? “He pasado noches horribles en mi vida recorriendo metrópolis infernales, durmiendo en medio de un charco, o en medio de la nieve y cubierto por un par de mantas, cuando el termómetro registraba setenta y cuatro grados bajo cero; pero puedo jurar que jamás en la vida he pasado una noche más miserable que la que pasé con el sueco en la taberna itinerante del Council Bluffs” (páx 139).


Debido á miseria xeralizada nese final de século no seu país, particularmente grave en familias humildes como a del, tivo xa de cativo, que desenvolver o enxeño para sobrevivir. Pero é que aínda así o deste home sáese do común. Non parou quieto nin un momento, enrolándose nas máis inverosímiles empresas, dende a piratería fluvial ata a febre do ouro. A súa obra bebe directamente desas ricas experiencias, que fixeron del un dos autores máis vendidos do seu tempo. Sen embargo, unha vida dese xeito vivida, en exceso, termina por lle pesar máis da conta, e tras pasar os derradeiros anos entregado ao alcohol e a diversas sustancias que consumía para aguantar as dores do seu corpo, suicídase por medio dunha sobredose de morfina á idade de corenta.

Pero neste libro non hai nin pinga dese amargo final. Aquí atopamos a un Jack London mozo, forte e lúcido, incapaz de se resistir ao engado da carretera, á súa beleza: “en realidad me hice vagabundo por la vida que llevaba dentro, por esas ansias de conocer mundo que no me dejaban descansar. (…) Comencé a hacer el camino porque no me podía alejar de él” (páx 145). E así vaise atopando con todo tipo de persoas, dende xente á que aborda e persuade para que lle dean de comer e vestir, ata tipos duros dispostos a lle esnaquizar os osos á menor oportunidade que lles dea. Chega incluso a formar parte do coñecido como “Exército da Fame”, unha marcha de máis de dous mil parados que viaxaban a pé ata Washington como protesta. Pero sen dúbida o que transforma a este home é pasar pola cadea. Alí pásaas canutas, e tócalle lidiar co peor, xa sexan presos ou gardas. Todo iso conflúe nunhas páxinas terribles que paga a pena ler, precisamente, polo que non é quen de escribir nelas.

(Entrada: colaboración de M.)

10/12/09

O que estou lendo paréceme (IV): Vento ferido



Carlos Casares. Vento ferido. Editorial Galaxia.


Na miña opinión o libro resalta a violencia, a soidade, o amor ou a dor. É un libro para saber que a vida non é como a pintan os contos de Disney. É un libro un pouco forte pero reflicte a realidade das sociedades menos afortunadas.


Eu o recomendo para todas as persoas que lle guste ler libros realistas e duros xa que todos nos temos sentido identificados con algúns dos relatos.


Bea. 1º de Bacharelato