14/04/08

Roteiro polas Bibliotecas Escolares (IV)

E chegou a data sinalada, Mércores 12 de Marzo. Levábamos moito tempo esperando esta visita. Marina tiña moitas ganas de que fóramos, pero penso que nós aínda tíñamos máis.

Quedamos ás 14.30 na praza do pobo, pero os GBI, ansiosos como estabamos por chegar, tivemos tempo ata de probar uns pinchos de tortilla boísimos.

Marina chegou á hora fixada, e despois dos bicos e abrazos (esta muller faise querer e de que xeito!!) fumos comer. A comida e a conversa tan agradable fixeron que o tempo pasara boando. Rematamos cun café de pota magnífico e saímos para o cole.

No IES de Arzúa a biblioteca escolar está moi presente. Nada máis entrar, os carteis que nos dirixen a ela enchen as paredes. No noso camiño cara á biblioteca pasamos diante da Sala de Profesorado onde fixemos a nosa primeira parada. Ali coñecimos a Catalina unha das principais protagonistas da dinamización desta biblioteca. Casualmente estaba sentada nun dos puntos de lectura que hai espallados polo instituto. (Xa vos contamos que a biblioteca faise ver por todo o centro!!) Este é moi especial, e a decir polas artífices de tal marabilla, ademais de ser moi frecuentado polos profes, os libros que alí expoñen son moi solicitados por este grupo de usuarios. (Xa tomamos boa nota e pensamos poñelo en práctica, será unha das nosas novidades do vindeiro curso!!). Tamén coñecimos a Oki. Cantas gañas tiñamos de poñer cara a esta fenomenal blogueira!!

E continuamos o noso camiño.

Vaia entrada máis espectacular ten esta biblioteca!! Á súa porta atopamos unha zona de informática e diferentes exposicións coas novidades e suxestións de lectura, cine e música. Realmente se respira o aire da biblioteca por todas partes.

Entramos na Biblioteca e Marina ensinounos todos e cada un dos seus recunchos e detalles. A zona de rexistro e a de informática, fantásticas, o libro do mes, nesta ocasión é Persépolis, un dos cómics de culto, a caixa das suxestións, a zona da audiovisuais e a Sala Mondrián da que xa nos fixera chegar varias fotos a través de BiblioArzúa. Pero aquí non acaba todo, esta biblioteca tamén ten un pequeno almacén e incluso un baño. Vamos, que non lle falta detalle algún. Unha biblioteca onde a cor é unha das súas características predominantes, pero sobre todo o que máis se respira alí é a paixón que estas tres mulleres poñen no traballo que fan.

Parabéns Marina polo bo facer e por conseguir da vosa biblioteca escolar, esa biblioteca que ti sintes como algo teu, un verdadeiro punto de encontro!!!

E chegou a hora de írmonos, pero non sen antes asinar no seu Libro de Ouro. Meu Deus, que honor!!

Máis non nos podíamos marchar de Arzúa sen admirar a outra paixón da nosa anfitriona. As súas plantas e xardíns. Realmente preciosos!

Marina, foi un verdadeiro placer compartir este día contigo. Ata sempre e por sempre!!!




*Se queredes ler os pés das fotos, só tedes que picar no "bocadillo" do lateral inferior esquerdo.


Outros Roteiros

CEIP Milladoiro-Malpica

CEIP José Cornide (A Coruña)

IES Uxio Novoneyra (A Coruña)

Tamén nos outros GBI Blogues

A Nosa Biblioteca

O Segrel do Penedo

4 comentarios:

Rosana Rodiles dixo...

En dúas palabras: de impresión. Felicidades aos GBI e a Mariña, claro.
Saúdos agarimosos desde a Biblioteca do CEIP de Pazos, de Ferrol.

Oki dixo...

Que bonita quedou a biblio nas vosas fotos...
A verdade é que en momentos como estes unha dase conta de canto fixo esa muller por ela. Porque aproveito para felicitar á miña xefa de biblio por todo o magnífico traballo que está a facer nela. Porque si que é un traballo recoñecido (polo menos por moita xente, senon por todos, que iso é imposible, Mariniña...
Así que felicidades Marina, que mira que as traballaches...
E felicidades a todos vos, PLAMBE, que facedes cousas tan boas... (Case tanto como as que fai Marina na nosa biblio... jajajaja)

Biblioafonso dixo...

Tedes razón, Rosana e Oki, hai que recoñecerlle o traballo a Marina e felicitar a todas as persoas que compoñen o Equipo da Biblioteca do IES de Arzúa. Fan un traballo extraordinario.

Anónimo dixo...

Conforme leo e recibo tanto cariño con esas verbas e feitos que me tocan tan de preto, sempre quedo sen palabras, non sei que dicir só grazas, MILLÓNS DE GRAZAS, por estar aí.
Bicos especiais dende Arzúa