23/11/08

JMG Le Clézio premio Nobel de Literatura


Non hai arqueoloxía sen escrita; pois de non existiren aqueles signos case borrados que rodean as tumbas e as ruínas, os monumentos máis bonitos da humanidade non se diferenciarían moito de montóns de pedrolos”. (Voyage à Rodrigues, Gallimard, 1986). Quen escribe esa bela apoloxía da escrita, e confesa escribir desde os sete anos resulta ser tamén un autor atento ás transmisións orais, como o demostra o fermoso Gens des nuages (Stock).


A concesión do Nobel de literatura ao francés JMG Le Clézio (Nice, 1940) pillou ao mundo editorial galego (e castelán tamén) algo desprevido. Tan só unha obra traducida para galego; pero que xa estaba na nosa biblioteca: Mondo e outras historias (Col. Xabarín, Xerais, 1987) é das poucas obras do autor que poden levar a etiqueta de literatura infantil e xuvenil (LIX), e debemos recoñecer que na Galiza de mediados dos anos 80 non sobraban títulos de literatura mundial traducida nen títulos de LIX en xeral. Pero como se fose un desmentido á etiqueta redutora, outra parte da obra de Le Clézio tamén é moi recomendábel para un público novo.


Que a nova do Nobel sexa iso, un pretexto para achegarse á obra dun viaxeiro singular que escoita antes de falar, que observa e non xulga, que se nutre da oralidade dos pobos máis esquecidos polo triúnfo dos Tempos Modernos, desde as lendas dos Maias até os contos dos Tuaregs do deserto, sen exotismo, sen tópicos ilusorios nin xestos coloniais… Amig@ lector@, atoparás un eco das túas ansias viaxeiras e/ou libertadoras na lectura de Mondo…? E se non podes esperar, recomendamos a lectura en francés de Désert , Onitsha ou Ourania (todas en Gallimard).

Máis información en O levantador de minas.


Foto da entrada vía: O levantador de minas.

1 comentario:

Anónimo dixo...

bueno hai mixas cosas qe decis pero en pla lo general es :el blog esta bastante bien buen trabajo I.E.S Alfonso x o savio enoraboa
+