01/12/09

PROGRAMA ARCE: Iniciamos os traballos

Durante os pasados días 25, 26 e 27 de novembro estiveron en Cambre tres profesoras e un profesor do IES Vallecas-Magerit de Madrid e do IES Siglo XXI de Sevilla. Con esta visita iniciamos o programa ARCE do Ministerio de Educación. Foron uns días de intenso traballo e de frutífera relación persoal. Traballouse moito e con fundadas expectativas de boa rendibilidade educativa.

Pero que é o programa ARCE? Que proxecto estamos a desenvolver?

O programa ARCE (Agrupamento ou Redes entre Centros Educativos) é un programa subvencionado polo Ministerio (para o noso centro con 8.200 euros) que pretende desenvolver actividades coordinadas entre centros de distintas comunidades autónomas.


A formulación de proxectos comúns busca, por unha banda, impulsar os intercambios entre os centros e a mobilidade de alumnos e profesores, contribuíndo á adquisición e mellora das súas aptitudes, non só nas competencias, áreas, ou temas nos que se centra o proxecto, senón tamén na capacidade de traballar en equipo. Por outra banda, preténdese consolidar redes educativas entre os centros participantes, todo iso en aras dunha mellora na calidade da educación.

O noso proxecto ten como cerne a biblioteca, de feito puxémoslle por título “A biblioteca escolar como recurso documental e punto de encontro” xa que pretendemos desenvolver actividades con alumnado nas que a biblioteca sexa o nexo de unión. Durante eses días de novembro o profesorado estivo traballando para elaborar un calendario de traballo, sempre pensando no alumnado, destinario da maior parte da axuda económica. Deste determinouse as datas de xuntanzas do profesorado (as seguintes serán en Sevilla e en Madrid) así como a que grupos irán destinadas as actividades (3º e 4º da ESO) e cando viaxará o alumnado para coñecer, e desenvolver traballos, aos compañeiros e compañeiras das outras comunidades. En abril do 2010 viaxarase a Madrid e en decembro dese ano a Sevilla. Recibiremos ao alumnado dos outros centros en marzo do 2011.

Para que o alumnado dos distintos centros se vaia coñecendo e para ter unha plataforma na rede como expositor dos traballos realizados, empregaremos unha rede Ning.

Foi un auténtico pracer compartir estes días con docentes ilusionados, cuns docentes que teñen bibliotecas escolares modélicas e cuns docentes que son unhas extraordinarias persoas.


Fotografías desde o IES Siglo XXI e vía Biblioteca do IES Vallecas Magerit.

1 comentario:

Loly dixo...

Un fermoso proxecto que fará ver tanto a alumnado como a profesorado o positivo do traballo en equipo, da colaboración e o compartir, algo no que vós, o equipo da biblioteca, sodes un magnífico exemplo.
Parabéns e todo o mellor.