15/06/11

Sobre a IV Xornada dos Clubs de Lectura en Santiago


Como en anos anteriores tivo lugar o día 10 un novo encontro en Santiago dos coordinadores dos diferentes clubs de lectura existentes en colexios e institutos de Galicia. Tamén o noso IES estivo alí representado, claro é.
Comezou o día coa intervención de Ana Díaz-Plaja Taboada, chegada desde Cataluña para, una vez máis, falar da posibilidade da utilización da literatura de baixa calidade, "literatura lixo" (sic), para elevarnos pouco a pouco cos lectores dos clubs cara a unha literatura de máis calidade (clásicos ou non).
Antes da hora de xantar os coordinadores dos clubs reuníronse por "zonas" (Coruña, Ourense, etc,) en diferentes aulas para así compartir experiencias, dialogar, etc., tamén como nas outras ocasións.
Xa despois da comida certo número de responsables de clubs de lectura en centros distintos de Galicia contaron as súas experiencias, como tamén é costume.
Rematou a IV Xornada coa presencia do escritor Fernando Marías, que falou da súa dedicación á literatura en xeral e en particular á literatura así chamada "xuvenil", centrándose especialmente en gatos, autobuses, veciñas, arquivos, cines de sesión nocturna e editores con particulares conceptos do negocio libresco. Falou, por suposto, de tres ou catro novelas "xuvenís" súas moi coñecidas, e sobre todo da última, tomándose a molestia de explicar a relación que o seu tema ou trama ten que ver coa súa vida, ou se se prefire, coa vida, a secas.
Acabamos cunha sorpresa, a actuación do músico e cantante Xabier Díaz, que podes ver e escoitar aquí.
PS: ¿Ten a administración intención de que haxa clubs de lectura o próximo curso...? Como dicía aquel lobo naquela revista do ano de Maricastaña: Aaaaaaaaaaaaaaauuuuuuuuuuhhh...!

Ningún comentario: