O dobre delito de (1) ler, e (2) ler... cómics
A nosa biblioteca acaba de incorporar certos álbumes de cómics, máis ben tirando ao clásico, pero moi atractivos. Pouco a pouco iremos falando deles aquí, entrada a entrada, entre silencio abrumador e máis silencio abrumador, mais hoxe é o momento de dicir cales son, non de -unha vez máis- chorar:
- Fábula de Venecia, de Hugo Pratt. Unha aventura de Corto Maltese (así, coa "e" ao final: somos militantes) na querida Venecia de Pratt, un dos mellores autores de cómics de todos os tempos. Non é a súa mellor obra, pero é unha boa e interesante obra da que xa falaremos aquí, queridos fans. Editada a cor por Norma.
- O número 17 da serie sobre Tha Spirit, do gran Will Eisner, editado por Norma a cor. Un clásico. Aventuras de ambiente policial e urbano cunha planificación e unha concepción da páxina como unidade que debuxan unha "o" na boca do admirado lector.
- Un dos volumes dedicados á serie de Krazy Kat, do enorme Herriman, outro clásico, neste caso do cómic de humor, válido para todas as idades (tamén para os vellos de máis de trinta anos). Imprescindible, inolvidable e moitas palabras máis que comecen con "i". Herriman soamente necesitaba unha cárcere, un can policía, un rato un tanto sádico e unha gata tola e namorada á vez do rato e dos seus ladrillazos. Publicado por Planeta DeAgostini.
- O derradeiro número da saga do Señor Jean, unha serie francesa de fino humor e sarcasmo non tan fino ás veces. Moi bo igualmente.
- Low Moon, un recomendable album do noruego Jason, a cor, moi ben editado por Astiberri, con diferentes historias nas que o autor xoga cos distintos xéneros (western, ciencia-ficción, policial, etc.) sen faltar guiños culturetas para gafapastas ociosos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario