Días atrás o alumnado de Bacharelato tivo a oportunidade de
celebrar a entrada da primavera e o día da poesía na compaña dun dos escritores
galegos de maior proxección internacional.
Manuel Rivas, nesta actividade organizada pola editorial
Xerais en colaboración co Departamento de Lingua e Literatura Galegas, EDLG e
Biblioteca, falou ao longo de case unha hora ante un público atento e
interesado nas súas palabras; falou da importancia da literatura oral, explicou
o porqué dos seus libros, da súa escrita, realizou unha emocionada lectura de
poemas, algúns sobre os personaxes do libro "As voces baixas", en
especial os seus avós. Esta é una obra escrita en clave autobiográfica, a modo
de homenaxe do autor ás voces daquelas persoas que na escura época da ditadura
franquista non podían elevarse para expresar a súa opinión libremente. Familia,
amizades, infancia, medos, amores… A memoria dunha época na pluma dun escritor
comprometido coa súa terra e orgulloso das súas orixes.
Ao remate asinou exemplares das súas obras a quen llo pediu,
realizando fermosas dedicatorias personalizadas con mensaxes que transmitían
bos desexos, afouteza, liberdade, respecto e folgos para a mocidade.
A Biblioteca preparou unha pequena guía de lectura coas obras que temos deste autor así como unha exposición das mesmas.
Texto procente do Blog de Actividades Complementarias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario