A SAIA NO TEN XÉNERO
O pasado catro de novembro o noso alumnado sumouse a reivindicación iniciada en redes sociais para romper todos os estereotipos existentes sobre os roles de xénero, en particular no relacionado coa vestimenta.
A continuación, deixámosvos as palabras da alumna Violeta Meléndrez Doval que explican e reflexionan sobre esta cuestión:
Sucedeu o día catro de novembro deste 2020, xornada na que alumnado de toda España vestiu con saia, independentemente do seu sexo, para reivindicar a loita contra os roles de xénero.
No entanto, todo comezou moito antes. A idea xurdiu tras unha desagradábel experiencia protagonizada por un rapaz de Bilbao, Mikel. Quen lle ía dicir que vestir unha saia o vinte e sete de outubro desencadearía tantos acontecementos? Aquel fatídico día, ao chegar ao instituto, recibiu comentarios de todo tipo e burlas por parte do resto de estudantes. Porén, o peor non comezou ata algunhas horas máis tarde, cando un mestre expresou o seu desacordo e o enviou ao psicólogo do centro. Unha vez alí, a pregunta máis repetida facía alusión ao seu sexo, pois, segundo parecía, resultaba tan estraño e antinatural ver a un rapaz con saia coma descubrir que as pantasmas existen. Mikel cansou de repetir os sinxelos motivos que o levaran a poñer saia aquela mañá: apetecíalle e pensaba que era un bo xeito de rachar cos estereotipos. O profesor, o psicólogo e gran parte da sociedade rexeitaron as súas explicacións, que consideraron pouco cribles e carentes de sentido.
Mikel atopou o apoio que precisaba nas redes sociais, comezando por Tik Tok. Foi alí onde contou a súa historia e onde esta comezouse a facer viral. Non pasou moito tempo antes de que a noticia se estendera a Twiter. Alí, un segundo rapaz, Miguel, deu un novo paso contra os roles de xénero. «Se pide que mañana día 4 de noviembre, sin importar tu género, lleves falda al instituto» escribiu na súa conta. A resposta foi inmediata e centos de estudantes e parte do profesorado decidiron seguir os pasos de Mikel para defender a liberdade e a igualdade.
Sabemos que a historia de Mikel non é unha excepción no noso día a día. Son moitas as persoas que sofren ataques inxustificados por cuestións coma esta, e as causas veñen de moi atrás. A historia da nosa especie foi marcada, dende o comezo da existencia humana ata a actualidade, polas desigualdades, entre elas as de xénero. É incríble que aínda hoxe continúen vixentes cuestións coma os estereotipos, o patriarcado e o sexismo. Temos luz artificial coa que alumear a noite, tecnoloxía coa que descubrir os misterios do Universo e ambición coa que procurar os nosos obxectivos. Mais continuamos na escuridade, sen ser capaces de comprender que a liberdade non consiste só en chegarmos ás estrelas, senón en vivir en comunidade, respectándonos entre nós. Deberiamos empregar esa ambición que nos caracteriza como especie para mellorarmos e para procurarmos solucións coas que resolver estes problemas que levamos arrastrando durante tantos séculos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario