29/05/10

ARCE: Crónica da viaxe a Sevilla


Como unha actividade máis do PROGRAMA ARCE, en días pasados dous docentes do noso IES trasladáronse a Sevilla para traballar na elaboración da memoria do primeiro ano do proxecto “A biblioteca escolar como recurso documental e punto de encontro”.

No aeroporto estaban agradando por nós os compañeiros, e xa amigos, Carmen e Jerónimo. Trasladáronnos ata o hotel para logo facer un longo paseo polo centro histórico da cidade. Exerceu Carmen de guía: prazas da Alfalfa, do Salvador, do Trunfo, de Santa Cruz, catedral Xardíns de Murillo, etc. Foi un pracer ese paseo posto que o cariño de Carmen pola súa cidade era transmitido en cada esquina en cada rúa, en cada praza. Ademais tivemos a posibilidade de visitar unha exposición sobre a Xeración do 27 no convento de santa Inés, onde por suposto había exemplares das revistas Alfar e Nós así como algunha peza de Maruxa Mallo.

Ao día seguinte, moi cediño, Amparo trasladounos ata o IES Siglo XXI en Torrelaguna. Visitamos o centro e saudamos a máis docentes. Tras recibir a Manuela e Consuelo do IES Vallecas Magerit, grandes expertas en madrugóns (erguéranse antes das cinco da mañá), comezamos traballar na biblioteca: estudo dos apartados da Memoria e planificación das actividades para o curso 2010-2011 no que noso alumnado viaxará a Sevilla en novembro e nós recibiremos ao alumnado de Madrid e Sevilla en marzo de 2011.

A Biblioteca do instituto é cativa, con poucos documentos e con mobiliario vello pero… é iso o importante? Temos que salientar a “vida”, o traballo, a profesionalidade e o cariño que os docentes do instituto e especialmente Carmen e Jerónimo poñen no seu día a día.

Rematamos a mañá visitando o barrio, Torrelaguna, onde está situado o IES. Experiencia dura onde as haxa pero tamén gratificante ao ver como os docentes do instituto eran saudados con respeto e cariño polos veciños, polos ex-alumnos e polos alumnos (en horario lectivo). Pareceunos, igualmente, moi interesante o Centro Social que visitamos.

Tras o magnífico xantar ao que fomos convidados (grazas, Enrique) e o pequeno descanso, iniciamos, con Carmen, Jerónimo e Diego, un percorrido polo barrio da Feria, ata a da Macarena, e de alí pola xudería e barrio de Santa Cruz. O guía, magnífico e inconmensurable foi José Isidoro González (grazas, Pepe), amosounos a Sevilla que os turistas non visitan. Pareceunos que o coñecemento deste docente non tiña fin. Vimos como gozaba con cada explicación, con cada apuntamento. Ao longo das case catro horas da visita fóronse engadindo máis profesores e profesoras do IES Siglo XXI (Manuela, Diego, Begoña, Israel, Antonio, Amparo...) A todos eles o noso agradecemento pola súa compaña e polo seu tempo.

Pola mañá do venres, máis traballo no IES Siglo XXI: rematamos os apartados a desenvolver nas memorias de cada centro e os aspectos en común do proxecto. Outro tempo intenso e produtivo e con constantes visitas cariñosas dos compañeiros deste IES. Tamén parámonos a saudar aos alumnos e alumnas que coñecemos en Madrid (fotos e postal para os nosos alumnos e alumnas).

Despois da xornada matutina despedímonos, non sen certa pena, deste IES Siglo XXI. Saímos cargados de agasallos pero sobre todo de cariño dos amigos e amigas deste centro. Moitas grazas. Aproveitamos os últimos minutos en Sevilla para entrar na catedral e achegarnos ata a Ponte de Triana.. Cando nos volvamos ver será en novembro e cos alumnos e alumnas de Madrid e Cambre polas fermosas rúas de Sevilla. Despedímonos de Manuela e Consuelo xa que elas quedan unas horas máis antes de regresar a Madrid no AVE.

Un dos aspectos máis interesantes do PROGRAMA ARCE é a posibilidade de coñecer a outras persoas e outras realidades. Carmen e Jerónimo xa nos tiñan comentado as peculiaridades do centro onde traballaban: barriada marxinal, altísima porcentaxe de absentismo, instalacións moi antigas…). Críamos que esaxeraban mais errábamos nas nosa apreciación. Unha vez que comprobamos a dureza do seu contorno, as dificultades académicas do seu alumnado e as instalacións onde desenvolven o seu traballo, só nos queda darlles os nosos parabéns. Fan un traballo que dificilmente algunha administración poderá valorar como se merecen. Profesionalidade, entrega, cariño, dedicación… IMPRESIONANTE.

26/05/10

O que estou lendo paréceme (XIII): Morning Star



Xosé Miranda. Morning Star. Xerais.



A vida de Lourenzo Tasende, un rapaz duns 16 anos que vive nunha vila preto de Pontevedra, é monótona e aborrecida. Os seus pais rexentan unha taberna, chamada “ A Desputa” que está en baixo da súa casa e Lourenzo axúdaos tódolos días, seguindo sempre a mesma rutina día tras día,ata que, de súpeto, una tarde que semellaba coma outra calquera, apareceu na taberna un home de aspecto perigoso que provocou na súa mai unha estraña reacción: nada máis velo comeza a tremer e refúxiase no seu cuarto repetíndolle constantemente ó seu fillo que se afaste dese mangallón. Pola contra o seu pai establece unha estreita relación con ese home tan misterioso, unha relación que asemella que ven de moito atrás, moito antes de que Lourenzo nacese.


Os días pasan e ese home non da marchado da Desputa, e a nai de Lourenzo segue sen saír dos seus apousentos, feito que provoca nela un estado de depresión moi profundo que a levará, uns meses máis tarde, á morte.

Trala morte da súa nai, a vida de Lourenzo da un xiro repentino e os sucesos acontécense uns tras os outros: dúas gavelas de ladróns, o escuro pasado do seu pai, asasinatos, roubos, segredos, desaparicións, un tesouro de valor incalculable agochado nalgún lugar da Galicia… e unha rapaza de longos cabelos dourados coas mans brancas coma o inverno e suaves coma un pano de seda.
Se vos gustan os libros que mesturan a acción, a paixón, os crimes, as aventuras… os libros que gardan o misterio ata a última folla… velaquí tedes un título que non vos podedes perder.


Andrea Patiño Vázquez 4º B ESO

24/05/10

Grandes episodios desconocidos de la historia


Joseph Cummins. Grandes episodios desconocidos de la historia. Madrid, Planeta, 2010.

O leproso que se converteu nun dos reis máis soados de Terra Santa; o explorador medieval que viaxou por Asia e chegou máis lonxe que Marco Polo, pero en sentido contrario; a vitoria inverosímil de Rusia sobre o dominante Imperio sueco que cambiou de forma permanente o equilibro de poder na Europa do Leste; a sanguenta revolución chinesa ocorrida un século antes de Mao e que ocasionou a segunda cifra máis alta de vítimas mortais da Historia, só superada pola segunda guerra mundial…


Estes son só algúns exemplos dos fascinantes sucesos que cambiaron o mundo e dos que sa dá conta neste interesante libro. É unha oportunidade para descubrir lugares exóticos, líderes asombrosos e conflitos pouco coñecidos que modificaron o noso panorama xeopolítico para sempre. Estas historias están apoiadas en abundantes fotografías, ilustracións e mapas informativos.

21/05/10

Exposición de François: Poesía e Fotografía

O compañeiro e membro do Equipo da Biblioteca O Bosque Animado, François Davo vén de inaugurar a seguinte exposición:


Exposición “Encontro en Puruchuco”. Poemas de François Davo e fotografías de Gustavo García Roig.
Hotel NH Atlántico. A Coruña. Do 14 de maio ao 30 de xuño de 2010.



Encontro en Puruchuco é unha enriquecedora experiencia creativa realizada polo poeta François Davo e o fotógrafo Gustavo García Roig. Unha serie de imaxes e poemas sobre Puruchuco, antiga cidadela preinca de Perú (século xv), conforman o eixo dese proxecto dando como resultado a linguaxe artística de foto/poesía.

François Davo (Le Mans, Francia, 1966), licenciado en Letras e civilizacións ibéricas pola Universidade da Sorbona, reside na Coruña desde o ano 2000. É profesor de francés no IES Afonso X o sabio de Cambre. Como poeta gañou no ano 1993 o XIII premio Esquío de poesía. Inicialmente poeta en lingua francesa, a súa lingua materna, tamén experimenta desde a súa residencia en Galicia a escrita dunha obra directamente en galego. É traductor de poetas galegos ao francés (Miguel Anxo Fernán Vello, Manuel María, Uxío Novoneyra, Ánxeles Penas, Xosé Luis Méndez Ferrín, etc.). Tamén é traductor, man con man con Dulce Fernández Graña, de obras francesas ao galego, entre as que destaca As palabras de Jean-Paul Sartre (Laiovento 1999, reeditado na colección Biblioteca 100, La Voz de Galicia, 2003).

“Encontro en Puruchuco” é o primeiro proxecto en común con Gustavo García Roig, con quen ten en preparación algunha que outra exposición a cargo da Alliance française de Vigo e Madrid e o libro Le monde habité sobre o dolmen de Axeitos.

Gustavo García Roig, fotógrafo afincado na Coruña desde o ano 2001. Posue unha amplia experiencia en reportaxes non convencionais e traballos desde un enfoque máxico/antropolóxico relacionados co mundo andino. Expuxou en Bos Aires, Lima, Madrid, Valencia e Galicia. Nas súas últimas exposicións aprofundou nos vestixios das civilizacións prehistóricas de Galicia onde os dolmens seguen a vivir o seu ritual de veneración.

Magnífica exposición que non debedes perder. Parabéns François.

Da inauguración da exposición deuse conta na prensa local.

Créditos da fotografía.

19/05/10

Celebración do Día Das Letras en A Libreira


O pasado luns, 17 de maio, a biblioteca O Bosque Animado foi invitada a participar na “celebración laica”, como dixo Vítor, do Día das Letras Galegas en A Libreira, a nosa libraría de referencia. Como non podía ser doutro xeito alí estivemos.

O acto principiou coa presentación de Vítor, logo tocounos facer unha pequena semblanza biografía e histórica de Uxío Novoneyra. Posteriormente entre case todos os asistentes, a libraría estaba ateigada de xente, limos poemas do poeta do Courel cun resultado moi emocionante ver o cariño con que os lectores se meteron na poesía, breve e comprometida, do Novoneyra. Tras as lecturas, os músicos Xosé Taboada e César Morán (do que temos un cedé na nosa sección de música) deleitaron aos presentes cunhas fermosas cancións.

Pechou o acto, como non podería ser doutro xeito, o viño de amandi e xamón do Courel.

Acto de reafirmación, poderoso, emocionante e do que desde aquí queremos dar os parabéns a Vítor e Mari Carme.

Do acto dou conta A Opinión . No perfil do facebook de A Libreira podedes ver máis fotos.