Como unha actividade máis do PROGRAMA ARCE, en días pasados dous docentes do noso IES trasladáronse a Sevilla para traballar na elaboración da memoria do primeiro ano do proxecto “A biblioteca escolar como recurso documental e punto de encontro”.
No aeroporto estaban agradando por nós os compañeiros, e xa amigos, Carmen e Jerónimo. Trasladáronnos ata o hotel para logo facer un longo paseo polo centro histórico da cidade. Exerceu Carmen de guía: prazas da Alfalfa, do Salvador, do Trunfo, de Santa Cruz, catedral Xardíns de Murillo, etc. Foi un pracer ese paseo posto que o cariño de Carmen pola súa cidade era transmitido en cada esquina en cada rúa, en cada praza. Ademais tivemos a posibilidade de visitar unha exposición sobre a Xeración do 27 no convento de santa Inés, onde por suposto había exemplares das revistas Alfar e Nós así como algunha peza de Maruxa Mallo.
Ao día seguinte, moi cediño, Amparo trasladounos ata o IES Siglo XXI en Torrelaguna. Visitamos o centro e saudamos a máis docentes. Tras recibir a Manuela e Consuelo do IES Vallecas Magerit, grandes expertas en madrugóns (erguéranse antes das cinco da mañá), comezamos traballar na biblioteca: estudo dos apartados da Memoria e planificación das actividades para o curso 2010-2011 no que noso alumnado viaxará a Sevilla en novembro e nós recibiremos ao alumnado de Madrid e Sevilla en marzo de 2011.
A Biblioteca do instituto é cativa, con poucos documentos e con mobiliario vello pero… é iso o importante? Temos que salientar a “vida”, o traballo, a profesionalidade e o cariño que os docentes do instituto e especialmente Carmen e Jerónimo poñen no seu día a día.
Rematamos a mañá visitando o barrio, Torrelaguna, onde está situado o IES. Experiencia dura onde as haxa pero tamén gratificante ao ver como os docentes do instituto eran saudados con respeto e cariño polos veciños, polos ex-alumnos e polos alumnos (en horario lectivo). Pareceunos, igualmente, moi interesante o Centro Social que visitamos.
Tras o magnífico xantar ao que fomos convidados (grazas, Enrique) e o pequeno descanso, iniciamos, con Carmen, Jerónimo e Diego, un percorrido polo barrio da Feria, ata a da Macarena, e de alí pola xudería e barrio de Santa Cruz. O guía, magnífico e inconmensurable foi José Isidoro González (grazas, Pepe), amosounos a Sevilla que os turistas non visitan. Pareceunos que o coñecemento deste docente non tiña fin. Vimos como gozaba con cada explicación, con cada apuntamento. Ao longo das case catro horas da visita fóronse engadindo máis profesores e profesoras do IES Siglo XXI (Manuela, Diego, Begoña, Israel, Antonio, Amparo...) A todos eles o noso agradecemento pola súa compaña e polo seu tempo.
Pola mañá do venres, máis traballo no IES Siglo XXI: rematamos os apartados a desenvolver nas memorias de cada centro e os aspectos en común do proxecto. Outro tempo intenso e produtivo e con constantes visitas cariñosas dos compañeiros deste IES. Tamén parámonos a saudar aos alumnos e alumnas que coñecemos en Madrid (fotos e postal para os nosos alumnos e alumnas).
Despois da xornada matutina despedímonos, non sen certa pena, deste IES Siglo XXI. Saímos cargados de agasallos pero sobre todo de cariño dos amigos e amigas deste centro. Moitas grazas. Aproveitamos os últimos minutos en Sevilla para entrar na catedral e achegarnos ata a Ponte de Triana.. Cando nos volvamos ver será en novembro e cos alumnos e alumnas de Madrid e Cambre polas fermosas rúas de Sevilla. Despedímonos de Manuela e Consuelo xa que elas quedan unas horas máis antes de regresar a Madrid no AVE.
Un dos aspectos máis interesantes do PROGRAMA ARCE é a posibilidade de coñecer a outras persoas e outras realidades. Carmen e Jerónimo xa nos tiñan comentado as peculiaridades do centro onde traballaban: barriada marxinal, altísima porcentaxe de absentismo, instalacións moi antigas…). Críamos que esaxeraban mais errábamos nas nosa apreciación. Unha vez que comprobamos a dureza do seu contorno, as dificultades académicas do seu alumnado e as instalacións onde desenvolven o seu traballo, só nos queda darlles os nosos parabéns. Fan un traballo que dificilmente algunha administración poderá valorar como se merecen. Profesionalidade, entrega, cariño, dedicación… IMPRESIONANTE.
Ningún comentario:
Publicar un comentario