18/05/19

Andrea Maceiras no seu IES



Volveu visitarnos Andrea Maceiras. Sempre é un pracer recibila na súa casa.

Nada na Coruña en 1987, é unha escritora e profesora de lingua e literatura galega. Estuda a Eso e o Bacharelato no IES Afonso X O Sabio de Cambre. Licenciada en Filoloxía hispánica e en Filoloxía galega, doutorada na Universidade da Coruña. É profesora de Lingua Galega e Literatura en educación secundaria. En 2018 gañou o Premio Lazarillo á creación literaria coa obra titulada Rusgalía, segundo o xurado: "unha obra ben xurdida e entramada cunha linguaxe poética con belísimas escenas que te transportan a un mundo galáctico. Unha aposta á imaxinación desbordante e á ciencia ficción”.


Ademais de compartir unha horas co alumnado seleccionamos do noso fondo as súas publicacións e fixemos unha pequena guía de lectura.

16/05/19

A primeira volta ao mundo


Este ano, 2019, conmemoramos os 500 anos da 1ª volta ao mundo.

En setembro de 1519 partía de Sanlúcar de Barrameda unha gran expedición dirixida polos navegantes Fernando de Magallanes e Sebastián Elcano, formada por cinco navíos e máis de douscentos mariñeiros.

Tres anos despois, en 1522, chegaban a Sevilla,  un dos navegantes, Elcano, un só navío e tan só dezaoito mariñeiros.

Os rapaces e rapazas de 3º ESO B do noso centro,  contáronnos, nun pequeno vídeo, a  gran aventura desta 1ª volta ao mundo.

Debemos viaxar no tempo e imaxinarnos aquelas duras condicións que pasaron os mariñeiros nesta gran viaxe  cos rudimentarios instrumentos de navegación da época.

25/04/19

Día do Libro: exposición e concurso de microrrelatos



Como todos os anos e en colaboración co departamento de Lingua castelá, celebramos o Día do Libro cunha exposición de traballos do alumnado no recibidor do centro. 

Este curso o tema elixido foi sobre o xénero de literatura fantástica. Concretamos os traballos nos seguintes aspectos:


· 1º ESO:  Os superheróes: rasgos, poderes e debilidades,
· 2º ESO: Laura Gallego e a literatura fantástica,
· 3º ESO: A mitoloxía e os seres mitolóxicos,
· 4º ESO: O cómic manga e a literatura gótica,
· 1º BAC: Contos románticos e fantásticos: Irving, Poe e Hoffman.
Acompañamos os paneis cunha selección de fondos da nosa Biblioteca expostos na entrada do IES.
Doutra banda, convocouse o XV Concurso de microrrelatos, que tamén organiza o departamento de Lingua castelá,coa colaboración da Biblioteca e que este ano estaba centrado na literatura fantástica, polo que os relatos debían empezar por : "Sabía que era un sueño, pero..." .

Como todos os anos, houbo unha gran participación por parte do alumnado e o día 23 de abril, dentro das actividades de conmemoración do Día do Libro, fíxose entrega dos premios aos participantes ganadores, coa presenza da Concelleira de Educación do concello de Cambre e membros do equipo directivo do IES. No devandito acto, léronse varios fragmentos do Quixote por parte dos alumnos de 3º, 4º da ESO e Bacharelato, fíxose unha representación dun diálogo entre Shakespeare e Cervantes e unha dramatización dun fragmento de Romeo e Julieta por parte dun grupo de alumnos e alumnas e houbo, ademais, actuacións musicais, coordinadas polo departamento de Música.

09/04/19

Antía Yáñez co alumnado


No mes de marzo o alumnado de Bacharelato da materia de Comentario de Textos gozou da presenza da escritora Antía Yañez para falar sobre o seu libro Senlleiras. A través dunha charla tan amena como comprometida, foi explicando o proceso de creación da novela, asi como a súa intención de denuncia do maltrato ás mulleres, desde principios do século pasado ata os nosos días. 

02/04/19

Manolo Rivas no IES Afonso X O Sabio



Días atrás o alumnado de Bacharelato tivo a oportunidade de celebrar a entrada da primavera e o día da poesía na compaña dun dos escritores galegos de maior proxección internacional.

Manuel Rivas, nesta actividade organizada pola editorial Xerais en colaboración co Departamento de Lingua e Literatura Galegas, EDLG e Biblioteca, falou ao longo de case unha hora ante un público atento e interesado nas súas palabras; falou da importancia da literatura oral, explicou o porqué dos seus libros, da súa escrita, realizou unha emocionada lectura de poemas, algúns sobre os personaxes do libro "As voces baixas", en especial os seus avós. Esta é una obra escrita en clave autobiográfica, a modo de homenaxe do autor ás voces daquelas persoas que na escura época da ditadura franquista non podían elevarse para expresar a súa opinión libremente. Familia, amizades, infancia, medos, amores… A memoria dunha época na pluma dun escritor comprometido coa súa terra e orgulloso das súas orixes.

Ao remate asinou exemplares das súas obras a quen llo pediu, realizando fermosas dedicatorias personalizadas con mensaxes que transmitían bos desexos, afouteza, liberdade, respecto e folgos para a mocidade.


A Biblioteca preparou unha pequena guía de lectura coas obras que temos deste autor así como unha exposición das mesmas.