7/10/08

Roteiro polas Bibliotecas Escolares (VII): Escola Unitaria de Vide

Hoxe comezamos os nosos Roteiros polas Bibliotecas Escolares Galegas na Escola Unitaria de Vide. E aínda que Toño, un dos membros fundamentais do GBI, non puido vir (disque está nas Canarias por motivos laborais!!) a compañía non puido ser mellor. Nesta ocasión pasamos de tres a cinco e connosco estiveron Beni, Carmela e Gina.

Sobre a unha e media do mediodía, nun marabilloso día de sol, chegamos a "As Neves" (O Sol do Condado) onde nos recibiron Sabela e Lourdes.

Mentras facíamos tempo para comer e despois de admirar unhas magníficas vistas, Sabela dounos unha lección maxistral sobre a arte da pesca da lamprea, de como se seca, das distintas maneiras de preparala, disque se pode guisar, rebozar, ponse tamén á prancha e por suposto rechea. Máis chegado ese momento decidimos ir xantar. Que fame tiñamos!!!

E chegou a ansiada lamprea acompañada dun magnífico Alvariño. Preparáronna rechea, estaba exquisita. Gustounos tanto que xa estamos desexando que chegue a temporada para ir probar a lamprea verde, pero esa será outra historia...

Ás cinco, rematada a comida e logo dos cafés e dunha conversa moi agradable, xa se sabe bibliotecas escolares, clubs de lectura, encontros..., saímos para a ESCOLA, porque eso é o que é, unha ESCOLA con maiúsculas. Unha escola unitaria como as que xa non quedan. Unha escola onde o "currículo" tamén o marca unha rá que aparece unha mañá polo patio, a viña que está ao carón da escola ou calquera outra circunstancia que motive aos pequenos. Unha escola cunha biblioteca, a Biblioteca "A Dúas", que é o motor arredor do que xira non só a vida da escola, senón tamén a vida cultural do pobo. "A Dúas" é o punto de encontro onde os veciños se xuntan cada xoves para ver unha película ou para calquera outra actividade que a MESTRA, unha muller moi especial, organice.


Un dos "libros" máis importantes do fondo de "A Dúas"

VVAA: Érase unha vez... A Dúas, Editorial Unitariadevide, As Neves (2007)

E despois desta visita que tanto desexábamos facer, non chegou a despedida. Non, as nais de Vide "Compoñentes do Equipo da Biblioteca", nos tiñan preparada unha sorpresa moi especial. Na Casa da Auga agasalláronnos cunha magnífica actuación dunhas fantásticas pandeireteiras, e un pandeireteiro, que fixeron que a nosa visita a Vide sexa inesquecible.

Grazas a todas por facernos sentir como se fóramos uns máis do grupo.

Ata a próxima, que esto hai que repetilo!!!


Tamén nos outros GBI Blogues:
A Nosa Biblioteca
O Segrel do Penedo

Outra crónica en:
Cadernos de Vide


Os Roteiros do 07/08
CEIP Milladoiro-Malpica
CEIP José Cornide (A Coruña)
IES Uxío Novoneyra (A Coruña)
IES de Arzúa
IES Alexandre Bóveda (Vigo)

IES Río Cabe (Monforte)

1 comentario:

Marina dijo...

Esta perdíchela, pero non te preocupes que non fuches o único, e verdade que nos dan boa envexa (eso si sana).
Felicitacións GBI ausente