10/06/23

Lectura e familias: Roteiro sensitivo

DE PASEO CON ANTONIO M. FRAGA

        No día de hoxe activamos todos os nosos sentidos para acompañar a Antonio M. Fraga polas ubicacións na que se desenvolve a súa obra Santoamaro, que lemos en varios dos clubs de lectura. Comezamos este roteiro na estatua de Portier no Campo da Leña. Alí propúxonos unha viaxe intensa que percorreu as sensación que os doce personaxes da sua obra acumularon ao longo do seu verán para interpretar colectivamente a súa historia.



       A segunda parada foi no Barco de papel, lugar onde naceu este verán que describe na súa obra entre panos de papel, un termo de café e un calefactor de butano en pleno inverno. Alí comezamos co sentido do gusto para levar o verán a ese cuarto de inverno. Invitounos a sementes de xirasol pois sempre as asociou ao verán e á adolescencia. Entre o triscar das cáscaras, avanzamos ata a seguinte parada deste roteiro.

        No Campo de Marte, tivemos que activar o sentido do olfato para poder asociar unha estación por cada caixa de olor que nos entregou. 

         Continuamos a nosa andaina sensorial cara á praia de Santo Amaro ao longo da rúa da Torre ate o Paseo Marítimo. Alí paramos nun miradoiro improvisado desde o cal tíñase nunha perspectiva completa do escenario de Santoamaro. Ademais, entregounos fotografías que falan da historia desta paisaxe e de como a acción do ser humano cambiouna orremisiblemente. 

        A quinta parada foi na curva do Club do Mar. Esa foi a ubicación escollida para falar do sentido do ouvido pois a música ten unha importante presenza nesta obra. Ademais, de escoitar a canción Tijeras que se menciona no libro, Antonio Manuel invitounos a engadir cancións a esa playlist que creou coa banda sonora da novela. 

       A derradeira parada foi na praia de Santo Amaro, o único escenario da obra. Alí convidounos a esquecer o frío e descalzarnos para sentir o tacto da area nas plantas dos pés pois ese tacto é unha das sensacións que asociamos co verán. Ademais, vaciamos tres botellas con area de tres parias que para el foron importantes (Oza, Cabanas e Centroña) para completar o ritual mentres que lía un derradeiro texto co que pechamos a andaina.

        Foi unha experiencia marabillosa na que desfrutamos da compañía de Antonio M. Fraga e deste viaxe sensitivo. Moitas grazas a Antonio e a todos os membros dos clubs de lectura e familias que viñeron este sábado con nós.         


Ningún comentario: