02/04/19

Manolo Rivas no IES Afonso X O Sabio



Días atrás o alumnado de Bacharelato tivo a oportunidade de celebrar a entrada da primavera e o día da poesía na compaña dun dos escritores galegos de maior proxección internacional.

Manuel Rivas, nesta actividade organizada pola editorial Xerais en colaboración co Departamento de Lingua e Literatura Galegas, EDLG e Biblioteca, falou ao longo de case unha hora ante un público atento e interesado nas súas palabras; falou da importancia da literatura oral, explicou o porqué dos seus libros, da súa escrita, realizou unha emocionada lectura de poemas, algúns sobre os personaxes do libro "As voces baixas", en especial os seus avós. Esta é una obra escrita en clave autobiográfica, a modo de homenaxe do autor ás voces daquelas persoas que na escura época da ditadura franquista non podían elevarse para expresar a súa opinión libremente. Familia, amizades, infancia, medos, amores… A memoria dunha época na pluma dun escritor comprometido coa súa terra e orgulloso das súas orixes.

Ao remate asinou exemplares das súas obras a quen llo pediu, realizando fermosas dedicatorias personalizadas con mensaxes que transmitían bos desexos, afouteza, liberdade, respecto e folgos para a mocidade.


A Biblioteca preparou unha pequena guía de lectura coas obras que temos deste autor así como unha exposición das mesmas.


Obras na biblioteca


Este días pasados tivemos obras na biblioteca para mellorar a instalación eléctrica dos ordenadores co obxectivo de ter máis protexidos todos os cables. Igualmente instalouse un riel na parede con varios enchufes. 

Tamén foi cambiada a conexión eléctrica do canon de vídeo  para ter máis próximo ao mesmo un ordenador portátil.

21/02/19

Traballo documental de 2 da ESO:Xoana de Arco

Unha alumna e un alumno realizaron o seguinte traballo de investigación documental sobre Xoana de Arco:


04/02/19

Gravando "Reporteiros viaxeiros"

  
Durante esta semana, na materia de Xeografía e Historia, os alumnos e alumnas de 1º ESO, convertéronse en reporteiros viaxeiros.

O obxectivo da actividade era repasar os climas do mundo, vexetación, fauna... e de paso, coñecer as diversas culturas e costumes de zonas tan exóticas como Indonesia, Nepal, China ou Australia, entre outros destinos. 

Primeiro, cada parella escolleu un país do mundo para visitar. A continuación, os rapaces e rapazas elaboraron os seus guións, realizaron unha pequena investigación sobre o país escollido e lugares interesantes para visitar, e tras algúns ensaios... acción e a gravar!

A biblioteca foi o escenario de toda a actividade. Alí colocamos os focos e o croma, o que nos permitirá editar o vídeo, produto  final da experiencia.

Pero o que fixo posible todo foi, sen dúbida, a imaxinación e o entusiasmo  amosado polos rapaces e rapazas.

“Viaxar é un exercicio con consecuencias fatais para os prexuízos, a intolerancia e a estreiteza de mente” (Mark Twain)

“O noso destino non é un lugar, senón unha nova maneira de ver as cousas” (Henry Miller)