Un día máis do club de lectura de nais, pais e docentes do IES Afonso X O Sabio. Nesta ocasión viaxamos á campiña inglesa da man de Miss Marple, unha anciá observadora que basea o seu método nas experiencias da súa vida. O comportamento humano sempre se repite, e isto é o que nos transmite a agradable protagonista.
A novela de Agatha Christie, Un cadáver na biblioteca, gustou a todas as persoas do club, sen excepcións.
Un día, ás sete de mañá, o matrimonio Bantry esperta cunha desagradable sorpresa'na súa biblioteca: o cadáver dunha moza cun vestido de noite, como saída dunha festa. Miss Marple é amiga da señora Bantry e esta a chama para resolver tan estrano caso.
Esta obra reúne todos os trazos do estilo desta autora, a máis lida tras a Biblia e Shakespeare. Todos os seus personaxes sempre teñen un móbil para cometer o crime, deste xeito, a autora, reta ao lector dándolle toda a información necesaria para que este poida resolvelo.
Nas súas obras está presente a alta sociedade inglesa, as mansións e os seus coidados xardíns. O humor tamén está moi presente.
Obra fácil de ler e que nos achegou o mundo de Agatha Christie. Recomendada, sen dúbida!
Ningún comentario:
Publicar un comentario